Epistolario de Santos Júnior

Epistolario de Santos Júnior

O profesor Isaac A. Estraviz, autor de numerosas obras, publica unha monumental antoloxía epistolar do médico antropólogo Joaquim R. dos Santos Júnior con numerosos intelectuais e científicos galegos. Obra de traballo en arquivos e de alta significación histórica.

J.R dos Santos Júnior, 1901-1990, nace en Frescainha (Barcelos), mais o seu domicilio habitual foi a Quinta da Caverneira. Médico, catedrático na universidade de Porto, investigador en Portugal e Moçambique, frecuentou as augas quentes de Caldas de Reis (Galiza). Esta faceta anecdótica de veraneante en Caldas de Reis decora a súa intensa galeguidade. Santos Júnior, nas cartas con galegos, recolle o seu cariño co noso pais:

“Galiza, terra irmá de Portugal
Que o mesmo Oceano abraça longamente
......Altar de Rosalía e de Pondal”.

Estraviz espiga a través das cartas todo un rosario de loas: “Ha ja um par de días que vim dessas encantadoras terras e aínda conservo o entonteamento dessa maravilhosa Galiza irmâ que, de cada vez que a visitamos, tem a virtude singular de se desdobrar em encantos novos” (c. 21 a Filgueira V.)

“Regalei-me de lêr no teu discurso a doce lingua galega, a mais nídia e enxebre espresión dessa encantadora e ridente Galiza a quem, sem saber ben porquê, o meu coraçâo tanto quer” (ca S. Martinez Risco).

A longa, múltiple e científica actividade de Santos Júnior queceu sempre coa relación epistolar cos científicos e intelectuais da Galiza. Cun número que asombra. Eís os máis evocados na obra de Estraviz: Florentino L.Cuevillas, X. Lourenzo, X. Taboada Chivite, R. Otero Pedraio, Ben-Cho-Shey (X.R. Fdez. Oxea), V. Risco, Silvio Santiago, X.F. Ogando, X.F. Filgueira Valverde, F. Bouza-Brey, L. Bouza Brey, A. Fraguas, M. Figueirido, Irmáns Álvarez Blazquez, I. Parga Pondal e corenta e oito máis. A derradeira carta desta antoloxía é de 1989.

O Epistolario de Santos Júnior con máis de 50 galegos, vai de 1931 a 1989. É un epistolario sobre bases científicas, sociais, culturais e de intimidade familiar. O menos visíbel o nível político. S. Júnior permaneceu toda a vida sen intervir na política.

As comunicación de ambos corresponsais, S. Júnior desde Portugal e máis de 50 desde Galiza encerran unha cantidade sen par de datos, achádegos, análises etc. Unha base para o contexto histórico e para o coñecemento do ritmo científico e literario de Galiza e Portugal. Datos de alta estima, que reflicten a vida real das familias e do ambiente xeral de cada país e lugar.

Se para historia xeral dos dous países é este Epistolario de gran apartamento de datos, para historias especiais, da literatura galega, da Prehistoria, da música, da paisaxe etc. é un insuperábel arquivo á man.

Júnior escribía a F. Senén, director do Museu Arqueolóxico da Corunha: “Além do grande prazer de vêr e abraçar o queridísimo amigo Filgueira Valverde tive tambem um grande prazer en receber das mâos daquele querido amigo a belissima miniatura da Torre de Hercules, com que meus amigos arqueólogos galegos quizeram manifestar a sua simpatía por este velho arqueólogo portugrês e irmâo galego. Muito vos agradeço a oferta de tâo rica de simbolismo e que foi tâo grata ao meu espírito.” (2 de agosto de 1989).

O galeguismo ten en “Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, Epistolario, Isaac Alonso Estraviz” unha mina a aproveitar, un asombroso aportamento a historia deste país nos anos 1930 a 1990. Este tipo de documentación privada ofrece unha certidume superior á da prensa e dos documentos oficiais. Unha antoloxía, polo demais, chea de novidades poéticas e personais de numerosos galegos.