Enguedellarse nas redes, informar para formar...no herdo cultural, a identidade

Enguedellarse nas redes, informar para formar...no herdo cultural, a identidade

Movémonos baixo a batuta dos interesados ditados da globalidade mercantil. Sempre haberá unha celebración civil para cada día. E velaí que o ICOMOS, organización que actúa como conselleiro técnico ante a UNESCO , dende 1983 ven espallando a celebración para cada 18 de abril como “Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios” . Unha máis entre tantas dedicacións, proba de que a cousa non está normalizada para que se lle dedique un día á muller, ao neno, aos vellos, ás letras, á patria...aproveitemos a ocasión tamén.

Neste caso xornada para ser acollida por individuos e colectivos preocupados pola salvagarda do herdo do patrimonio cultural, a fin de sensibilizar sobre a súa vulnerabilidade e os seus riscos, máis nun tempo no que - pese aos adiantos, os que, ás veces, se converten en armas de dobre fío - vese ameazado, non so polas guerras, senón pola comercialización ilegal de antigüidades e moi especialmente pola ignorancia que mesmo impera entre as burocracias políticas e administrativas . Para este ano o tema de reflexión xira arredor da idea “ Patrimonio para as nosas xeracións”, ide que implica o traspaso en herdo, de xeración en xeración, do legado de bens inmobles, mobles e mesmo dos bens inmateriais. Cadea que supón xestión, profesionalización e sobre todo educación por todos os ámbitos. Eidos nos que entra entón a ciencia da museoloxía, a que pon a proba a capacidade e a madurez cultural dos pobos: acopiar, conservar, estudar, documentar, divulga, rendabilizar... E na Galiza debece isa ciencia da xestión patrimonial, non temos máis que coñecer o estado da cuestión nos lugares máis concorridos: Tegra, Torre Hércules, Fisterra, Teixido, Corrubedo, as Catedrais...e o estado da xestión integral dos museos.

Nesta ansia de tender pontes para facilitar o troque de relatos, entra a educación. Educamos ou meleducamos tod@s, facémolo co exemplo, dende a casa, na escola, na rúa e... hoxe, na era da información multiplicamos o efecto dende as aceleradas novas tecnoloxías. Tecnoloxías dixitais, audiovisuais, redes sociais, ferramenta cotián, entre as que se acurta o espazo e o tempo, que tanto convidan á interacción como contaminan, mesmo pra interferir, acosar e apuntar na diana da intimidade. E pra cumprir co devandito, o ICOMOS proponse e diríxennos a un hashtag #heritage4generations (polo de pronto primase na globalidade a cultura inglesa).

Na orixe radica a orixinalidade, célula de univesalidade

A UNESCO define o Patrimonio Cultural, como lugares, monumentos, artefactos, mesmo ideas, receitas, mitos, músicas, danzas.... con valor estético, científico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico. O patrimonio cultural debe contextualizarse e valorarse en función do seu espazo e do seu tempo, como pegada e lección de historia, na que descubrir acertos e desacertos, mesmo a xerarquización, o escravismo, o clasismo que supuxeron as pirámides, os castelos, as catedrais... pero tamén técnicas de saber, a filosofía, a democracia, por exemplo. Herdo do pasado, a orixe na que radica a orixinalidade dos pobos, os bens que nos identifican na uniformidade, aos que sumamos inventos e creacións de hoxe, noso aporte á universalidade. Proba do seu valor é que, por un proceso selectivo, transmítense automaticamente de xeración en xeración, sen faltar as interferencias de desaprensivos que tentan contra el. As formulas de agresividade son cada vez maiores e máis sutís. Hoxe resulta alarmante o espolio do patrimonio nas guerras do Crecente Fértil , onde naceu a lei, a palabra e viceversa. Faise patente tamén a impotencia fronte á destrución de piares das civilizacións.

Da sementeira do Seminario de Estudos Galegos ao Laboratorio de Formas e hoxe a velas vir

O ICOMOS convida a desenvolver o tema a través da transferencia de coñecementos. Teima presente na cultura galega denantes daquela guerra civil que dinamitou a sementeira que foi o Seminario de Estudos Galegos ( despois da guerra e hoxe aínda dependente do CSIC), do que nacería décadas despois o Laboratorio de Formas, ideado por Seoane, Díaz Pardo, Albalat, entre outros , teoría feita praxe nas “Industrias da Memoria”, O Castro, Sargadelos ... partindo da idea de que o movemento demóstrase andando, anovar imaxe de Galiza e levala tamén aos bazares. Otero Pedrayo insistía en que el era unha ponte que viña de Castelao até os que hoxe somos, co deber de manter e transmitir íntegro aquel mensaxe ético e estético que nos identifica no mundo. Mensaxe que non pode coutarse e enviciarse en círculos de intelectuais para intelectuais, feito tamén para enredarse na globalidade, asumindo aquel vello e precursor principio galeguista, “Galiza célula de universalidade”.

Interacción nas redes sociais

E centrándose nesta chamada do almanaque civil promovemos o coñecemento do estado da cuestión no que toca ao patrimonio cultural dos pobos, recurso identitario e fonte de riqueza. Tarefa pra que compre o motor do diálogo tolerante, o entendemento e a paz. Como punto de partida asúmese o liderado da xuventude hoxe, caracterizada pola enerxía e a aptitude para as novas tecnoloxías, como a confianza nos profesionais e nos creadores emerxentes, no necesario intercambio de coñecementos. E entre todos abandeirar a iniciativa da responsabilidade,de mobilizarse e de espallar a mensaxe do patrimonio cultural polas ondas do ciberespacio, a través das redes, como se fai con tantas cousas .É este un xeito de enriquecerse si se parte de principios como o que todos os seres humanos somos iguais, con pobos, culturas e enriquecedores aportes. Todos donos e responsables do planeta Terra.

Pois velaí que o ICOMOS convoca a usar unha práctica cultural emerxente, a estratexia das redes xuvenís, furar entre emoticonos, jajajas...ok e frases feitas...coa chamada de documentar o patrimonio, gravar en vídeo, fotografar, compartilo, facelo libres de dereitos de autor. Novo xeito de comunicación do que algúns outros tamén se aproveitarán para o seu uso e abuso. Do compartir ideas sairán novos portes, relacións, concluíndo que nas diferenzas hai moito en común, especialmente a labarada do espírito que chama ao encontro, á arte. O patrimonio está feito para mostralo, para compartilo. E mesmo se facilita un enlace para conformar ese banco de fotos, [email protected]

Fracasamos no xeito de impartir unha seductora mensaxe

O fondo da cuestión pon á vista de que os contidos son sedutores, pola contra fracasamos nas formas de facelo, ancorados no carpetovetonismo, pouco creativos, apatufados, atufados en círculos, charlas, mesas redondas, que máis ben parecen desfogadeiros de egos para a autorealización. As administracións deberan convocar ideas pra facilitar o encontro e o diálogo interxeracional arredor das ideas e do legado patrimonial e para iso están os museos dos actores, máis que os dos espectadores. Si ben esa parte do patrimonio que a mesma administración xestiona prívase de medios pra desenvolver os seus fins teóricos.

A idea proposta arriba non resulta unha novidade pros galegos, pois xa dixemos que ten raiceiras no Seminario Estudos Galegos, e xa vai para máis alá dun ano – e fora destas propostas globais - que se creou a plataforma Rede Patrimonio Cultural, (redepatrimonio.gal) coa ansia de compartir inquedanzas en favor de canto nos identifica.

Hai outras prácticas de sensibilización baseadas na creatividade e na incidencia: cidades que ofrecen medianeiras, recunchos inútiles, feismo integral campante, espazos nos que intervir pra rexenerar, convidar a facelo con novas ideas e mensaxes, informando e formando, con ética e estética que abra camiños. O tandem Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane tentaron iso mesmo, re-crear sobre un estilo que viña de antes para levalo a todas partes. O peor é que esa lección rexenerativa, visto o que se ve, e témolo repetido moitas veces, parece que non se aprendeu. A TV que interfire na casa ten un papel fundamental. Iso si, abondan os aparatos, as administracións, organismos, institucións, asociacións, medios apelidados “de cultura” e “galega”, os resultados non son máis que os das liturxias inútiles ou o enredo burocrático, burocracia que non xera máis burocracia e que tamén transpapela monumentos.

Polo de agora, as redes mozas convocan ao botellón na alameda, arredor da igrexa, no campo do cruceiro...diana de vandalismo, contaminación integral, degradación social e de futuro.