Encontro coa cultura

Amig@s: Como os montes, a cultura galega arde. Coas silvas medrándolle por riba, a cultura galega está sendo arrasada. Liquídannos. Un tras outro pecharon os medios de comunicación en galego. Seica difundían información subversiva ou a información, en galego, vólvese subversiva. O goberno, galego disque, está directa e indirectamente detrás da queima deses medios. E aínda que pensamos, como o ave Fénix, levantarnos das cinzas co proxecto Sermos Galiza, hoxe toca repasar a listaxe de agravios. Tamén as persoas que traballan na normalización lingüística viron neste tempo como se precarizaban as súas condicións laborais. As políticas da tesoira non contemplan a protección da lingua. Un tecido fundamental para dinamizar o uso do galego, para asegurar o cumprimento dos nosos dereitos lingüísticos e difundir a nosa creación cultural está sendo minado. Por outra banda, a escena galega, vese cada día máis baleira. Durante anos falouse de que o teatro estaba en crise, de que novas formas de lecer podían suplantalo. Non nos preocupemos. Ese baleiro de público xa non se dará... Agora están a baleirar os escenarios. Acabaron coa Feira galega das artes escénicas, un punto de exhibición para que contratadores de todo o estado puidesen incluír nas súas axendas as producións dramáticas das nosas compañías. A Feira aseguraba que en todas as vilas do país, e ás veces mesmo en Madrid, se soubese que hai actores fóra de Hollywood e que falan galego. Con este carácter profundamente subversivo non debe estrañarnos que acaben co teatro. A escena está que arde.
Por sorte fica a música, tan universal que nin sequera cabe en palabras. Por iso a AGADIC contrata personaxes aos que ten que publicitar dicindo, como no caso de Patrick Wolf, que o traen porque nunca estivo aquí. Supoño que con ese criterio poden ir traendo todos os músicos de Oceanía, por exemplo. Mentres, desde as nosas bandas aos proxectos máis experimentais, desde a música tradicional ao rock, todo o que se apoie na nosa identidade, xa sabedes... arde.
Canto á literatura na Galiza, é literatura en galego. Sobra dicilo. Saudamos con pracer a literatura en alemán, en árabe, en suahili. Lemos literatura universal. Como non damos falado todas as linguas do mundo, precisamos que se acrecenten as traducións. Do checo, do guaraní, do bereber porque a diversidade humana é enriquecedora. Poderiamos pensar logo que a escasa protección actual á tradución corresponde cun interese por empaparnos das nosas propias e ricas letras. Non é así.
Mentres citan hipocritamente ao autor ao que corresponda celebrar polo 17 de maio, agardan que leamos exclusivamente en español. Por iso as autoras e autores que publican en español reciben mencións e saen entrevistados nos medios de comunicación. Queren visibilizar que somos terra ocupada. A promoción do libro, din os nosos gobernantes, debe atender tamén a Valle Inclán, a Cela. Efectivamente, a promoción do libro, así en xeral, atinxe tamén a eses autores. E a Pamuk e a Goethe e a Shakespeare. Mais a promoción do libro feita pola administración galega corresponde o libro galego. Que non ten máis ninguén que mire por el. Arde o libro!
,Tampouco as asociacións culturais non disporán de partidas orzamentarias nin parece posíbel para ningunha das persoas que traballamos na creación cultural quitar adiante proxecto ningún. Un por un cada sector da cultura galega arde. Queren queimarnos. Con todo, o punto de ebulición da cultura galega é máis alto que o do ferro. Estamos incandescentes; mais non somos lume vivo. Non aínda. Estamos que botamos fume mais reservamos a forza para as nosas creacións. E ímolos queimar!!
No BNG sabemos que a cultura galega precisa axuda institucional, precisa intervención e apoio para subsistir porque é un terreo delicado. E estratéxico. Desde os sectores conservadores, a defensa desta intervención cultural critícase rapidamente; din que queremos unha cultura subvencionada. Pois si, subvencionada, que pasa? Subvencionada quere dicir deseñada e protexida cos cartos de tod@s, rendendo contas publicamente de canto se fai, promocionando o que é de noso, difundindo con transparencia e sen amiguismos o que se protexe con orzamento público. Agora ben, se en Madrid o Ministerio de cultura -que, curiosamente, aínda existe- patrocinase esa axuda, daquela racharíalles España. E por suposto na Xunta non interesa cultivar un eido que por definición salienta os aspectos diferenciais desta nación que, por certo, aínda está en pé.
Quizais nunha sociedade mercantilizada como a que vivimos, moitas persoas non sintan a cultura como un eixo central de actuación. Quizais pensen que con problemas tan graves no sector agrario ou no naval, a cultura é un luxo superfluo. Efectivamente. A produción artística, ese luxo, alimenta o esforzo máis enorme que o cerebro humano pode soportar: o de introducir unha idea, que estaba fóra da cabeza, dentro dela, atravesando un cranio ben duro. A cultura é un luxo no mesmo sentido que o son gozar dun paseo pola beiramar ou contemplar o solpor entre os montes.
No entanto, no sentido material que para tantos é o único que importa, a cultura tampouco non ten nada de superfluo: supón o 2% do PIB, mesmo cando están a queimala. Que non podería dar se mirasen por ela! En auto-estima, en sensibilidade, en perspicacia, mais tamén, volvamos ao seu mundo real, en postos de traballo digno, en pequenas empresas de man de obra especializada, en rendibilidade económica. Fronte á idea de lacazáns culturetas, que quizais poida manterse noutras latitudes, con outros tecidos sociais, a cultura galega inclúe postos de traballo creativos e postos de traballo técnico: tramoistas, condutoras, editores, iluminadoras, maquilladores, deseñadoras e realizadoras de vestiario, escritores, ilustradoras, cantantes, actores e actrices, directoras de escena, tradutores, xornalistas, enmaquetadoras, músicos de todos os estilos, deseñadoras gráficas, produtores fonográficos, perruqueiros, debuxantas de banda deseñada, acomodadores e despachantes na entrada, creativas en novas tecnoloxías e moitos máis. Non todas estas son profesións; na literatura, por exemplo, apenas hai quen dea vivido dese traballo. Mais tod@s... arden.
Por iso, como máis unha entre vós, como persoa da cultura, quérovos pedir o apoio para o Bloque Nacionalista Galego. Porque o BNG é a equipa da casa, a que defende a cultura galega por ser a nosa, a que entende o fenómeno identitario e considera a cultura entre os sectores produtivos deste país. Porque o BNG propón políticas de esquerdas, onde a administración protexe e dinamiza, e, despois desta queima, moitas das nosas producións terán que ser especialmente auxiliadas. Pídovos o apoio para o BNG porque o PSOE foi o goberno da nefasta Lei Sinde (que protexe os intereses das grandes compañías e pecha páxinas web vulnerando a acción xudicial); o PSOE foi o goberno da reforma do canon dixital sen rematar e do escándalo da SGAE. E o PP é o partido da megalómana Cidade da cultura, o proxecto por definición oposto ao que queremos. Nun momento en que se fala moito de indignados e de desconfianza nas institucións, cabe lembrar que o BNG sempre estivo aí nas bases do movemento asociativo, nas plataformas para impulsar pequenas iniciativas, para xestionar museos e casas da cultura, para dotar de locais de ensaio, para lembrar que a cultura está viva e quenta os ánimos sen necesidade de plantarlle lume. Hai alternativa a tanto desencanto! No BNG. Por Galiza!