En fútbol tampouco vale todo

En fútbol tampouco vale todo

Remato de ler o libro de Carlos Freire, Todo sobre o fútbol galego, Xerais, 2012, e cústame moito entender como se pode publicar un tomo así con este título. Cústame moitísimo en calquera libro de calquera temática. Imaxínanse vostedes a alguén que nunca publicou un libro (ou publicou quince!) que titule Todo sobre Rosalía de Castro ou Todo sobre Eduardo Pondal ou Todo sobre… Neste caso pois a inicial responsabilidade do autor hai que engadir a ousadía maiúscula da editorial. Sempre que se publica un traballo debes recoñecer a laboura de investigación, o tempo dedicado, o esforzo, etc. Eu fíxeno sempre e fago incluso neste traballo. Pero debese ponderar moito o obxectivo final cos medios dos que se dispón. Este libro caracterízase pola desproporción, o enorme desequilibrio entre un e outros.

En primeiro lugar a falta dunha introdución que explica os criterios, de habelos, a hora de elaborar este suposto dicionario de fútbol galego: da A a Z. Pode coller todo: futbolistas, árbitros, equipos, adestradores, tácticas, estranxeiros, emigración, etc., dedicarlle unha páxina a un xogador menor e outro fundamental nin saír no libro. Nalgúns casos dise cantos partidos foi internacional noutros non. Por exemplo Buyo (7 partidos), non vén, tampouco Fran (16 partidos e dous goles) e si se di de Claudio ou outros.

Nin hai profundidade, nin se ofrecen os datos máis salientables, como se di na contracapa do mesmo. A falta de metodoloxía, de coñecementos fundamentais das fontes primarias e secundarias, da bibliografía máis elemental e criterios claros. O resultado é unha confusa chea de datos, moita opinión subxectiva, falta de homoxeneidade, gran desequilibrio cronolóxico e xeográfico. Vigo sobresae moito con respecto da Coruña.

Claro que hai moi boa conexión mediática e publicitaria do libro. Isto axudaría a entender o da súa publicación. Pero creo polo contrario que o prezo será moi alto. Como me di un ex xogador internacional do Deportivo “parece feito o chou, o que saia”.

Vexamos algunhas cuestións. Polo que se refire a xogadores hai erros lóxicos nun abano tan grande e outros xa difíciles de xustificar. No caso de Luís Suárez non só faltan datos moi relevantes como que xogou dous mundiais (de outros como Tomás Reñones dise que xogou un) que co Barça gañou dúas Ligas, dúas Copas, dúas copas de Feiras ou que acabou xogando na Sampdoria onde se retirou; pero sobre todo falta que ademais do famoso Balón de ouro tivo dous de prata e un de bronce. O máis grave: non xogou nunca, como se afirma no libro, no Xuvenil da Coruña, pois nunca xogou en Terceira división, pasou directamente de Serie A (Preferente) a Primeira división. Non foron 31 partidos coa selección e outros erros que veñen na prensa cavernícola española da que sería mellor no copiar.

Falarei menos dos que están para non ferir susceptibilidades pero direi algunhas ausencias rechamantes, que debería ter voz propia, algunhas pois a nómina das ausencias podería ser máis grande que a do propio libro:

XOGADORES

Chao (A Coruña, 1921-2000) do Deportivo e logo do Málaga, fillo de Antón Villar Ponte e tantos anos ala esquerda con Chacho; Jaime Blanco (A Coruña, 1940), Deportivo, Real Madrid… seu irmán Antonio Blanco (1926) no Murcia e no Deportivo; Richard (Ordes, 1953) Deportivo, Valladolid; Matito (Noia, 1937) do At. de Madrid, Betis, Oviedo… Cholo do Deportivo ou Joanet, Piña, Pousada, Traba e Ballesta; Lolín (Monforte, 1925) no Celta sete temporadas. Rubiñán, o de Redondela xogou no Choco da súa vila natal, no Ourense, Deportivo, Real Madrid (gañou dúas Ligas e dúas copas do Rei); o vimiancés Ramón Blanco (1952-2013) ademais de xogador de primeira co Cádiz e Betis foi adestrador na máxima categoría. Neme do Pontevedra, sete temporadas no equipo do hai que roelo, cinco delas en Primeira, ademais foi internacional; Valdés do Bergantiños, Compostela, Ourense, Burgos. Edelmiro Lorenzo Codesido, seis temporadas (1930-36) no Espanyol de Barcelona; antes do Eiriña pasara a Cuba xogando no equipo do Iberia; sería internacional coa selección cubana; adestrador do Pontevedra nos anos corenta.

O` Donell Lorenzo, seu irmán tamén no Celta e no Espanyol; Veloy, Mariano (A Coruña, 1923-Barcelona, 1988) dende 1943-54 co Espanyol de Barcelona; Portu (José Basteiros Fariñas) quen xogou no Betis nos anos cincuenta tanto en Terceira, Segunda como Primeira División. Amador (Betanzos, 1937) xogador do Deportivo e cinco temporadas no At. de Madrid. Cela Pereira (Vigo, 1936), campión do mundo xuvenil, xogador de e de primeira co Espanyol fichando posteriormente no Real Madrid. Seisdedos Varela, que do Bergantiños de Carballo pasou ao At. Tetuán (Marrocos), en Primeira División, sendo o único equipo africano en facelo, despois iría ao Sevilla de Helenio Herrera. Mandiá, (Alfoz, Lugo), debutou en Primeira División con 17 anos no R. Madrid, estivo catro anos no Celta; adestrador en Primeira División co Santander; Castillo, fillo do historiador don Angel del Castillo, quen xogou en diversas equipos dende o Bergantiños ao Ferrol, promoción a Primeira División incluída en 1952; Maristany (A Coruña, 1929), quen nos anos cincuenta do Xuvenil da Coruña, pasou ao Deportivo e ao Barcelona e finalmente ao Santander. Pedrito (Monelos, A Coruña 1917) xogou no Deportivo dende 1934 ata 1952 chegando a debutar coa Selección española 1945. Padrón (A Pobra do Caramiñal, 1935), porteiro do Celta e do Deportivo en Primeira División sete ou oito temporadas; Bermúdez (Ferrol 1936) Deportivo e At. de Madrid en sete temporadas.

Se de nomes profesionais de primeira ou segunda, pasamos aos xuvenís botase de menos no libro unha referencia aínda que breve tanto os equipos como a propia selección galega pola que pasaron xogadores e adestradores moi importantes: Rodrigo, Chao, Elícegui, Lamelo, Manolete… habendo en momentos determinados unha canteira extraordinaria que se foi abandonando.

,EMIGRACIÓN

Se falamos de futbolistas galegos na emigración non podemos esquecer o caso singular de Villamide (Montevideo, 1931-Mallorca, 1989), oriundo de Carballo de Bergantiños, será dos máis novos do mundo en debutar en primeira categoría e que xogou entre outros equipos no Peñarol de Montevideo, na selección uruguaia (17 anos), Espanyol ou Mallorca. Outro caso chamativo é o de Pepe Rodríguez (Vigo, 1899-Chile, 1972) que despois de xogar tanto no Vigo como no Fortuna , ficha no Barcelona en 1910 acadando o seu primeiro titulo a Copa do Rei dese ano. Marchará para Arxentina e Chile. Gardase no museo do Barcelona a súa camiseta (1910) como a máis antiga que posúe o club. O vigués Santiago Formoso, xogou nos anos setenta no Cosmos de Nova York, sendo internacional con EE.UU.

A nivel de clubs destacar tamén o equipo do Centro Galego da Habana, campión en oito ocasións, sendo na actualidade aínda o segundo con máis títulos, despois do Villa Clara con 11, da Liga Cubana.

Así podiamos continuar para ver as enormes lagoas deste libro que comentamos, noutros eidos como adestradores, equipos (o Bergantiños non aparece sendo un dos históricos de Galicia, 1923, onde saiu Arsenio, Seisdedos, Pose…) campos de fútbol, normalización lingüística e fútbol, Prensa deportiva histórica: Galicia Sportiva, Ferrol deportivo, Coruña Sport, El Balón, Meta, Riazor, Faro Deportivo, Vida deportiva que fundou Manuel Núñez que sería tamén presidente do Celta. Falando de presidentes ausencias como a de Benito Villamarín (Toén, Ourense, 1917-Sevilla, 1966) unha década 1955-65 presidente do Betis ou José Añón (A Laracha) presidente da empresa uruguaia de transportes CUCTSA, presidente do Nacional de Montevideo nos anos cincuenta, con varios títulos de Liga ou o caso de Alonso Fariña, fundador de Reace en 1956, do que habería un dos casos máis corruptos do franquismo, que sería presidente do Celta.

Non hai entrada para a Federación Galega de Fútbol e como esta pasa en 1941 de Vigo para A Coruña e por que. Nada se di en fútbol afeccionado da importante Liga das Mariñas e do Fútbol Modesto da Coruña, ou da Liga do Sar, pero si se di da Liga da Costa. Nada se di de que o Marín xogou unha final do Campionato de España de Afeccionados contra o Barcelona en 1952, perdendo 4-1 sendo o gol do Marín realizado por Emiliano no campo de Chamartín antes dun España-Irlanda.

Na entrada Copa Galicia, a información é equívoca pois este importante trofeo é moi anterior ao 2006 como se indica. Xa en 1969 vin gañar ao Bergantiños de Carballo este trofeo ante o Turista de Vigo, como pode afirmar o actual adestrador Xulio Díaz ou Valdés pois foron artífices importantes nese triunfo; o club carballés, hoxe cumpre 90 anos, volvería a gañar este título en 1986. Pero xa diciamos ao comezo que este libro é moi desproporcionado, tan ambicioso como carente de bagaxe para tal viaxe.

Non, non se trata de facer unha crítica por erros puntuais e lóxicos, sendo eu o primeiro en telos, posiblemente neste mesmo o artigo. É un erro maiúsculo do autor por tal título e a falta de rigor da editorial por meterse a publicar Todo sobre... máis propio doutro tipo de prensa e editorial.