Efemérides e contra-dicionarios
En concerto recente na Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia celebrou o bicentenario da primeira Constitución española, a de Cádiz de 1812. Para tal ocasión, escolleron a Obertura 1812, de Chaikovski, e mais varias pezas da zarzuela Cádiz, de Chueca. Aproximadamente polas mesmas datas, a prensa infórmanos da redacción dun contra-dicionario, sob a dirección do historiador Ángel Viñas, como resposta ao oficial da Real Academia da Historia española, que inclúe xuízos abertamente favorábeis para o xeneral Franco e outros elementos da ditadura e pexorativos ou infravalorativos para personalidades da Segunda República española. A intención de Viñas e dos historiadores que participan no seu proxecto é ofereceren unha visión realista e veraz do decurso histórico español, en concreto no período mencionado. Isto, en España. Vexamos que acontece na Galiza.
A cultura española -como todas as normais do mundo- dialoga constantemente consigo mesma; reconstrúe para o presente a historia; autohomenaxéase; e, sobre todo, encaixa este labor continuado no universo xeral da identidade española, exhibida e reforzada por millenta vías. A “cultura” das efemérides é, pois, coadxuvante, non episódica. Tamén aquí, entre nós, existe, como non… Mais, por parte oficial, limítase á celebración restrita dunhas cantas datas (mellor cabería dicer de unha data), aquelas que lexitimen minimamente que o aparello administrativo da Xunta de Galiza naceu neste país, por moito que derivado dunha lei orgánica española (Lei 1/ 1981, Estatuto de Autonomía). Por certo, a celebración do Día das Letras Galegas data de 1963; o seu promotor inicial foi Francisco Fernández del Riego, e cobrou vida social e animación patriótica cando celebrado foi, en actos de vocación masiva, por asociacións culturais e, máis tarde, por organizacións políticas e sindicais vinculadas ao nacionalismo galego. Mais, na fase actual do rexime autonómico, axiña se considerou que calquer afirmación cultural que circulase fóra do circuíto autoanémico afiliada estaba ao “ensimesmamento” e o que cumpría era “proxectar” a cultura galega ao universo mundo, curioso xeito de promover a exportación dun doente ou maltratado, no canto de tentar reporlle a saúde no seu lugar de orixe.
Practican o que Pilar Pallarés ten denominado o espírito de embaixada: homenaxearnos (pretensamente) un día ao ano, cal se fósemos minoría étnica na nosa propria terra. Mais é que, outramente, tal homenaxe nen sequer é tal nos termos democráticos esixíbeis: continúa a ferreña exclusión (presencial, orzamentaria, mediática) ou a contracción a anécdota irrelevante de todo o que non é gobernamental-xuntístico ou para-oficial ao seu servizo. A recente celebración do Día das Letras Galegas é, máis unha vez, un bon exemplo do que digo. Os representantes da Xunta acoden a Vigo, na compaña de académicos da RAG, e dispoñen de amplos e sonoros megáfonos ao seu servizo. Simultaneamente, nas rúas do núcleo histórico compostelano, máis de 20.000 persoas, en manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego e secundada por ducias de organizacións políticas, sindicais e asociativas, permitiámonos recordar, como o manifesto de Agustín Fernández Paz lembraba, que o instrumento indispensábel da literatura, a lingua galega, está sendo atacada, mancada, agredida, por parte de quen, cinicamente, se apresta a elevarlle un altar de cartón-pedra o día 17 de Maio. Carlos Callón, o portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa banda, tivo que comezar denunciando a prohibición do Concello de Santiago de utilizar palco e pontos de luz na praza da Quintana, prohibición revogada por decisión xudicial en 24 horas. Así se celebra, por parte oficial, a lingua galega! O que non se admite, de maneira nengunha, é que os fenómenos se remetan á súa xénese e ao seu sentido, isto é, que se celebre a data como culminación de todo un ano, de décadas, de situación non resolvida da lingua galega, submetida non só ás sevicias tradicionais históricas, á inercia negativa -tan fortemente internalizada en nós mesmos-, senón á vergoñenta política oficial que non só non aplica a mínima lexislación favorábel á presenza social e pública do galego, senón que aínda incorpora novos mecanismos redutores, reguladores, que impeden a súa presenza. En metáfora clínica, unha cousa é non administrar á paciente a medicación e cuidados necesarios; unha outra, ben máis grave, é inocularlle máis virus mortais, para que se debilite aínda máis…
,Vaiamos agora con contra-dicionarios. Verbo da noticia que comentei ao principio, non vin citado por nengures un contra-diccionario galego que existe, non como proxecto, senón como obra publicada en 2010. Refírome á obra Abelcebú, de Carlos Negro (Positivas), que leva dedicatoria a “Pedro Chosco, ao Demo Perello e á Galiña Turuleca”). Quen o ler, atopará, moito ben asimiladas, pegadas de Quevedo, de Torres Villarroel, das greguerías de Gómez de la Serna, mais, xaora, de Castelao e de toda a tradición humorística galega (moitas das definicións “vémolas” en viñeta…) Todo o seu ar humorístico e “ácrata” non oculta un labor ben meritorio de oferecer unha semántica contestataria da imposta a través das políticas gobernamentais, pantalla que son dos grandes poderes financeiros, e de toda a súa armazón mediática. Non se esgota o libro, con centos de entradas ordenadas alfabeticamente, nesta desvendaxe do significado imposto; xoga, asemade, coa ruptura da definición comunmente admitida, da rotina, dunha tradición inmobilista. Apontemos algúns contra-significados deste dicionario:
“Estrafalario: O político sen ambición, o banqueiro sen cobiza, o escritor sen vaidade”.
“Estrangular: Afogar un país, apertándolle a gorxa á súa economía”.
“Ética: Arcaísmo filosófico referido á elucubración etérea que ten por obxectivo establecer os límites difusos entre o Ben e o Mal; na sociedade capitalista contemporánea a ética designa unha prenda reversible, adaptable ás veleidades do Mercado”.
En fin, daría -a utilización deste volume- para un debate, tanto escolar como sociopedagóxico en xeral, que de certo habería resultar ben produtivo. Naturalmente, non en termos de “adhesión” ou de “aprendizado”, senón, tal e como é intención do proprio autor, en termos de discusión e de, inclusive, contestación da contestación.
Imitando este proceder, sinalo brevemente a improcedencia, mesmo en publicacións do ámbito nacionalista, de auténticas equivocacións conceptuais, nada inocentes, por certo. Unha das máis estendidas resúmese no sintagma “clase política”, que resulta tan ignorante do conceito “clase social” como do conceito “política”. Se o uso de “gremio”, por exemplo, aplicado aos profisionais da Medicina, practica o anacronismo, pois os tais gremios medievais xa non existen, resulta, porén, comprensíbel no que quer designar. Falar, en troca, de “clase política” -para alén do inestimábel favor que lle empresta aos poderes financeiro-mediáticos, distribuidores do narcótico antipoliticista, para que así a única política existente sexa a súa- ofende a pura realidade: ¿son o mesmo acaso as políticas (no duplo sentido) e os políticos operantes na Galiza actual?; ¿serven os mesmos intereses?; ¿son portavoces das mesmas (aquí, si) clases sociais? Etcétera. Até o popularísimo Tío Marcos da Portela (1876) falaba dos gobernantes como culpábeis dos males dos labregos, no tan difundido Catecismo do labrego. Non lle poñer nomes e apelidos á política (formacións políticas diferenciadas; nomes das-dos seus representantes) é un caldo de cultivo excelente para desacreditar a política contestataria e con aspiración de significar a Galiza, a base de a fundir nun totum revolutum confuso e igualmente desprestixiábel. Examínese se isto, para alén da súa falsía, é o que nos convén ás galegas e aos galegos de hoxe.
Deixémolo aquí. Daría o tema para moito máis… Conclúo -moi á galega, claro está- cunha pergunta: ¿que deberiamos facer para sermos menos dependentes do dominio cultural españolizador -onde a marca galega é só anécdota estilística-, máis proclives a extraírmos coñecemento da nosa riqueza clásica e de toda a produción contemporánea?; para acompañar a crítica de toda a aparataxe anti-galega dunha, en paralelo, positivación de todo o que nos define como galegas-os?