... E quen inventou Galicia?
O de que Galicia a "inventaron" os romanos é expresión debida (que eu saiba) ao prof. Bermejo Barrera. Ten razón, no sentido de que, efectivamente, foron os romanos os primeiros en nomear así o país, a provincia Gallaecia. Antes deles nada indica que tivese nome; cousa natural, pois os que aquí habitaban non constituían unha única entidade política, senón múltiples pequenos estados independentes (castros ou trebas, ou como se chamasen).
Mais por riba desta fragmentación todos eles presentaban rasgos comúns dabondo significativos como para que xa os primeiros visitantes foráneos percibisen que se trataba dun mesmo pobo, ao que denominaron galaicos (ou Καλλαικοι). Foi, por tanto, o común nome dos habitantes o que levou á denominación do conxunto do país (a provincia), que desta forma non deriva de factores xeográficos baixo os que se engloben pobos diferentes, senón que recoñece a previa existencia dunha comunidade nacional (ou etno-cultural), resultante dun longo pouso de convivencia, independentemente da previa existencia dunha superestrutura política. Son os romanos os que crean esta por vez primeira, pero o pobo galaico (natio é precisamente como acostuman a denominar os romanos aos pobos) existía moito antes.
En realidade a configuración da provincia de Gallaecia variou notablemente xa ao longo do baixo Imperio. Nun principio abranxía os famosos tres conventos xurídicos (o Bracarense, o Lucense e o Asturicense), é dicir, o territorio que de maneira aproximada ven sendo o norte de Portugal, a actual Galicia e Asturias-León; e así permaneceu durante o século III. Sen embargo logo, ata o séc. V, a provincia se estendeu por un dilatado espazo que chegaba ata o País Vasco, ao engadírselle o denominado convento Cluniacense.
A primeira delimitación da provincia semella axustarse ao dito territorio cultural ocupado polos galaicos ou, en todo caso, galaicos e astures, polo que reflicte unha compacidade histórica chamada a ter unha potente proxección futura, pois practicamente ata o séc. XII todo ese territorio se recoñecía como Galicia. Tan galego (ou galaico, se se prefere) era un habitante de Lugo como outro de Braga ou de León.
En cambio, a ampliación da provincia polo extenso territorio da Meseta Norte e o Cantábrico ata os Pireneos (o convento Cluniacense) debeu responder ante todo a unha conveniencia administrativa, mais non por iso deixará de ter tamén repercusión futura.
A forza que as estruturas romanas mantiveron moito tempo despois da desaparición do Imperio (no séc. V), explica de maneira perfectamente lóxica aparentes incoherencias nominais, como a de que un xeógrafo musulmán do séc. X (Ibn Hawkal) delimite con exactitude o mapa de Galicia na súa época asegurando que ao norte de Lisboa e Santarém éntrase xa no país de Galicia, que o río Texo percorre cidades galegas, que galegas son Zamora e León (cidade esta onde -nos dí- reside o rei galego) e incluso que os «vascos son cristiáns de Galicia». É evidente (érao xa daquela) que os vascos non son galegos, nin tampouco os casteláns, mais todos eles se incluían administrativamente nos límites daquela antiga provincia de Gallaecia, e durante a alta Idade Media eran vasalos do rei residente en León, ou sexa, do rei de Galicia. Así pois, malia non seren galaicos, integraban a Galicia política romana e feudal.
E se nos asomamos a un mapa cristián, como o elaborado por Beato de Liébana no séc. IX, observamos a mesma concepción: o gran territorio noroccidental da Península, polo que fluen os ríos Miño e Douro, todo el é Galicia. Asturias está dentro dela, non ao revés, como nos ven contando a historiografía oficial, segundo a cal Galicia sería un territorio marxinal de Asturias, abusando dunha sinécdoque absurda ignorante das fontes. No séc. V Orosio deixaba constancia de que «os cántabros e os astures son unha porción da provincia de Galicia» e no séc. VII Isidoro repetía a mesma obviedade: «as rexións son partes das provincias, como por exemplo Asturias e Cantabria en Galicia».
A constitución do Galiciense Regnum dos suevos no séc. V ampliou aínda a xeografía da Galicia política, mediante a anexión dunha boa parte da provincia romana da Lusitania. Resultaba tamén obvio que os habitantes deste territorio non eran galegos de nación, conforme o establecido pola división romana, pero durante os séculos seguintes apenas se discutiu que formasen parte do conglomerado político do Reino de Galicia. Por iso ao norte de Lisboa se entraba en Galicia.
Estes foron os criterios vixentes durante séculos, segundo se pode comprobar nos documentos e na cartografía que se queira consultar.
Foi no século XII cando se consumou a fragmentación da Gallaecia clásica, que xa se viña fraguando desde tempo atrás, a medida que os diferentes (e enfrontados) intereses aristocráticos ían consolidando espazos territoriais progresivamente individualizados: a partir da Gallaecia bracarense nacía o Reino de Portugal; en 1157 constituíase o de Castela (na cluniacense), e ao redor da Corte leonesa (sobre o convento asturicense) un Reino de León, de momento aínda unido a Galicia (Reino de Galicia-León ata 1230).
Desde aquela o nome de Galicia designa case o mesmo que hoxe, salvedade feita do Bierzo, que seguirá sendo administrativamente galego (de nación segue a selo) ata finais do séc. XV.
A Galicia actual, en conclusión, é unha porción da vella Gallaecia romana e medieval, aproximadamente herdeira do convento Lucense.