Dous días de Maio e “O Mar… ese camiño”

Dous días de Maio e “O Mar… ese camiño”

A non ser polas gráficas da débeda e os venres opresores, este é como todos os demais Maios. Mais ou menos parisino, rebelde, florido e de rechouchío de aves que aniñan. Eidos revestidos de cores e esperanzas labregas. Mes que abre coa festa tradicional dos “Maios”, a árbore e a cruz en procesión e entronizada. Pois as aves e a flor son símbolos de porvir, de froitos no verán, de grao no outono, de novas sementes. Ao menos o ciclo anual, vai cumprindo con furia ou sen el en tempos de promesas abortadas.

Segunda semana de maio de días sobranceiros, dedicados por sanedríns da cultura a persoeiros e a institucións que merecen lembrarse e anovarse, para non perder memoria ou raiceiras do que somos: o 17 “Día das Letras Galegas", así instituído pola Academia Galega dende 1963 e a xornada seguinte, o 18 como “Día Internacional dos Museos”, creado polo ICOM, no ano 1977. E por diante e por detrás outros días do almanaque con festas relixiosas e laicas, locais e globais, que por algures terán celebración.

Dende que existe este xeito de advocación a estas dúas xornadas aproveitámolas para artíllalas entre si e celebralas. Para concluír que a cultura, aínda que se endomingue de cando en vez en horas de portas abertas e portadas, non pode coutarse soamente ó pozo da imperante civilización do espectáculo, á liturxia de actos, días ou museos. A cultura é práctica, o que cultivamos como reposta colectiva ós problemas da terra e do tempo. E para iso acudimos a tradicións, a creacións, a investigacións, ás relacións con outros probos... Suma do instinto das tradicións que non traizoan, da sabedoría dos creadores e dos científicos, máis o encontro e a recolleita na encrucillada con outros pobos e saberes. A cultura, que é identidade, diferenciación na uniformización, humanismo, tamén sofre presións e mostra as cicatrices do biculturalismo, da diglosia, da aculturación, a anomia cos conseguintes feismos e esperpentos... a interferencia insensible de robots consumistas, para rematar por confundila e reducila a espectáculo, convertela nunha mercadoría, vendela e empaquetala.

A xornada do 17 deste maio do 2012 ven ben dedicada a Valentín Paz Andrade, poeta, economista, humanista. Un exemplo acaído para este tempo no que a cultura e a economía se ofrecen tan contrariamente separadas. A cultura “cousa de poetas”... escoitamos.

O día despois, a xornada do 18 está dedicado ós “Museos nun mundo cambiante, novos retos, novas inspiracións”. Nesta sociedade nosa, tan hipotecada, en crise global, presíntese a necesidade e a idea de cambio. Asexamos cara onde tomar rumbos. E iso non cae do ceo, como a auga de maio, compre cavilar e arranxalo entre cantos nos movemos, compartimos e convivimos no planeta terra. Xa quizais sabendo ou intuíndo que non somos os únicos, nin os máis listos ou parvos na infinidade do cosmos. Non viría mal para aqueles que nono ven na acción-destrución do cosmos e do microcosmos que somos, lle aparecera o señor feudal no que creen, nimbado, entre nubes, un deus ditador que axeonlle a todos.

Días que ofrecen a oportunidade de facer memoria, de recuperar a Historia do Nós plural e maiestático, de inspirarse nos versos e nos números de Valentín Paz Andrade:“Benchegados ao porto / mariñeiros / a cavalo das ondas / do mar onde a Galiza marxinada / atoparía o seu mellor camiño..”.

O territorio marca, define e pide respostas, cultura. Galiza é país que emproa, que abre portos e acende faros cara ós camiños do Océano Maior e iso marca a cultura. Odiseas, navegantes na busca de vida, mariscadores, labradores de leiras mariñeiras, pescadores, viúvas de vivos e de mortos, negociantes... Camiños de relacións cos pobos veciños, ós que os romanos diferenciaron e deron en chamarse celtas. “Ei Armorica, Cornubia e Cambria, / Escocia, Eirín, Gallaecia e a Illa de Man, / son as sete nacións celtas fillas do pai Breogán...”. Países panteístas fundamentados sobre a “Pedra do Destino”, onde adoran en altares ós Catro Elementos, comezando polo sol, pra enroscalo ó redor do centro da cruz. Onde aínda seguen a agardar pola volta dun Breogán ou dun Rei Arturo e que lle devolven nun santo disfrazado de cabaleiro ou caudillo ditador armado de espada. Escravizados, descendentes de vaqueiros e mariñeiros criados nas crises, afeitos á emigración ás Américas, de saudades, poetas, meigas e magos, de contos de terror, de músicos, gaitas e tabernas, con tradicións que levan prendidas e retornan empaquetadas, como Halloween, árbores de Nadal, folk, Mcdonalds....

Países de extremo Occidente, que abren camiños do mar, que volta ou non volta levan a Oriente. Ese Oriente faise permanente e tanto está na Cultura Castrexa da Idade do Ferro, como nesa convivencia cos mercenarios e soldados romanos da periferia, no Románico, nos cruzados, nas misións e as peregrinacións... Oramos mirando a Oriente.

Valentín Paz Andrade, devoto do mar que inspira e ó que aspira como fonte de riqueza, nace nun ano conflitivo para o imperio Español, o da perda das colonias de Ultramar, 1898. Estuda Dereito na Compostela dos modernistas anos vinte. Nunha Galiza de “inadaptados”, que se buscan e se atopan “arredor de si”. Anos marcados na Historia pola presenza de Castelao, pola sementeira do Seminario de Estudos Galegos, esa institución, sempre necesaria para a vida dun país e que reclamaron, entre tantos xordos, Díaz Pardo, Seoane... institución nunca recuperada e inactivada pola tendencia castrexa e parroquial que levamos nos xenes, a proliferación minifundista e tribal a esfaragullarnos e desactivarnos. Paz Andrade, comprometeuse coa súa Terra, co seu tempo e co porvir: candidato galeguista ás Cortes Constituíntes no 1931, redactor do anteproxecto do Estatuto de Galiza...detido, desterrado... sempre mirando a Portugal e “cunha estrela na fronte e no bico un cantar”.

Incondicional en tertulias con creadores e galegos de iniciativa, como Antonio Palacios, Maside, Laxeiro, con colegas como Paco del Riego, cos Álvarez Blazquez, con empresarios como Díaz Pardo, Álvaro Gil...Preocupado polos “Principios de Economía Pesqueira” Creador do grupo Pescanova, flota innovadora na conxelación da pesca, abrindo a novos caladoiros, a relacións con Hispanoamérica, preparando a interlocutores propios, sen demasiada confianza nas embaixadas do centralismo.

Golpe a golpe, verso a verso, man a man, Paz Andade forxa unha historia na que retomar camiños de porvir, para andalos, dignificar, cantalos e contalos tamén. E para iso esta a memoria, os museos, que nada terán que ver coas institucións mortas nas que se detén e se contaxia pasado. Actividade para demostrar que a cultura dignifica e forma parte do traballo, libera, seduce, vende, da votos..e non pra fosilizala, desecala, metela en formol e vitrinas. Como propón o lema do ICOM para este 2012, a institución do museo debe someterse continuamente ó cambio, ás novas arquitecturas, ás novas tecnoloxías, enfrontarse ós retos de deshumanización e isto atállase con novas aspiracións e inspiracións que parten do legado histórico e cultural.

Os museos de hoxe tentan seducir, dar a coñecer para querer, enriquecer o turismo. Experimentan como dinamizar barrios vellos ou novas áreas da cidade. Rehabilitando emblemáticos edificios ou feitos a medida das novas necesidades. Museos dos actores, continentes para contidos de pasado e de presente, convite a disfrutar, a compartir, a socializar a devolver a identidade. Pero todo iso é teoría de xestión, da Museoloxía, un xeito de rendabilizar a visita, de dinamizala económica e socioculturalmente. Traballo interdisciplinar, entre as políticas de goberno, os arquitectos e os museólogos que deberan ver máis Galiza dende Galiza.

O referente de Castelao, o humanismo, a ética e a estética abren camiños ós que sempre se volta: o peixe, a vaca, a árbore... santísima trindade que por aquí deu e dará vida. Nelas o traballo, a produtividade, o idioma como reflexo da cultura. Un museo non é máis que unha posta en valor da Historia, da identidade de cara ó porvir. E na Historia de Galiza o mar é máis camiño de vida que para escuadras invencibles, de conquistas.

Dous días do maio esmaiolado que cantaba Manuel María, 17 e 18, para artillar a cultura, o mar, a economía e a palabra. A Fundación Luis Seoane, museo que debe ser de contemporaneidade arredor do pensamento “Ars longa, vita brevis”, e da teoría ética-estética, arte-industira, tradición-modernidade, ofrece unha acaída mostra e agradecémolo ben: “Valentín Paz Andrade: Galiza como tarea” na que concilia o pasado coa esperanza, retoma o homenaxeado e como escribiu Neruda “De tanto andar y amar salen los libros...y si no tienen besos o regiones... no sirven para escudo ni campana...”