Dos galaicos a Galicia
A calorosa acollida dispensada polos lectores ao meu anterior artigo obrígame a insistir na temática histórico-filolóxica, aínda recoñecendo estar só debidamente titulado para ocuparme da parte histórica, e non da filolóxica. Propoño observar a evolución do nome do país e do que en cada época designou, tocando en parte algo xa comentado hai meses.
Queda dito que foron os romanos os primeiros en dotar de nome oficial este territorio, cando no século III crearon a provincia de 'Gallaecia', subdividida nos tres conventos xurídicos con capital respectiva en Braga, Lugo e Astorga. Aínda aceptando a prioridade do criterio estritamente administrativo, non obstante salta á vista un trasfondo étnico no deseño desta entidade, pois abranxe todo o núcleo da cultura castrexa, aínda sobardándoo algo polo leste. Tampouco se pode ignorar que a división interna da provincia distingue tres sub-zonas diferentes, que posteriormente serán Galicia, Portugal e Asturias-León, sen entrarmos agora a discutir se isto foi causa ou consecuencia.
Antes diso carecemos de calquera rexistro documental que testemuñe o nome do país, mais é lícito sospeitar que tal vez o tivese, porque se desde antes de crearse a provincia e carecendo aínda os seus habitantes de unidade política, se lles chamou 'galaicos', seguramente se disignaría dalgunha maneira o lugar en que vivían, parecendo normal que o topónimo gardase relación co xentilicio.
No século IV os propios romanos ampliaron a provincia a costa da 'Tarraconense', anexando un novo convento, o 'cluniacense'. Entón, a Gallaecia incluíu un enorme espazo que xa non era etnicamente galaico (Cantabria e Bardulia, futura Castela), aínda que si o fose desde o punto de vista administrativo. Reparemos en que é nesta 'Gallaecia' extensa onde Carballo Calero sitúa a emerxencia do denominado "protogalaico", base común das posteriores variantes galego-portuguesa, astur-leonesa e castellana.
De aí que a principios do séc. V Orosio afirmase que «os cántabros e os astures son parte da provincia de Galicia», idea continuada no séc. VII por Isidoro de Sevilla («As rexións son partes das provincias, como Asturias e Cantabria en Galicia») e reflectida no famoso Mapamundi de Beato de Liébana a finais do séc. VIII, no que o nome de Galicia ('Galecia', onde se inclúe 'Asturias') designa todo o espazo cristián da Península.
Compréndese tamén que no século X o xeógrafo Ibn Hawkal ou o cronista Ibn Haián, ambos árabes andalusís, balizasen as fronteiras de Galicia desde as proximidades de Santarem ata Navarra.
Con todo, Santarem fica moi ao sur do río Douro (ata onde chegaba a 'Gallaecia' romana), e desde o punto de vista clásico esas terras pertencían á provincia de 'Lusitania'. A inclusión desa porción no espazo político da Galicia medieval foi obra da expansión sueva a principios do séc. V, creando unha situación de facto que despois apenas se discutiu, se ben o nome de Galicia, ata o séc. XII, deberá por tanto admitir dúas interpretacións pararelas: por unha parte, un territorio político, incluíndo múltiples señoríos feudais vascos, casteláns, asturiano-leoneses, galegos e portugueses, vasalaticamente sometidos aos reis residentes en León, capital do reino; e por outra parte, un núcleo etnicamente máis homoxéneo, axustado a aqueles tres primeiros conventos romanos, é dicir, a actual Galicia, norte de Portugal ata o río Douro (terras portucalense e bracarense), Asturias e León (Terra de Fóra).
Esa vella 'Gallaecia' histórica desaparece no séc. XII, ao naceren os reinos independentes de Castela e de Portugal, ao tempo que León e Asturias consolidaban unha entidade propia, separada de Galicia, nun reino que entre 1157 e 1230 se denominará de Galicia e de León.
O que non podemos saber é como se pronunciaba o nome de Galicia, porque ata o século XIII a documentación está escrita en latín ou en árabe. Os documentos altomedievais latinos escreben normalmente 'Gallaetia', 'Gallaecia', 'Galetia', 'Galecia', e aínda algunha variante máis. Trátase naturalmente dunha convención culta, que oculta a denominación dada pola fala popular, que era xa o galego. De feito en Isidoro de Sevilla (no séc. VII) atopamos xa a forma 'Gallicia'.
A denominación das crónicas árabes adóitase transcribir por 'Yilliquiyya', 'Chalikia' ou 'Jalikiah', que veñen correspondendo ao clásico 'Gallaecia' (lido Galekia), o cal non nos permite resolver a dúbida. Quizais Ibn Haián (séc. X) nos ofreza unha pista cando nunha ocasión, para referirse moi concretamente ao territorio máis noroccidental do reino ('Yilliquiyya') utiliza o nome de 'Galisiyya'. Obsérvase entón como dentro do extenso reino galego será a Galicia actual (máis o Bierzo ata finais do séc. XV) quen paulatiamente se reserve o nome en exclusiva. E comprobamos igualmente que a forma 'Galicia' non procede do castellano, algo imposible á altura do séc. X.
Cando o galego é o idioma normalizado do país, entre os séculos XIII e XV, a grafía do noso nome segue a aparecer de forma variada, agora como 'Galisa', 'Galiza', 'Galizia', 'Galisia' ou 'Galicia' (todas elas lidas sen dúbida con seseo, ou sexa o que hoxe diríamos 'Galisa' e 'Galisia'; desde logo nunca 'Galiza', e menos aínda con artigo). Mais tal variedade gráfica (por outra parte algo común en todas partes, e non unha rareza nosa), que depende do uso e costume de cada escola notarial ou escrituraria, non pode expresar formas diferentes de chamarlle ao país nun mesmo tempo e lugar (isto é algo que só acontece na Galicia actual). Vista a solución dada posteriormente polo idioma, o lóxico é pensar que no dominio da variante portuguesa se dixese Galisa e na do galego Galisia (como se dí hoxe na zona costeira), forma esta última que de maneira natural evoluiu ata Galicia nas áreas interiores, tal como o pobo sempre dixo, sen necesidade de inventarse ningunha contaminación castellana.
Así que ninguén vaia pensar que adquire credencial nacionalista ou fala mellor galego por chamarlle 'Galiza' a Galicia. Ao revés, fálao peor.