Domingos de Andrade: o bardo da pedra

Domingos de Andrade: o bardo da pedra

O 12 de novembro de 1712 morría na súa casa, no barrio compostelán do Pombal, o arquitecto Domingos de Andrade. Estamos no terceiro centenario do seu pasamento, algo que debeíamos conmemorar a nivel nacional, pois Domingos de Andrade non só foi un gran arquitecto, senón que foi un arquitecto que ergueu edificios que nos identifican colectivamente.

Como moitas outras figuras, Andrade pronto é esquecido tras a súa morte. Mendoza de los Ríos, quen fai unha especie de guía de Compostela dezanove anos despois da morte de Andrade, fala das “marabillas” arquitectónicas que hai que admirar na cidade: a torre do Reloxo, a cuncha de Praterías ou a escaleira de Bonaval. Sen embargo, nin unha soa vez nomea ao autor desas marabillas. O seu nome xa estaba esquecido. Será Murguía dos primeiros en nomealo como autor da “preciosísima” torre do Reloxo; será Murguía quen diga que, no seu tempo, Domingos de Andrade tiña bo nome e era unha autoridade debido ao seu talento artístico.

Murguía abre o camiño da recuperación da figura de Domingos de Andrade. Despois seguirano outros autores: Vesteiro Torres (aínda que Murguía acúsao de copialo e copialo mal), López Ferreiro, Pérez Costanti e, máis adiante, Sebastián González García-Paz (antes de coller o camiño do exilio), Sánchez Cantón, Couceiro Freijomil ou o céense Francisco Mayán. Esta recuperación permitiulle a don Ramón Otero Pedrayo dicir que os nomes dos arquitectos do Barroco eran coñecidos, pero que tiñan que ser aínda máis. E nesas seguimos. Será o pontevedrés García-Paz o primeiro que diga que Andrade era natural de Cee e de orixe acomodada. Isto acendeu a chama do patriotismo local en Francisco Mayán, quen se afanou por indagar sobre as orixes e vida primeira deste artista. Anos máis tarde, en 1975, vaise crear en Cee unha asociación cultural que leva o nome do xenial arquitecto. Un dos seus fundadores, o crego Antonino Castro, escribirá que era para moitos totalmente descoñecido o dato de que Andrade era un fillo ilustre desta vila.

Hoxe son varios os autores que traballan e investigan sobre a vida, obra e tempo de Domingos de Andrade, hai algún libro e varios artigos publicados sobre este arquitecto, pero as teses doutorais sobre esta figura cóntanse cos dedos dunha man e sobran máis da metade. Xa non se trata de aclarar onde estudou, da súa formación técnica máis alá do aprendido no obradoiro catedralicio, se participou ou non nas guerras co país veciño, se aprendeu debuxo co cóengo Vega y Verdugo ou de que fontes artísticas bebía. Trátase de estudar e analizar a súa obra e o seu traballo, dentro dun contexto ou momento histórico de Galiza determinado, un momento de gran creatividade e que permite crear unha linguaxe peculiar, propia e claramente identificativa de nós. Trátase de mostrar que a creatividade de Andrade pasa por asumir plenamente a historia compostelá e pretender axudar á súa definición e consolidación por medio de elaborar unha arte exuberante e chamativa, xerando así un período fértil no creativo, fertilidade que chega grazas a seguir patróns propios que permite ese medre desde as formas locais. O historiador Bonet Correa sostiña que Andrade estudaría en Alcalá de Henares, o que lle permitiría ter pasado por Madrid, “o centro” no que se estaban ensaiando os primeiros pasos do “barroco español”. Non se entende desde “o centro” que se poida camiñar libremente desde o propio, que se poida crear desde o local sen pasar por ese “centro” que todo quer uniformizar. Iso foi o que fixo Domingos de Andrade.

Seguindo o que máis tarde aconsellaba Vicente Risco, Andrade crea un estilo “aéreo”, como definiu Bernardino Graña. Para este poeta todos eses adornos e adobíos (bolas, cartelas, caretas, froitas, etcétera) son “unha maneira de converter o macizo da materia pétrea en vexetación e canto inmaterial que se eleva e nos eleva”. Por todo isto Andrade é “o bardo da pedra”, un “arquitecto-bardo”, un “erguedor da patria galega”. Otero Pedrayo diría que os artistas barrocos puxeron na pedra os recordos e esperanzas do xenio galego, que estaba contido nos marcos dunha España de costas a Europa, a Europa aberta que chegaba até nós polo Camiño.

Pero son moitas as lecturas que se poden facer desa vizosidade que Domingos de Andrade mostrou en moitas das súas obras, especialmente na torre do Reloxo e que Mendoza de los Ríos, xa no século XVIII, chamou “torre do xardín”. Dise que esa exuberancia é unha metáfora que fala da Compostela que pretendía ser vista como unha nova Xerusalén, unha Xerusalén no finis terrae galaico, e que mostraba o seu poder espiritual grazas as dádivas que lle concedía deus debido á mediación do Apóstolo, que elixiu esta terra para ser enterrado. Pero, unha vez máis, prefiro a interpretación do poeta. Todo isto “foi inventado polas vizosas e sagras carballeiras, polas súas follas multicurvilíneas e polo intrincado laberinto da enramada e do seu chan nutricio, buligante de vermes, insectos, páxaros”. E máis, Andrade “aprendera tal elevación, tal grandeza e sentido poético e frutal gracias a ser fiel ao seu ámbito”, ámbito sociocultural, ámbito territorial.

Sen dúvida, a torre do Reloxo, a súa primeira obra en pedra e onde plasma o aprendido na madeira, causa sensación e chama a atención de propios e visitantes, e chamouna desde pronto. Foi un encargo dunha institución eclesiástica, pero acabou sendo un símbolo de Compostela, a referencia vertical da mesma. Para Otero Pedrayo era o reloxo metropolitano de Compostela, que envolvía coa súa sonoridade o vivir da cidade en vibrantes círculos. Pero, este símbolo local acabou sendo un símbolo nacional, e Castelao diría no seu Alba de Groria, que tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día.

Tanta loanza tiña que plasmarse tamén en imitacións e, pronto, moitos canteiros e arquitectos que traballan por Galiza adiante tomárona como modelo, sendo moitas as torres das igrexas, rurais e vilegas do noso país, e mesmo de fóra, que a imitan e espallan por toda a nosa paisaxe, formando parte inconfundible da mesma.

Andrade foi autor de numerosas obras en pedra, madeira e ferro, obras encargadas por institucións relixiosas (traballou na catedral de Lugo, nos mosteiros de Sobrado, Antealtares, Santa Clara ou Bonaval, onde deixou mostras do seu xenio e espíritu nesa tripla escaleira que, con só mirala, xa semella que ascendemos), ou civís, pero tamén tivo encargos de particulares. A súa arquitectura axudou a mudar a imaxe de Compostela, a modernizala e convertela nunha cidade de pedra. Pero Andrade tamén foi autor de textos escritos, autor de numerosos informes sobre o estado das propiedades do cabido compostelán, que nos fan unha descrición de como eran as casas “normais” nesa segunda metade do século XVII, autor duns versos en lingua latina e autor, cando menos, dun ensaio, Excelencias, antigüedad y nobleza de la arquitectura, que pasou bastante desapercibido até case os nosos días. E pasou desapercibido porque os estudosos da historia da arte querían buscar nel só datos e detalles sobre a vida do autor e obra. É daos, pois Andrade mostra un pensamento estético e práctico, mostra que estaba ao día nas lecturas teóricas e nas lecturas de libros de arquitectura. Pero o libro de Andrade é, sobre todo, un intento de reclamar un posto no mundo das artes creativas para a arquitectura, unha reivindicación do papel do arquitecto. Con todo, é unha obra única dentro do noso pensamento artístico.