Dombate. Pola lingua en combate
Tódolos días vemos como se destrúe o noso patrimonio tanto natural como histórico e cultural. Castros e mámoas milenarias que se arrasan en dous minutos. A penas quedan círculos líticos. O crómlech de Monteneme (Carballo-Malpica) hai moito tempo que foi desprazado da súa ubicación orixinal e hoxe está rodeado por canteiras a piques de tragalo. O da Illa da Estrela en Corme só son vagos recordos e os de A Mourela (As Pontes), e Monte Lobeira en Vilanova de Arousa poden seguir o mesmo camiño.
No caso do dolmen de Dombate, dende as escavacións rigorosas de 1987-89 do arqueólogo Xosé María Bello Diéguez, ata o día de hoxe teñen pasado case 25 anos de proxectos e anteproxectos para esta catedral do megalitismo galego que nada bo di da actuación das autoridades políticas tanto da Deputación como da Xunta de Galicia.
,O Dolmen de Dombate con corredor (algo máis de catro metros) e cámara moi decoradas con gravados, xa citados por Manuel Murguía e pinturas excepcionais. A cámara poligonal con sete ortastos e unha gran tampa de cuberta. Dombate deixounos tamén un rico enxoval lítico de follas de sílex, contas de colar, restos de cerámica, punta de frecha de seixo e sílex, idoliños de pedra e de forma humana
O dolmen en xeral foi unha figura que a tradición galeguista situou como un dos símbolos do país. Don Ramón Otero Pedrayo dinos:
"O Dolmen. Nome fermoso, evocador, esquío, longo ecoar de salaios de mar e bosque, puro e non barroco. Dentro da historia vaise tinxindo de máis outo senso. Xa para nós é metafísica verba. Metafísica da nosa carne, do sangue espiritual noso".
Castelao utilizouno moito na revista Nós; Álvaro Cebreiro tamén na ilustración dalgúns libros; Urbano Lugrís en óleos e pinturas diversas; Luís Seoane creou na Editorial Citania (1956) a colección de poesía Dolmen de Dombate; o escultor Asorey no gran monumento a Curros Enríquez na Coruña; o pintor Raimundo Patiño ten un fermosísimo políptico de seis pezas titulado Alma do dolmen. Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata resaltouno como monumento os fusilados pola ditadura franquista. E así moitos outros nas distintas artes.
Volvín a Dombate este verán, para renovar pasadas ilusións con Eduardo Pondal na mán:
Aínda recordo, aínda, cando eu era estudiante,
garrido rapacete, que ben rexerse sabe;
cando iba pra Nemiña a estudiar o arte
do erudito Nebrija e do bo Villafañe;
que iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.
Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.
Volvín a Dombate e a indignación foi maiúscula. Está en concurso agora a realización da obra de réplica de Dombate, por parte da Deputación da Coruña, o seu dono dende 1972. Hai un edificio de recepción de visitantes cuns paneis informativos. Esiximos que ademais dos obvios criterios científicos, técnicos e pedagóxicos para a avaliación da obra, este tamén a lingua galega como requisito inescusábel. Toda a información que aparecía sobre o dolmen de Dombate está en castelán. O galego foi desterrado de Dombate. Ademais de desterrar todo o que fixeron os galeguistas dende Manuel Murguía pasando pola xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos con Isidro Parga Pondal, poñamos por caso, tamén se ignora a lingua do autor de Queixumes dos pinos.
É moi importante, sen dúbida, que non se perda o noso patrimonio monumental. Dicía Castelao o importante que era o Pórtico da Gloria, pero máis, moito máis o era a lingua como piar da nosa identidade.
Eduardo Pondal chámanos, unha vez máis, a combate pola lingua dende Dombate.