Do Rianxo de Castelao ás rianxeiras ourensáns

Temos comentado aquí que o nome de CASTELA era a designación que locían na alta idade média, as terras dos Chaos de Amoeiro e parte do que hoxe coñecemos como o Ribeiro do Ávia.
O viño que hoxe chamamos “do Ribeiro” era chamado, naqueles tempos, de “viño castelao”, por proceder da CASTELA galega.
Daí que pensemos que o apelido do noso Castelao está facendo alusión a un antecesor do noso político rianxeiro, que en recuados tempos debeu tomar o camiño que moitos nativos do Ribeiro fixeron; de ir colocar a súa produción viñateira nos lugares de gran consumo da beiramar.
Esta é a orixe de moitos establecementos hosteleiros de hoxe, radicados nas nosas vilas marítimas; foron“ribeiraos” que asentaron ao pé do mar; se cadra o “Restaurante Ourense” de Rianxo é un dises casos.
Pero ainda pode haber unha relación entre o nome do concello de RIANXO e o nome do que os ourensás chaman como “rianxo”.
O “rianxo” é o producto de verdura e legumes que as labregas dos contornos das vilas traían ao mercado municipal.
Lembramos, na nosa infancia, como chegaban á praza do Carballiño ou de Ourense as “rianxeiras” das bocarribeiras de Punxin e do Varón cos primeiros productos agrícolas da temporada; ou sexa co seu “rianxo”.
As teorías “oficiais” para explicar o nome do topónimo RIANXO,parten duns supostos, RIVUS ANGULUS ou RIVUS AMPLUS, facendo alusión á ponta de terra que entra no mar ou á amplitude da enseada rianxeira.
Se fosen certas estas suposicións, chegaríamos a uns RIANLLO ou RIANCHO que logo evoluirían para o RIANXO de hoxe.
Na verdade, dado o recortado que é o litoral galego, cabería esperar unha chea de nomes como o de RIANXO inzando todo o beiramar.
Como non é ise o caso, xa que o nome de RIANXO é cuase único, lévanos a pensar que a orixe do nome, mais que ao accidente xeográfico marítimo pode deberse a feitos económicos relacionados coa agricultura popular.
Pensemos pois, na relación do “rianxo” ourensán co nome do concello da Barbanza.
Por que lle chaman “rianxo” á verdulería que chega á praza ourensán?
Para explicalo tentamos varias hipótesis:
a) Estaremos falando dos productos de horta, e por tanto necesitados de rega, daí sería toda a producción o RIGANDIO > RIANXO.
Ou, como se trata das primicias producidas nas hortas.
b) Sería o RENANSCIO, do verbo RENANCISCOR, no sentido de de “ o que se reproduce ”, “ o que volve nascer” , o fruto temperán, e daí o REANXO ou RIANXO que nos ocupa.
Habería que estudar na historia de Rianxo se lle acaece ben o ter sido un lugar de boa producción hortícula e de terras regadas, para poder relacionar o nome da vila co chamadeiro dos productos temperáns das terras ourensáns.
Tamén se chama “rianxo” a un mandil curto das labregas, o que nos leva a pensar se non se chamará así precisamente por usarse como porteador das legumes.
Se pensamos que o nome do viciño concello de DÓDRO debe o seu nome a un antigo señor, THEÓDORO ; non seria descabido que houbese a posibilidade de que o nome de RIANXO procedese do chamadeiro dun antigo posesor tal como, REGINANDIO.
Fiquen por aquí as nosas divagacións, á espera dalgún investigador que dea coa solución correta.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.