Dimitiu Rosalía de Castro?

Dimitiu Rosalía de Castro?

Un ano máis tarde da publicación de Follas Novas, 1881, o artigo Costumbres gallegas (Los Lunes del Imparcial, Madrid, 28, marzo, e 4, abril, 1881) representaba, dalgunha maneira, unha nova exteriorización, máis radical, de amor aceso polo país e de defensa destemida dun pobo negado, o seu, o noso. Pois ben, nel aparece, agora de forma máis descarnada, nada menos que nun xornal madrileño, a súa sensación de estranxeiría verbo doutras partes de España e a súa identificación, sen fisuras, cun pobo tan ignorado como desprezado, co que ela está acostumada a convivir. Imos lembrar as súas palabras textualmente, porque dan o grao de atrevemento desta muller, xustamente na atmosfera da Restauración: centralismo, españolidade, confesionalidade do Estado, bipartidismo, derrota do proxecto cultural galego dos anos sesenta. Referíndose a Madrid, La Mancha, Castela, Murcia, Estremadura e Alicante, como xa fixera no prólogo de Cantares, agora non o fai para desafogar contra estas terras por burlárense de Galiza e para subliñar a fermosura da nosa en comparanza con elas, senón para darnos a coñecer, de forma máis tallante, como se produciu o seu proceso de identificación co seu país: “Pero, ¡ay!, que bajo esos cielos y en esas villas, para mi extranjeras, fue donde aprendí a conocer la hermosura de mi país y a amar con amor interminable esta dichosa patria mía, de la cual nunca diremos bastante sus hijos los bienes que le debemos”. Desta forma afirma que “viendo otros países aprendimos a valorar el nuestro” . A identificación do país ou a patria galega cos campesiños como clase máis representativa, xunto cos mariñeiros, evidénciase na súa pretensión de mostrar “lo que es el país gallego y lo que son nuestros campesinos”. O eloxio chega á afirmación de que “en toda la Península Ibérica no existe gente de trato más afable que la nuestra”, a la vez que reincide na idea de que ao pobo galego “faltarán y faltan todas las justicias, incluso la de aquellas almas ingratas que todo se lo deben, desde la sangre hasta la patria”, clara alusión a todos os desleigados e renegados que daba o país, e que o negaban desde dentro en nome do ascenso social. Resulta de moito interese observar como Rosalía subliña a hospitalidade dos nosos campesiños, a súa amabilidade cos forasteiros, a caridade cos pobres, mesmo estando acosados por toda clase de miserias e de presión fiscal. O desprazamento a zonas de montaña e as formas de vida, traballo e comida nas casas de montañeses acomodados é toda unha lección de observación social e antropolóxica. Máis unha vez achamos a sensibilidade de Rosalía para fixarse na fermosura das campesiñas e a valorar os “parajes agrestes”. Por outra parte, Rosalía capta e expresa, cando a análise se orienta cara á costa, a zona litoral, que, baixo a influencia de Neptuno, “no por eso Ceres deja de derramar sobre ellos sus riquísimos dones”, constatando a simbiose da vida labrega e mariñeira, a interrelación de mar e terra. Os ribeiráns, para ela, son francos e afábeis, abertos ás emocións do pracer, indulxentes cos pecados que teñen a ver co amor: Aínda máis:

No existe entre ellos rigidez de costumbres y severidad de principios, ni se espantan y escandalizan en presencia de faltas ajenas, considerando con más indulgencia que dureza, que todos hemos nacido frágiles como la caña, que se dobla y rompe al menor viento que la agita, y que nada hace otro que nosotros no seamos capaces de hacer también. Son dados, por lo contrario, a disculpar las ajenas culpas, a dolerse de las desgracias de sus semejantes, y a derramar lágrimas por las desventuras del prójimo como si fuese por las suyas


Novamente atopamos a alusión á fermosura das mulleres, “que tienen el rostro tan bello como el alma y tan suave el habla como blando el corazón”. O impacto dos naufraxios na vida social condiciona mesmo os comportamentos afectivos, de forma que os mariñeiros son coidados, mimados, tratando de se lles facer “lo más dichosa posible su permanencia entre los suyos”. Non obvia a constatación das “prácticas supersticiosas”, enumerándoas, que atribúe a un exceso de sensibilidade e unha natural tendencia a esperalo todo do azar e do milagre. Pode resultar chocante, tratándose de “personas dotadas de clara razón y sana inteligencia” e mesmo parecer “increíble y absurdo”. A Rosalía, con todo, encántaa, “aún más el ver como hay hoy todavía quien vive creyendo en lo imposible y esperando en la Providencia”. Esta tendencia supersticiosa, porén, fainos “más fervorosos, más místicos y poetas”. O artigo conclúe contando un costume que, total ausencia de mentalidade eurocéntrica, nos relaciona coa forma “con que algunos pueblos primitivos llegaron a ejercer la hospitalidad, sin que acertemos a adivinar cómo, a través de los siglos, pudo conservarse entre nosotros ese resto vivo de tan remotas costumbres”. A hospitalidade móstrase no trato que se lles dá aos mariños errantes nalgunha zona costeira: “la esposa, hija o hermana perteneciente a la familia en cuyo caso el forastero haya de encontrar albergue, le permita por espacio de una noche ocupar un lugar en su mismo lecho”. Rosalía cualifica este acto ou costume de “humanitario”, conforme á práctica de “deberes de hospitalidad”. E defende que “ la buena intención que entraña, así ha de salvar en el concepto ajeno a las que llegan en su generosidad con el forastero a extremos tales, como a nosotros el sentimiento que ha guiado nuestra pluma al escribir este artículo”. Salvagarda para procurar a comprensión dos lectores tanto respecto das súas apreciacións sobre o costume devandito como da súa propia disposición a contalo sen prexuízos, de forma obxectiva: “...para darla a conocer (y no para alabarla ni censurarla) una costumbre antiquísima, y de la cual quedaba algún resto en nuestro país”. Sorprende a semellanza deste costume co existente en Tahití, segundo a crónica escrita en 1791 sobre a viaxe e estadía nesta illa da expedición de Louis-Antoine Boungainville. O xefe do poboado, anfitrión do capelán da expedición durante a súa visita á illa, ofreceulle a muller e tres fillas núas, e sobre todo a máis nova, que aínda non tiña fillos, para pasar unha noite con elas. Precisamente, perante a polémica que esta información desatou, Diderot (Voyage aux deux Indes) defendeu que non se podía atribuír ideas morais a certos actos que non as implican. Parece ser que este humanismo radical do filósofo francés gustaba moito a Goethe, Heine, Shelley, Marx, Nietzsche e Freud. A verdade é que a posición e reacción rosalianas están na mesma onda que a de Diderot.

A salvagarda non lle valeu de moito a xulgar polas reaccións dos voceiros máis conspicuos da españolidade e moralidade liberal e conservadora, respectivamente, La Concordia, de Vigo, e El Anunciador da Coruña, en boa maneira equivalentes dos actuais, Faro de Vigo e La Voz de Galicia, na súa concepción e perspectiva do país. Descoñecemos o contido exacto dos ataques desta prensa contra Rosalía co gallo da publicación deste artigo. Podemos inducir que se centrou na inmoralidade do contado, como impropio dunha muller, e na suposta mala imaxe que transmitía do país, tan lonxe dunha ilustración convencional sobre o progreso: “Se atreven a decir que es fuerza que me rehabilite ante Galicia. ¿Rehabilitarme de qué? ¿De haber hecho todo lo que en mi cupo por su engrandecimiento? (...) ¿Qué algarada ha sido esa que contra mi han levantado, cuando es notorio el amor que a mi tierra profeso?”. Porén tamén debeu influír o forte espírito patriótico que desprende o texto e a identificación, sen reservas, cun pobo ao que se tiña por atrasado e inculto na súa especificidade e diferenza, até o extremo de sentirse estranxeira verbo de España.
Que saibamos ninguén saíu en defensa pública de Rosalía, malia en privado algúns como Ramón Segade Campoamor, un seu amigo católico, algo disparatado, tamén escritor e xornalista, en español, recoñecía, en carta privada a Murguía, datada na Coruña o 24 de abril de 1881, que “ha sido una indignidad y hasta una grosería tratándose de una Señora”. O Faro de Vigo, sempre confrontado con La Concordia, e proclive a aproveitar calquera información e opinión desta que considerase criticábel para entrar en debate e polémica, optou polo silencio. El Telegrama da Coruña, que gustaba de subliñar o seu carácter laico e republicano con críticas á confesionalidade relixiosa e o conservadorismo político que se expresaba en El Anunciador, tampouco defende Rosalía. Rechama o contraste coa actitude que mantivo cando o proceso contra Curros na Audiencia da Coruña, xustamente polas mesmas datas. O 13 de abril de 1881, El Telegrama arremetía contra El Anunciador pola súa campaña contra o poeta ourensán: “El Anunciador, decano de la prensa, convertido en un niño de ocho años, trata de abrir una campaña contra el eminente poeta don Manuel Curros Enríquez. Muy lejos y muy alto está de las iras de nuestro colega el referido vate (...) ¿Querrá el Anunciador atacar su forma literaria? Nos parece demasiado imposible”. É tan insistente na defensa como o xornal católico teimando no ataque. Así chámalle “Seráfico Anunciador” que, “en su primer artículo de fonda, y digo fonda porque lo titula “Huevo y castaña” la emprende contra los versos de Curros Enríquez” (19, abril, 1881), para reincidir o 26 de abril do mesmo ano: “Dice el organillo de las sacristías, vulgo Anunciador: tenemos hoy que hacer un paréntesis en la serie de artículos relativos a Curros”. E o 23 de abril de 1881 lembraba que El Anunciador “faltó a un poeta que honra a Galicia”. Nin a Gaceta de Galicia, de Santiago, onde gozaba Rosalía de certa audiencia, abriu a boca ao seu favor, cando foi atacada con saña e inxustamente.

O silencio sobre Rosalía devén así aínda máis clamoroso e significativo, evidenciando o seu illamento e como a súa posición ideolóxica patriótica non gozaba de ningunha comprensión nin simpatía nos medios de comunicación máis influentes e ao servizo das burguesías locais e da Igrexa Católica. Eduardo Pondal, desde o seu retiro en Ponteceso, exteriorizaba a seu desacordo e incomprensión, en termos exclusivamente literarios, verbo das valoracións e trato que mesmo facía a pouca prensa progalega, dos escritores:

Sé que nuestra Ilustración ha publicado el retrato de Curros Enríquez. Estoy admirado del éxito del mozo orensano, y de cómo y cuánto se le festeja, y no puedo comprender como habiendo en nuestra tierra autores de tanta nota como D. Manuel Murguía y Dª Rosalía de Castro y otros, se exhiban primero en los periódicos que autorizan la región, los retratos de personas comparativamente insignificantes. No comprendo estas cosas y perdóneme el amigo Vicenti y compañía.


,Era tal la postergación e, no fondo, a molestia que provocaba a figura rosaliana, dentro dos órganos da ideoloxía dominante na Galiza, que mesmo as súas necrolóxicas sobre Ventura Ruiz de Aguilera dese mesmo ano, obvian calquera referencia a Rosalía, da que fora amigo, crítico dos seu Cantares Gallegos en El Museo Universal de Madrid, e causante dunha resposta poética rosaliana, nada menos que “A Gaita Gallega”, a outro co mesmo título en castelán do escritor salmantino . Podémolo comprobar, por exemplo, en El Telegrama (5, xullo, 1881). O poema de Aguilera é de 1860 e vai adicado a Mnauel Murguía.. Na súa parte V, describe Galiza como un mártir nazareno. Coincidía cunha tradición que se manifesta xa en Lamennais para se referir a Polonia e por aquelas datas en Ayguals de Izco tamén ( “El grito de Polonia”, La Discusión, 4, 4, 1863). O poeta patriótico polaco Mickiewicz subliñaba as analoxías entre os sufrimentos de Cristo e os da nación polaca. Na resposta rosaliana é transmutado, na parte V tamén, en “Virgen-mártir”. Maís tarde (En las orillas del Sar) volverá a establecer analoxías co mártir do Gólgota, se ben agora para botar man das súas palabras na crucifixión. Desde logo, se por estes xornais fose, Rosalía non acadaría ningunha relevancia. Digamos, para rematar a análise de Costumbres Gallegas e o rebumbio que armou, que temos a certeza de que Rosalía, salvo enfermidade, carencia económica ou dificultade insalvábel de transporte, era unha muller proclive a andainas, paseos, roteiros, viaxes, ao desprazamento dentro do país, e sempre desexosa e interesada por coñecer as comarcas e recunchos da Terra, da patria, e as súas xentes. Así se deduce deste artigo, como dos libros poéticos en galego – a concreción e a diversidade toponímica e do ecosistemas é neles rechamante- , dalgunhas cartas conservadas e mesmo dalgunhas novelas en español como La hija del mar ou Flavio. A reivindicación defensiva do pobo galego pode ser considerada por algúns unha pexa que impediu Rosalía detectar os seus defectos. Non é así, nin sequera nos Cantares gallegos, nos que, de forma sutil e larvada, aparecen todo tipo de problemas e miserias humanas. Aliás, cómpre, para facer un xuízo ponderado, contemplar toda a súa obra en conxunto. Desde ningún punto de vista, cabería a devandita crítica.

Rosalía sentiu a hostilidade de que era obxecto, a derrota do seu proxecto cultural. Puido tirar desta sensación conclusións que a levaron ao desánimo e o desalento como para, xa no prólogo de Follas Novas, anunciar que era a súa derradeira contribución á literatura en lingua galega, “porque pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva a escribir máis versos na lengua materna”. Había un contraste entre a predilección doutros tempos, polo menos entre un sector que actuara como rede social dos seus libros, moi en particular, de Cantares Gallegos, e as dificultades xurdidas para un libro cunha maioría de poemas tiñan sido escritos había máis de dez anos, que non logrou publicar até ese momento, 1880, por dificultades editoriais, primeiro, de censura máis tarde, até que o amparou La Propaganda Literaria, casa editorial de La Habana do seu vello amigo e compadre, Alejandro Chao, o mesmo que sostiña La Ilustración Gallega y Asturiana e que mostrou disposición para que saíse a segunda edición de Aires da miña terra de Curros en 1881, xa o maior éxito da literatura galega en todo o século XIX. Aínda así foi necesario o escudo protector, o prólogo en castelán de Emilio Castelar, sen dúbida a mellor carta de presentación para o deixaren pasar en Madrid, pois era vello republicano, de grande cultura recoñecida oficialmente, pródigo en darlle cobertura a poetisas españolas e proclive ao diálogo co réxime da Restauración. Non tiña o libro de Curros, malia os seus méritos literarios e a súa radicalidade antimonárquica, republicana, anticlerical e anticaciquil, nin a posición patriótica tan marcada e sentida dos de Rosalía nin, por suposto, unha interpretación dos problemas do país que ligase cuestión nacional e cuestión social, nin sequera unha defensa tan coherente da necesidade da lingua galega ser unha lingua de uso normal, sobre todo na escrita literaria. Velaí por que, tamén malia as aparencias, era máis fácil de aceitar por todo o liberalismo e o republicanismo, mesmo o máis agresivamente españolista.

Andando o tempo, Curros converteríase, como recoñeceu Murguía (1917), no principal e máis fiel discípulo e admirador de Rosalía. E foi así por que acabou comprendendo cal era o papel de Galiza dentro de España e o papel que tiña cumprido Rosalía verbo de Galiza, co conseguinte trato recibido. Os dous mellores poemas sobre Rosalía son da súa autoría, publicados, un en 1891 co gallo do traslado dos restos mortais de Adina a San Domingos de Bonaval, co título “A Rosalía”, e o outro en 1904, cando estaba de visita na Galiza, após anos de emigrado en La Habana, co título “Na tumba de Rosalía”. No primeiro móstraa como “musa dos pobos” que, “comesta dos lobos/ comesta morreu”. Non se pode dicir nin máis claro nin con maior contundencia. No segundo xa aparece como un símbolo do pobo galego, de todo o que somos e da alternativa que necesitamos para perdurar, fronte ao proceso ascendente de globalización destrutiva que o imperialismo representa: “O valor, o carácter, as ideas,/ fala, costumes...son “lendas douradas”/ ¿De qué coör serán ¡ay! As alleas/ que nos fan ler á couces e pancadas?”. Con todo, Curros alertou fronte ao imperialismo ianqui e xaponés, pero non foi quen de confrontarse coa españolidade, como fixo Rosalía moi cedo, o que quizais nos axude a valorar aínda máis a súa independencia mental e a fondura do seu sentimento patriótico fronte ao dominio e a subordinación máis directa que padecemos.

Finalmente, baixando a un terreo máis prosaico, non temos valorado, en toda súa importancia, o feito de a poesía rosaliana, xa que logo a súa mensaxe, terse confrontado, desde o inicio, co fenómeno emigratorio como negativo para o país, posición que, desde logo, non era partillada nin pola ideoloxía dominante nin polos seus voceiros, nin sequera polos partidarios do progreso e da liberdade en abstracto. De feito, unha parte substancial de Follas Novas vai destinada a defender o dereito a vivir, traballar e amar na propia terra (sobre todo, a parte V, “Víudas dos Vivos e as Víudas dos mortos”). Hai moitos indicios de que os xornais coruñeses e vigueses estaban condicionados polo negocio emigratorio. Non só por algúns estaren directamente vinculados aos que, dunha ou outra forma, negociaban coa riada migratoria, senón porque todos mantiñan relacións de publicidade coas compañías marítimas, españolas ou doutros países como Inglaterra ou Alemaña, que anunciaban os seus barcos de vela ou vapores con profusión neles. Mesmo acontecía que, en ocasións, recorrían a informar de malos tratos, incidentes ou accidentes na alta mar que se daban no tránsito a América en barcos dunha compañía para beneficiaren a outra. Alén dos intereses do Goberno e do Estado español en aliviar demograficamente as provincias do noroeste, manter a españolidade da illa de Cuba co traslado masivo de emigrantes e facilitar a transferencia de capitais de Ultramar, as antigas colonias, a España, o negocio do transporte de carne humana acabou tendo un peso decisivo na promoción da emigración. John Darwin (O soño do Imperio, 2007) explica: “A ansia de emigración, que tiña as súas raíces na pobreza e a inseguridade económica, estaba alentada pola fe na emigración como medio de chegar a unha vida mellor. Inflada con habelencia por unha morea de “empresarios” da emigración (pois a emigración era un negocio), botou raíces cunha velocidade pasmosa no imaxinario social”.

Mesmo após a súa máis radical afirmación de renuncia á escrita en galego e sobre Galiza, enunciada de forma máis emocional e contundente, á raíz dos ataques de El Anunciador e La Concordia, o patriotismo rosaliano non só non minorou senón que se fortaleceu, se cabe, conforme a unha posición actitudinal que deixaba de manifesto o sentido de dignidade como fidelidade a unha causa até o martirio. Unha das grandes elexías patrióticas de Rosalía está escrita en castelán e forma parte, após ser publicada en Buenos Aires, do seu libro En las orillas del Sar. Non leva título e comeza polo verso “¡Jamás lo olvidaré...! De asombro llena...”, provocado pola tala de carballos, castiñeiros e pinos, coa aniquilación de toda a flora, do bosque de Conxo, incentivada polo Arcebispo de Santiago, Cardenal Payá, no contexto dunha disputa sobre a instalación dun manicomio para alienados galegos, no mosteiro desamortizado, que a Igrexa quería adiar coa ubicación de frades mercedarios e a roturación de terras para cultivar no seu arredor. La Iberia (18, 9, 1858) informaba, desde Madrid: “Parece que, con motivo de la ida de la reina a Santiago, se acordó establecer una casa de locos en el ex-convento de Conjo, establecimiento sumamente necesario en Galicia, puesto que tenían que remitirse a Valladolid los desgraciados de la locura”. Sobre a tala do bosque, La Discusión (8, 2, 1882), tamén de Madrid, repinicaba: “Dice la Gaceta de Galicia que en el magnífico bosque de Conjo, propiedad del Estado, se está llevando a cabo la tala de robles, pinos y castaños que se venden, sin autorización y sin las formalidades que son necesarias”. Após Rosalía describir no seu poema a magnitude da destrución, a profanación que significou en relación coa nosa historia e os nosos antepasados, aparecen retratadas as clases parasitarias galegas, a súa molestia e hostilidade perante as súas denuncias. Ela, usando unhas palabras significativas de Cristo, no Gólgota, cunha lixeira modificación ad hoc, denuncia á indiferenza verbo da sorte do país, e a súa disposición á protesta e expresa o desexo de que Galiza resucite á vida que perdeu:

[…] Yo inclino
la frente al suelo y contristada exclamo

con el Mártir del Gólgota: perdónales,

Señor, porque no saben lo que dicen;

mas ¡oh, Señor! A consentir ni vuelvas

que de helada indiferencia el solplo

apague la protesta en nuestros labios,
que es el silencio hermano de la muerte

y yo no quiero que mi patria muera,
sino que, como Lázaro, ¡Dios bueno!,

resucite a la vida que ha perdido,

y con voz alta que a la gloria llegue,
le diga al mundo que Galicia existe,

tan llena de valor cual tú la has hecho,

tan grande y tan feliz cuanto es hermosa.


Para Rosalía “ajena voluntad su imperio ejerce/ en lo que es nuestro...”. Neste caso, a vontade dun Arcebispo valenciano. Noutro poema estruturante do libro, co título “Los robles”, como o anterior publicado antes en La Nación Española de Buenos Aires en 1882, aposta tamén pola esperanza:

...estremécese el alma pensando
dónde duermen las glorias queridas

de este pueblo sufrido, que espera

silencioso en su lecho de espinas

que suene su hora

y llegue aquel día

en que venza con mano segura,

del mal que le oprime,

la fuerza homicida

Non houbo, pois, en Rosalía ningunha renuncia ou apostasía da súa conciencia e esperanza patriótica; deuse, si, unha indisposición a publicar nada en galego se non se cumprían unha serie de condicións polo editor que descoñecemos, descoñecemento favorecido pola censura destrutiva sobre o seu legado escrito:

Hazle, pues, presente al editor que, pese a la mala opinión de que al presente gozo, ha tenido a bien acordarse de mi, lo cual le agradezco, mi resolución de no volver a coger la pluma para nada que pertenezca a este país, ni menos escribir en gallego, una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto. No quiero volver a escandalizar a mis paisanos.


Xa vimos a acumulación de circunstancias que provocaron esta reacción, a fundamental, a hostilidade e a indefensión de que era obxecto, non compensada nin sequera pola protección dunha minoría á que destinaba os seus escritos en galego. Non é que esperase o amparo das multitudes dos nosos campos que non a podían ler, como advertira. Tampouco tivo a dos entusiastas do seu primeiro libro, ela que procuraba “o natural agarimo nos corazós que sufren e aman esta querida terra de Galicia”. Polo demais, a Rosalía dos últimos anos, asume o seu martirio por unha causa como un risco de dignidade da súa personalidade e da función de escritora, que se considera tamén fracasada desde o punto de vista da consecución da gloria. Abonda con ler parte dos dous poemas que poñen punto final a En las orillas del Sar:

Yo prefiero a ese brillo de un instante,
la triste soledad donde batallo,
y donde nunca a perturbar mi espíritu

llega el vano rumor de los aplausos.


¡Oh gloria!, deidad vana cual todas las deidades
que en el orgullo humano tiene altar y asiento,

jamás te rendí culto, jamás mi frente altiva

se inclinó de tu trono ante el dosel soberbio.


En el dintel oscuro de mi pobre morada

no espero que detengas el breve alado pie,

porque jamás mi alma te persiguió en sus sueños,

ni de tu amor voluble quiso gustar la miel.


Non é que non acadase a gloria merecida, é que non sentía que gozase da simpatía da relevante minoría de interlocutores e dos apoios con que contaran os seus Cantares Gallegos, o único seu en vida con segunda edición, un libro con todo salvado para a incidencia social grazas á emigración, malia ser dunha forma parcial e fragmentaria. E por se fose pouco, a hostilidade ou indiferenza sen defensa dalgún grupo social cohesionado, experimentada ao longo de anos, tanto baixo un réxime de liberdades, no Sexenio Revolucionario, como en maior grao e con máis indefensión económica na Restauración, lograron maior pegada emocional na súa sensibilidade de escritora en lingua galega. A lingua galega tiña sentido como parte dun proxecto cultural para a toma de conciencia das clases en proceso de españolización. De non ser así, para un testamento persoal, non vía, como escritora profesional que xa se consideraba “unha morta ben morta” en 1880, nun mercado editorial en español, o galego unha necesidade perentoria. Se había que escribir e publicar debido ao duro das circunstancias económicas, servía o español. A resurrección de Rosalía como escritora que intenta vender no mercado editorial do libro na Restauración prodúcese, após un silencio obrigado polas circunstancias de todo tipo, persoais e políticas, de moitos anos, entre 1872 e 1880, e moi premida pola necesidade económica que se agravou en precariedade e pobreza sen paliativos a partir de 1880. Sempre estaba pairando sobre ela o apurado das circunstancias. Resulta rechamante a resistencia a asumir esta verdade sen paliativos por parte dalgúns historiadores e críticos actuais, co argumento de que o matrimonio era gastador até dilapidar o diñeiro. Que Rosalía, tendo un sentido moi agudo das privacións e da necesidade do diñeiro, tendese a gastar cando o tiña, non desmente para nada que, en concreto, desde 1875 até os seus últimos días, a precariedade e pobreza da familia da que ela era éxida, cabeza, medrou até a miseria, recoñecida mesmo na prensa da época e pola posterior tradición oral. Nesta ocasión, voume limitar ao que, facendo historia do Centro Galego da Habana, nos di Juan Manuel Espada: “...contribuye poderosamente a refozar la suscripción que en favor de Rosalía Castro, moribunda, inicia El Eco de Galicia” (Galicia, 9, 1888). La Iberia (22, 10, 1885) informa: “De La Voz de Galicia de la Coruña: La comisión provincial acordó en sesión de ayer contribuír con 1000 pesetas para la reimpresión de las obras de Rosalía de Castro, y conceder otras 500 pesetas más a los hijos de aquella ilustre escritora”. Desde logo, non se produciu tal impresión; é de esperar que si se executase a partida para os fillos. A información de Said Armesto de que Rosalía se viu obrigada a traballar a terra da Matanza por necesidade económica é tamén recollida por Volney Conde-Pelayo de forma máis eufemística: “¿Recordáis a Rosalía de Castro? Todavía hace poco la ha ensalzado un académico en un discurso de recepción; pero lo que se oculta es que la ilustre poetisa gallega se veía obligada a trabajar sin descanso para mantener a una numerosa familia” (El Motín, 22, 6, 1916).