Días difíceis para a imprensa en galego
A situación pola que están a pasar as publicacións en galego ilustra ben as dificultades para manter medios na lingua propia do País, á marxe do poder, e que contribúan a unha pluralidade informativa tan necesaria como escasa.
Vimos de coñecer a noticia da desaparición -agardamos que temporaria- do semanario A Nosa Terra. Falar d'A Nosa Terra remítenos inmediatamente ao esforzo que historicamente fixo o nacionalismo por dar a coñecer a realidade de Galiza tal cal é, sen mistificacións nin manipulacións. Coñecérmonos é requisito fundamental para podermos axir politicamente, para conformármonos como suxeito político, mesmo para sermos capaces de exercer os dereitos que como nación nos corresponden. Non menos importante é a existencia de medios en galego para a normalización da nosa lingua. Aliás, nesta era de dominio do audiovisual, pola actitude activa que exixen do lector, as publicacións escritas xogan aínda un papel fundamental. Por ambas razóns é, portanto, unha moi má noticia o desaparecemento de xornais en galego.
En poucos meses foron cinco os medios na nosa lingua que deixaron de publicarse: a GZnación veu sumarse Vieiros, a rede social de difusión de noticias Chuza!, A Peneira e agora A Nosa Terra. Unha primeira reflexión, inevitábel, lévanos a constatar, máis unha vez, as enormes dificultades para manter medios na lingua propia do País, á marxe do poder e que contribúan a unha pluralidade informativa tan necesaria como escasa.
Céntrome n'A Nosa Terra polo que representou como cabezallo histórico, centenario, do nacionalismo galego e da defensa de Galiza e da súa lingua. Dicía estes días o seu presidente que nas súas páxina ficou plasmada a mellor Galiza da man do mellor da intelectualidade galega dos últimos 100 anos. E é verdade. Entre outras cousas, porque ANT foi ao longo da súa historia un proxecto colectivo, resultado do esforzo de moitas persoas. Foino cando naceu vinculado ao agrarismo e ao galeguismo. Foino como voceiro das Irmandades da Fala e despois do Partido Galeguista. Foino como portavoz da Galiza resistente no exilio americano. Foino tamén nesta última etapa, desde que botara a andar na rúa da Troia, en Compostela, aló por 1977.
Certo que neste período se formulou como un proxecto empresarial independente, mais mesmo así colectivo, concibido en función do avanzo da lingua e da consciencia do País. Como un medio comprometido coa causa patriótica, que contribuíse cunha información veraz e unha opinión crítica, contrastando coa información propagandística da imprensa do poder. Tratábase, aínda, de comezar a construír un espazo informativo propio, do que tan necesitada estaba a Galiza de entón e continúa a estar esta de hoxe. A ese proxecto dedicáronse recursos materiais e humanos. Dedicáronse inúmeros esforzos. O que aconteceu entón para chegarmos a este resultado?
A coincidencia na desaparición de cinco medios parece que nos debe levar a buscar en primeiro lugar causas xerais. De entre estas pega na vista a crise económica, que ten afectado de xeito importante a numerosas empresas de comunicación, mesmo das máis sólidas, un pouco por toda a parte. Tamén na Galiza. Na actualidade, grupos de comunicación asentados e que gozan do respaldo do poder están a pasar por dificultades económicas, quer que os reaxustamentos no cadro de persoal sexan feitos con toda a discreción posíbel e o brazo amigo non vaia permitir chegar a situacións límite. Parece evidente que a caída do mercado publicitario irá afectar en maior medida a pequenas empresas que xogan sempre no bordo das posibilidades económicas.
Unha segunda causa ten a ver coa volta do PP ao goberno e a adopción de políticas sectarias e antigalegas, tamén en relación cos medios que empregan a nosa lingua. O corte da publicidade institucional nestes medios e a redución ao ridículo da cuantía dos subsidios ás publicacións en galego tiveron, desde logo, un efecto negativo importante. Non se trata de asumirmos que medios de comunicación que son empresas privadas teñan que vivir do erario público, mais forma parte das obrigas legais da administración galega o apoio ao uso da nosa lingua, tamén na comunicación social. Aliás, é evidente que esta actitude contrasta poderosamente co xeneroso apoio económico que están a ter os medios en español afíns ao Partido Popular, especialmente aquel a quen debe compensar o contributo que fixo para recuperar o goberno, La Voz de Galicia.
Porén, Promocións Culturais Galegas, editora de ANT, semellaba unha empresa suficientemente consolidada como para poder resistir os embates conxunturais das circunstancias políticas e económicas. Talvez debamos fixarnos entón en decisións adoptadas non últimos anos, que mudaron o rumbo de ANT e con el a súa orientación informativa. A máis relevante, sen dúbida, a adoptada en 2007 -xusto no centenario- cando a Construtora San José se fai coa maioría das accións e asume o control da empresa.
De repente, a vontade de 900 pequenos accionistas, que o eran en boa parte por compromiso político e por afán de contribuír á viabilidade do xornal e do proxecto editorial, ficou sometida ás decisións do novo propietario. De facto, a xulgar polo expresado por representantes dos traballadores, a decisión de cesar a publicación en papel podería terse evitado e talvez se evitase de corresponder adoptala ao conxunto dos accionistas que sempre impulsaron o proxecto. En todo caso, unha operación que se presentou como garantía de afortalamento e continuidade do proxecto, acabou por resultar fallada.
Nada que dicir contra a aposta empresarial por medios de comunicación social en galego. Polo contrario, o problema do País é carecer dunha burguesía media comprometida co seu futuro que realmente aposte por construílo, tamén desde a información. Ora, o caso d'A Nosa Terra é un bocado diferente, xustamente por como foi concibido, xestado e desenvolvido, como resultado do esforzo colectivo, como a voz da nación en marcha. Por iso moitos lectores non entenderon -non entendemos- que se lle entregase o resultado dese esforzo colectivo, de tanta contribución altruísta, de tanto traballo -cantas veces militante- a un empresario, sexa quen for e por moi galeguista que for. E que con iso se entregase tamén boa parte da historia do nacionalismo exemplificadora do compromiso por levantar un espazo de información de seu.
Tampouco a nova orientación, encamiñada a alargar o número de lectores no ámbito do galeguismo, semella ter dado grandes resultados, entre outras razóns porque non hai campo real aí ao que se dirixir. En troca, boa parte dos lectores tradicionais, que contribuíran a levantar o xornal, sentíronse defraudados. Debilitouse, en boa medida, a identificación política e até afectiva que se ten con aquilo que é cousa de todos e por iso tamén responsabilidade de todos, fundamental para un proxecto destas características, que precisa de respaldo social, saír adiante.
Semella entón, que tería resultado máis útil, e tamén máis eficaz, que os esforzos por consolidar o proxecto e ampliar ámbitos de influencia e lectores se fixesen sen sacrificar os fundamentos do mesmo nin a claridade e coherencia da liña editorial coa que se refundara. E se fixesen, sobre todo, co espírito colectivo que informou o proxecto desde o seu nacemento.
En calquera caso, a situación dos medios en galego é ben ilustrativa da fraqueza do compromiso da pequena e media burguesía cun proxecto de futuro de seu para Galiza. Mais tamén das dificultades do nacionalismo popular por articular recursos e ámbitos de comunicación con capacidade de real influencia social. Porén, ese é un reto que o nacionalismo ten que continuar afrontando, na convicción de que a consolidación dun espazo galego de información e opinión é indispensábel para irmos asentando ao tempo un ámbito de decisión política que nos conduza a un futuro de liberdade.
É de esperar -e hai que traballar para iso- que as dificultades polas que están a pasar as publicacións en galego acaben por se resolver e vexamos recuperar nos quiosques ou no ciberespazo cabezallos que contribúan para a normalización da nosa lingua e para o coñecemento da nosa propia realidade. E aí debe estar A Nosa Terra, á que nos gustaría sentir novamente como un proxecto común da Galiza que non se resigna nin se rende.