Descolonizar


Vivimos un tempo poscolonial, mais as pisadas colonizadoras perviven e aproveitan os intres de gobernos neocons para recuperarse. Toda política de realidades ten que arrincar as malas herbas do longo espazo de opresión colonial.

Podemos aceptar que no 1492 comezou a etapa de séculos de colonialismo, eurocentrismo, capitalismo e modernidade; séculos luminosos empeñados na transformación mundial cara unha macrocultura occidental. Un intento europeo de dominio, hoxe nas mans trémulas de USA. Séculos de poder “burgués”: destrutor do feudalismo, guía económico e científico dunha sociedade desigual. Aproveitou a alianza co proletariado (e co campesiñado) contra a nobreza e escravizou a ese proletariado impedíndolle ter poder produtivo e financeiro.

Todo está a comprobar o fin de tal época; estamos nun intre crítico poscolonial (e tamén poscapitalista, posmoderno, non eurocentrista).

O eurocentrismo dos séculos capitalistas non significou benestar para todos os habitantes de Europa. Ao contraio: aumentou a subordinación da clase “traballadora” que emigrou en gran parte. As nacións europeas subordinadas á oligarquía monarca-burguesa foron obxecto de empobrecemento paralelo aos das colonias. Nesa situación caeu Galiza desde o s. XVI até o século XX.

Cales foron as institucións de dominación de tais nacións? As mesmas que “escravizaron” á clase fundamental-campesiños e operarios urbanas, a saber: os exércitos, o funcionariado, as relixións. Tanto ás ordes da Monarquía Absoluta como das Monarquías parlamentarias.

Que os exércitos e o funcionariado actuasen así, é ritual.. E a relixión?. En Europa Occidental predominaban dúas formas de cristianismo: a católica e a protestante. A católica sufriu unha centralización constante fuxindo da subordinación ás monarquías para depender do Papa. A protestante viuse acosada por colectivos independentes que mantiveron un certo equilibrio de submisión aos “príncipes e reis” e aos eclesiásticos. Nos dous casos predominou un cristianismo de “inversión” dos principios relixiosos das igrexas apostólicas: estas eran anti-imperiais, críticas do poder civil e carentes de poder relixioso. As da “época moderna” perderan esa independencia e aceptaban compartir o poder coa clase dominante.

É gravísima a débeda desas igrexas cómplices de colonialismo como da subordinación nacional. É patente o continuísmo maioritario,- en desobediencia ao concilio Vaticano II- desas igrexas que seguen a impoñer v.g. a lingua da oligarquía á do país, e a subordinación cultural do territorio ao poder central. Estou a referirme ao sector relixioso; bótemos unha ollada aos sectores escolares, económicos, científicos, xudiciais etc. Viven maioritariamente de costas ao país, en subordinación ás oligarquías da Monarquía parlamentaria.

Mais o tempo non se detén; o poscolonialismo actúa. En Latinoamérica emerxen indixenismos liberadores e revolucións insubmisas ás “trémulas mans de USA”. A crise global que vivimos en Europa abre fendas para eliminar o dominio secular da gran burguesía e das oligarquías políticas. Moitos galegos ten conciencia da situación de inxustiza social e de nación e queren saír desta estrutura de subordinación.

Non podemos perder esta oportunidade de superar con sistemas xustos, igualitarios, democráticos o centenario dominio oligárquico. Mentres exista na sociedade un número -un 26 %- de familias baixo a soleira da pobreza, é falso declarar esa sociedade como democrática.

Aquel capitalismo do XVI que parecía creador e benéfico, está a morrer no vicio e na maior desigualdade dos humanos. Levaba dentro unha trampa: confiar na bondade do mercado sen regular; ese mercado caeu nas mans das máis duras mafias da historia. Adeus por sempre ao capitalismo.

Desde todas as instancias sociais, a política, a cultural, a relixiosa, etc. Urxe arrincar as herbas velenosas que sementou o capitalismo. Que resuciten as vítimas e gocen de paz e liberdade. As catro caras dos séculos burgueses-, modernidade, eurocentrismo, capitalismo e colonialismo- son xa carautas a amedrentaren. Vivamos sen carautas.