De puridade, isonomía e apéndices atrofiados

De puridade, isonomía e apéndices atrofiados

É cousa sabida que as verbas evolucionan e mesmo desaparecen ou mudan o significado, cando se perde o obxecto ou a acción que definen. Algo así, e alguén dirá que por desgraza, está a acontecer coa verba "puridade". Na linguaxe actual, cando empregamos esta verba ou, con maior frecuencia, a expresión adverbial "en puridade", estamos a facer referencia á idea de pureza ou, cada vez menos, á de segredo; pero non sempre foi así. Os pobos xermánicos, que ocuparon tódalas terras do occidente europeo, consideraban que certos dereitos non eran individuais, senón persoais. Os nobres chegaron a selo por dereito de conquista, dereito que tiñan obriga de defender coas armas na man contra todo aquel que tentase arrebatárllelo. Esta concepción xermánica do dereito estivo en vigor, aínda que xa perseguida polas leis emanadas do dereito romano, ata os inicios do século XX. Lembro agora que, cando o xeneral Prim, Conde de Reus e Marqués de los Castillejos, por cuestións de honor político, retou en duelo ao seu conmilitón, o tamén xeneral Serrano, as máis altas instancias do país impedírono, o que motivou que Prim, cabreado e defraudado, berrase: "¡Cómo ha de ser! ¡Se empeñan en que los hombres públicos seamos mujeres públicas! Vámonos a cazar osos a los Montes de Toledo". O honor había que defendelo coas armas na man.

O que non estaba disposto a facer un nobre xermánico era dirimir os seus litixios diante dun tribunal, como tiñan que facer, necesariamente e no mellor dos casos, os plebeos. Para evitar pasar por iso, argallaron a chamada "puridade", acto ou dereito que prefiro definir coas verbas de Ortega na súa España Invertebrada: "A 'puridade' consistía no dereito do feudal a resolver un preito, antes de ser xudicialmente perseguido, en conversación privada e secreta co superior xerárquico; por exemplo, co rei". Evitábase así ter que se someter ao procedemento impersoal dos tribunais. Era de tanta gravidade que o rei negase a puridade a un nobre, que, se tal facía, este podía romper a relación de vasalaxe con el.

Estrañábase Unamuno, xa nas fins do século XIX, de que aínda sobrevivise a monarquía, feito que explicaba, porque "tódolos organismos conservan restos de órganos usados xa, que ao perder a súa función non desapareceron; ten a cobra no seu esqueleto apófises das perdidas extremidades, ten o boi dedos inútiles, ten a orella do home musculiños atrofiados que as moveron nun tempo e teñen monarquía as nacións". Consecuentemente, para el, a aristocracia era tamén "pendejo de la sociedad y órgano atrofiado" e tanto a monarquía coma os nobres, apéndices inútiles, terían que rematar desaparecendo.

O rei Juan Carlos, pasando por alto -o que non deixa de ser curioso- que el mesmo é irresponsable, dixo na homilía de Nadal que a lei é igual para todos. A partires de aí, moreas de comentaristas insisten en repetir, tódolos días e obviando as evidencias en contra, que, efectivamente, en España rexe a isonomía, a igualdade de todos diante da xustiza, e mesmo xustifican que, se a persoa do rei é inviolable, inmune e irresponsable, se debe a que por el responden os ministros. Supoño que o rei, sorrindo, lembrará de vez en cando o coñecido dito de "Aí mas dean todas". Pero o asunto que motiva estes comentarios é que un nobre, concretamente un duque que, a maiores, vén sendo xenro do rei, se ve involucrado nun moi feo asunto xudicial, xusto agora que xa non funciona a puridade. Tamén é mágoa!, pois de seguir en vigor, todo se reduciría a unha conversa privada co sogro, xa que non a un duelo, porque os denunciantes son plebeos e un nobre non lixaba as mans con eles.

,Hai moitos anos, falando das navegacións de Portugal "por mares nunca de antes navegados", que dixo Camões, proezas talvez necesarias, porque, como engadiu Eugenio d'Ors, "no se puede tener impunemente un palco proscenio en el gran teatro del misterio", díxome, cunha certa nostalxia, un vello e bo amigo de alén Miño: "Agora, Paco, xa non se fan portugueses coma antes". É ben certo, amigo Brochado, todo mudou e en España tampouco se fan nobres como os daquela, cando os títulos se gañaban no campo de Marte, cando os traballos físicos ou os negocios (mesmo os legais) eran motivo de perda da dignidade nobiliaria e cando os duques afrontaban os feitos con valentía, aínda que, como fixo o de Alba, deixasen esvaradías de sangue tódalas rúas de Maastricht. Eran homes dunha terrible brutalidade, pero, sen dúbida, tallados en boa lúa.

Agora son imputados e teñen que declarar diante dun xuíz, pero, iso si, sen ser gravados, baixando, se prefiren, en coche ata o interior do edificio, o que non se permitiu ao socio, e, diante do xuíz, botando balóns fóra, como calquera plebeo. Por se fose pouco, a muller e socia, infanta de España, non se chama a declarar, nin como testemuña, porque non vaia ser que se estigmatice gratuitamente. Prefírese deixala quedar por boba ou ignorante, que non se enteira de onde sae o diñeiro para o tren de vida que levan -o mesmiño que lle pasaba hai un tempo á que non vía o cochazo do home no garaxe e que, malia todo, nola puxeron de ministra-. Chámame gorrión e bótame alpiste. Por suposto, a muller do socio, Diego Torres, si ten que acudir ao xulgado, non sei se porque ela non vai ser estigmatizada, ou porque aínda que o sexa non vai ser de xeito gratuíto. O xuíz saberá, que para iso estudou leis. Canta razón tiña Castelao cando fixo dicir ao paisano que a baixada á vila era, por fortuna, por cousa de médico, non de avogado. E aínda hai quen cre na xustiza e defende a monarquía.

Citei antes a Prim e vou rematar con el, na altura na que andaba na procura dun rei para España, despois de que A Gloriosa expulsase a Isabel II. Estando en Londres, propuxéronlle facer de España unha república e mesmo lle ofreceron a presidencia da mesma, ao que respondeu: "Iso é un soño; a República sería posible se houbese republicanos, como os hai ata en Rusia; pero en España non os hai nin pode habelos". Pouco despois, en carta ao político e periodista francés Émile Girardin, insiste: "Para establecer unha República necesítanse republicanos"; e a Castelar, nas cortes, en plena discusión pola procura dun candidato ao trono, respondeulle que, se non era doado facer un rei, máis difícil era crear unha república onde non había republicanos. Se Prim seguise no parlamento aínda hoxe, case 150 anos despois desta resposta, volvería a repetila, tras escoitar os aplausos que lle tributaron ao rei, entre algúns outros, os deputados do PP e do republicano e federal PSOE de Pablo Iglesias. Amigo Unamuno, os apéndices atrofiados, como o óso palomo, están ben agarrados e non dan caído.