Da galeguidade dos “Reis Astures”

Da galeguidade dos “Reis Astures”

No noso anterior artigo, dedicado á figura do rei dos galegos Afonso VII, deixabamos ben ás claras que este monarca, futuro emperador, por moito que digan era un rei galego, tendo en conta o seu nacemento en terras de Caldas e o seu asentamento no trono grazas aos movementos políticos e militares da nobreza e da igrexa galega. Non é o único caso no que un "rei astur" ten fortes lazos sanguíneos, culturais e políticos con Galiza, algo que parece que non interesa investigar. Son poucos os traballos que abordan o tema da galeguidade dos "reis astures" fronte a un voluminoso bloque documental que nos fala dunha monarquía de marcada raíz asturiano-leonesa.

Co paso do tempo temos visto como na historiografía vinculada aos poderes centralistas o papel de Galiza vai ser relegado xa non a un segundo plano senón a un plano meramente testemuñal, de aí que non interese en absoluto falar da galeguidade dos reis cristiáns pois iso obrigaría a falar do Reino de Galiza.

A finais dos anos 90 unha nova fornada de investigadores, tanto galegos como alleos, acaba coas teorías historiográficas anteriores que esquecían a Galiza, mais non conseguen exterminalas de todo. Así, aínda vemos hoxe, como se defende, contumazmente, a idea de que o avance territorial do "reino astur" cara ao oriente peninsular (zona alavesa e cántabra) se leva a cabo mediante unha política matrimonial, o que deixa claro que existe unha nobreza e unha estrutura social consolidada, mentres que para o caso galego fálase dunha incorporación militar ao "reino astur" e unha conseguinte repoboación, entendendo logo que Galiza era un ermo poboacional e desestruturado. Esta última teoría é herdeira daquel neogoticismo que defendía a idea de que os territorios do norte foran repoboados polos exiliados visigodos chegados do Sur trala invasión musulmana. Estes visigodos expulsados e asentados en Galiza convertiríanse no xerme da nova nobreza galega o que xustificaría, perfectamente, a existencia de nobres con gran número de propiedades a principios do século IX. Pero esta nobreza non é neovisigoda senón que ten as súas raigames en terra galega, á cal acude o rei Ramiro I, en concreto a Lugo, en busca dun exército que acabe con Nepociano, que accedera ao trono apoiado militarmente pola nobreza palatina, ou o que é o mesmo asturiana, e baseándose no seu dereito por estar casado coa irmá de Afonso II. Será desprazado do trono por Ramiro I e a este apóiano os nobres galegos. ¿Como é posible reunir un poderoso exército sen a existencia previa dun poder nobiliario galego forte e asentado nesta terra dende tempo atrás? Moitos nos poden dicir que dende a "repoboación" de Galiza por Afonso I (739-757) ata o reinado de Ramiro I (842-850) hai case un século, tempo abondo para levar a cabo o asentamento desta organización nobiliar. Iso é certo, pero entón preguntémonos a que galegos se refiren as crónicas asturianas cando din que o rei Froila (757-768) tivo que loitar contra os galegos que se levantaron contra del ou porque o rei Silo (774-783) ten que encabezar un exército para enfrontarse cos nobres galegos insurxentes aos que derrotará moi preto da cidade de Lugo, en Montecubeiro. Resulta curioso que Ramiro I acuda a Lugo a buscar o seu exército. Tal vez se deba a que Ramiro era fillo de Vermudo I do que se supón que súa nai era galega (Cotarelo Valledor ou F. Reilly) e que casará cunha muller da alta nobreza galega. Resulta irónico que se fale tan tranquilamente de Ramiro I como rei asturiano cando seu pai era medio galego e súa nai galega, preguntémonos que tanto por cento de asturianidade tiña este rei galego. Preguntémonos por que o seu fillo Ordoño I e o seu neto Afonso III contaron co poder económico, social e militar da nobreza galega, apoio tan so explicable se temos en conta os lazos familiares destes tres reis galegos.

A liña sucesoria de tronco paterno establecida dende Ramiro non é senón a plasmación do poder acadado polas familias nobiliarias galegas dentro do chamado "reino de Asturias", papel preponderante que recolleron nas súas obras Menéndez Pidal ou Vicente Risco, entre outros.

Ramiro I ten dous fillos varóns, o seu sucesor Ordoño I e Catón, este último ten como fillos ao bispo de Mondoñedo Sabarico a Patruina Catónez e a Hermenexildo Gutiérrez, sobriños de Ordoño e primos carnais de Afonso III. ¿Acaso podemos dicir que o bispo de Mondoñedo, Sabarico, ou o seu sobriño, San Rosendo non eran galegos? Non, non o podemos dicir. O primeiro destes bispos era primo carnal e o segundo sobriño de Afonso III.

¿Que cambiou con Afonso III? ¿Que pasou para que un conde galego se faga co poder? Este conde, Froila Vermúdez, procedente de Lugo (outra vez Lugo) faise co poder reinando por un breve espazo de tempo.

¿Como puido Froila Vermúdez, un conde galego, derrotar a Afonso III que contaba co apoio de toda a nobreza asturiana e alavesa, lugar de nacemento de súa nai? Esta pregunta só se pode responder se temos en conta o papel destacado que tiña neses momentos a nobreza, a terra e o país galego.

Tras a morte deste do conde Afonso III pode regresar e facerse co trono. Non era a primeira vez que gobernaba. Na enciclopedia virtual "Oviedo", polo tanto nada susceptible de ser nacionalista, dise deste rei que "dende os catorce anos gozaba dunha prerrogativa para poder rexer a terra de Galiza, baixo a obediencia de seu pai". Esta vinculación do futuro rei a Galiza é algo que iremos vendo ao longo da historia e é só explicable tendo en conta que o control do territorio galego era indispensable para poder gobernar. A falla de control sobre o noso país podía provocar revoltas e perdas de trono, tal e como levamos visto. A fins do século XI veremos como aínda permanece activa esta obrigatoriedade de gobernar primeiro Galiza, senón lembremos como Afonso VI entrega á súa filla Urraca e ao seu marido Raimundo de Borgoña o control dos territorios galegos como paso previo a gobernar.

Todo o que levamos visto neste artigo fala, moi ás claras, da existencia dun Reino de Galiza. Nos baseámonos na documentación histórica, moito máis clara canto máis allea é ao territorio ibérico, para falar dun Reino de Galiza. Supoño que alguén non o quererá ver así, está no seu dereito, pero quen non o queira ver así deberanos aclara-lo tema da galeguidade dos "reis astures". Entendendo que aclarar non significa ocultar.