Da fragmentación temporal e das súas fracturas políticas
Que o coñecemento amplía a nosa visión do mundo facéndoo máis facilmente interpretábel é algo que parecemos ter claro. Existen numerosos exemplos que amosan como aquilo que parecía estrañamente misterioso deixou de selo ao atoparmos unha explicación científica. Pensemos, por exemplo, nos fenómenos meteorolóxicos, na constante presenza da lúa sobre a terra, na redondez desta última e a razón pola que está suspendida no universo, rodeada doutros planetas que, canda ela, xiran harmonicamente formando unha elipse ao redor do sol.
Lembremos, de paso, como anteriormente ao descubrimento, se nos proporcionaron explicacións falsas -caso da atribución dos fenómenos atmosféricos aos deuses- ou, no mellor dos casos, limitadas, como sucedeu coa Lei da gravitación Universal, de Newton, que non serviu para aclarar determinadas cuestións, como a da traxectoria de Mercurio, non exactamente elíptica, tal e como se esperaría segundo esta teoría.
Daquela, conscientes da importancia dos estudos científicos, perseveramos e seguimos á procura das razóns que desvelen o gran segredo sobre a nosa existencia. Que científico se resiste?. O universo é un todo estraño que nos atrapa e fascina. Unha vez dentro, só cabe continuar buscando. Talvez, algún día consigamos o noso obxectivo: saber quen somos e que pintamos aquí. Polo de agora, como dicía o célebre científico, Carl Sagan, cómpre ter presente que o noso planeta constitúe un punto minúsculo neste cesto cósmico que tanto nos inquieta. Por iso, porque de momento non podemos facer outra cousa que especular sobre ese todo total, mellor será pensar no que temos diante e na posibilidade de modificar o mellorábel.
Así, as mudanzas políticas, teñen moito que ver co coñecemento científico da realidade. Por iso, o tempo percibido e o seu control afectan directamente ao que nos rodea, isto é, tempo e política están interelacionados. Pensemos entón agora en Einstein, na súa fascinante teoría da relatividade. Fagamos memoria e teñamos conta daquela interesante explicación, aínda que sexa de xeito moi resumido, que puña en relación tempo, masa e observador. Comprobemos como tal teoría se adapta á capacidade humana de artellar outras posibilidades de vivir na medida en que amosa que temos a opción de interferir no espazo e pór en práctica ese potencial mecánico que nos é propio, fóra de calquera determinismo político, social ou económico. Daquela, parece que, como observadores e, posteriormente entes mecánicos, podemos mudar o mundo. Este, e o seu devir, dependen en gran medida de nós, xa que logo, sería ben interesante, intentar ser conscientes do tempo co que podemos interactuar.
Para que se comprenda mellor: ao non existir un tempo absoluto, é necesario desvelar até que punto a relatividade de seu nos afecta. Entón, debemos visibilizar que a nosa relación con esta dimensión se estabelece en dous niveis. Nun primeiro nivel, pensaremos na dirección que sempre parece explicitarse no vínculo entre antes e despois, isto é, pasado e futuro. Deste xeito, a consecución causa-consecuencia, e non ao revés, conferiralle ao tempo a dirección. Isto, mesmo dende o punto de vista da relatividade, é fixo. Non pode mudar. O tempo ten, xa que logo, unha orde constante que pon en relación a anterioridade coa posterioridade, xerando no noso cerebro esa idea de linealidade. Insistimos nisto porque é nesa relación causa-consecuencia onde non podemos facer cambios. Así, un prato primeiramente cae. Logo rompe. Nunca ao revés. Aquí non intervén a relatividade.
Por outro lado, nun segundo nivel, a medida do tempo é variábel. Depende do punto de vista que, a súa vez, dependerá da nosa posición. Pero disto non sempre somos conscientes. No entanto, si existe unha posibilidade de facermos variacións temporais internas, partindo da propia percepción. Así, a conciencia ten a capacidade de xerar un tempo propio que non se rexe por medio dun compás, mais dunhas marcas temporais que ela elixe. Segundo a atención que dediquemos ás accións que nos ocupen e preocupen, o tempo será máis ou menos lento.
Até aquí parece claro que a nosa intervención é posíbel, pois estamos en relación non só coa cuarta dimensión, mais tamén co espazo que, como sabemos, depende en parte de nós. Sobre esta intervención sería interesante lembrar aquela frase de Mao Zedong tan reveladora da necesidade dunha praxe política, froito do noso potencial mecánico, tristemente aletargado por unha tendencia cada vez maior ao conformismo que utiliza como escusa a impotencia, unha impotencia cuxo berce non é outro que a impaciencia. Non asumimos que determinadas mudanzas políticas non poden axustarse ao discorrer do tempo do Capital, precisan dun ritmo moito máis lento para poder ir á raíz do problema. Pero, volvamos a Mao e a necesidade dunha auténtica e efectiva praxe política. Lembremos a importancia destas accións, en principio modestas, que han traer consigo outras máis grandes, non polo tamaño, mais pola súa repercusión. A devandita frase é esta:
A filosofía marxista considera que o problema máis importante non consiste en comprender as leis do mundo obxetivo para estar en condicións de interpretalo, senón en aplicar o coñecemento desas leis para transformar activamente o mundo.
Así é que ser implica en certo xeito actuar, formar parte. Non sempre pensamos nisto. A nosa conciencia habita nun tempo indefinido que non sabemos ou non queremos controlar. Por iso, polo letargo, ocupamos a maior parte da nosa vida na fracturación das propias vivencias, á marxe do resto. Distribuímos pois o vivido, e aquilo que nos resta por vivir, en bloques que imos situando en distintos puntos desa magnitude estraña que o tempo é. Así, centrámolo todo fundamentalmente na anterioridade e na posterioridade -a dirección do tempo que non podemos alterar- .
Ao noso modo de ver, resultan imprescindíbeis para desentrañar a rareza da propia existencia. A continuidade consciente diso que sucede secuencialmente, parece permitirnos a interpretación da realidade en función do que os filósofos adoitaron denominar principio de causalidade, e que Einstein recuperou para explicar esa dirección imperturbábel do tempo que, a pesar da relatividade, permanece fixa.
No entanto, e, a pesar do interesante que resulta a potencial medida do tempo e, consecuentemente, a subdivisión clarificadora do aparentemente amorfo, deberíamos centrar a nosa existencia non tanto en dividir a realidade como en gozar do proceso creativo que a participación supón, sabendo que, nese correr -de diante a atrás- mesmo de non nos implicar en nada, influímos igualmente no espazo (a polis) no que nos desenvolvemos. Daquela, todo ser é un ser político, guste ou non.
Deste xeito, ser, tempo e política, únense en estreita alianza, e, o que sucede, hase producir a partir do noso comportamento. Así a responsabilidade é grande, na medida en que nós determinamos a posterioridade. Por iso, a idea de que sucedemos, dende o momento en que estamos inmersos nesa sucesión sucedendo con ela, é certa só en parte, pois tal xeito de se vivir, entregados/as á casualidade, leva implícita unha desidia que nos incapacita para xerar movementos propios, converténdonos en entes parasitarias do tempo, imposibilitándonos unha existencia máis sentida e autónoma. Non podemos autocondenarnos a ser controlados/as polo azar igual que non podemos permitir que nos manipule unha minoría poderosa.
Así é que o simple fluír introdúcenos nunha certa espesura que, de pararnos a analizala minuciosamente, desborda todo. Como explicar que somos seres que suceden?. Até que punto a nosa existencia individual é unha anécdota?. Que sentido ten ser en solitario, á marxe do resto, e suceder sucedendo, así, estrañamente, sen que poidamos controlalo?. É este tempo exterior, o tempo das cousas tanxíbeis, o único existente se nos referimos a esa totalidade que nos integra no seu recipiente, queirámolo ou non?. Cantas veces facemos uso do propio cerebro para fabricar un tempo individual e consciente?. E, de o facer, chegamos a entender que tal tempo é un tempo pensado por moitas persoas que conforman unha maraña de subconxuntos temporais minúsculos que, percibidos dende a óptica particular que os propios sentidos nos permiten, parece ser estrañamente infinito, amplo, estenso e, polo tanto inconmensurábel?. Sabemos que tal percepción do tempo está vencellado á identidade que, concibida illadamente, carece, dende un punto de vista científico, de obxectividade real, na medida en que constitúe, unicamente, unha porción do que é o tempo total, sempre vencellado á colectividade que é porque sucede con nós e se pensa?. Non parece claro que teñamos sempre conta disto, mais así é como ocorre, a devandita colectividade precisa de pensarse. Continuamente. Ás veces faino en alto, conectada ás cousas externas, é dicir, aos feitos tanxíbeis e medíbeis en segundos, minutos, horas, anos ou séculos. Noutras ocasións, faino en baixo, nese silencio espeso que nos permite certa separación e distancia conducíndonos como consecuencia á esa idea da identidade particular, cimentada sempre na diferenza que leva consigo unha certa pretensión de exclusividade.
Daquela, vaidade e tempo únense tamén, motivadas pola crenza inxenua dun pensamento superior que permite acadar maiores cotas de tempo existente. Así, se partimos da idea de Descartes, penso entón existo, concluíremos en que somos precisamente porque pensamos. Daquela, podemos ir aínda máis lonxe e prantexarnos algo certamente perigoso, dende un punto de vista social, na medida en que pon en relación intelixencia e existencia. Así, a capacidade intelectual podería determinar a magnitude da mesma... Segundo isto, a pregunta sería, se penso máis e mellor, existo máis?. Até que punto é isto así?.
A cousa, prantexada deste modo, condúcenos, inevitabelmente, a unha visión determinista da sociedade que favorecería a existencia de castes, é dicir, de grupos privilexiados que, indefectibelmente, rematarían por adoitar posturas mesiánicas e erixirse en dirixentes dunha colectividade que, presumibelmente, precisaría destas elites para ser guiada secuencia tras secuencia, nese tempo exterior dos feitos tanxíbeis, o único ao que poderían ter acceso dadas as súas limitacións intelectuais para practicar a introspección e controlar o tempo interior.
Tendo conta do explicado, temos un problema ético importante. Rexeitamos a conciencia de superioridade, pois, politicamente, é incorrecto, feo e, sobre todo, racista, iso está claro, pero a verdade é que o facemos. Considerámonos mellores polo feito de pensar con maior claridade e, sentimos, por ese mesmo motivo, que existimos con maior forza, isto é, que somos máis, que realmente sucedemos. Neste punto, atopámonos ante un dilema. Ser conscientes da individualidade e dos feitos tanxíbeis, colócanos realmente nun lugar preponderante de iluminación?. Participar da cousa pública e implicarse social e politicamente vai asociado a unha certa vaidade que implica un exceso de xenerosidade na propia autopercepción?. E aqueles ou aquelas que non participan de nada, nin se implican, manifestan con esta actitude modestia?. É ser e sucederse unha cuestión de orgullo que nos permite sentirnos por riba dos demais?. É non involucrarse en nada unha proba de ataraxia, isto é, de indiferenza egoísta e insubstante?
Prantexamos estas cuestións coa intención de artellar novas posibilidades de ser e pensarse, alleas ao egoísmo da indiferenza e ás supostas preocupacións por cuestión sociais que, en moitos casos, van unidas directamente a un certo afán megalómano de ser e exhibirse coa escusa perfecta: a necesidade de guíar a unha colectividade que se engana. No entanto, sabemos, se somos sinceiros/as, que, verdadeiramente, o que bule dentro é un alto autoconcepto de nós mesmos/as que nos leva á autocompracencia, descoidando así o que dicimos defender, isto é, a nosa comunidade.
Daquela, cómpre non esquecer que somos non só porque pensamos, mais porque tamén porque actuamos en colaboración.
Así é que o ser, illadamente, vira insignificante, na medida en que se reducen as probabilidades de incidir no espazo mellorábel. Consideraremos pois que non basta con pensar. Necesitamos crear unha conciencia colectiva que active a engrenaxe social para acadar obxectivos que nos beneficien a todos/as. Isto esixe, volveremos repetilo unha vez máis, paciencia e moita modestia pola nosa parte.
Pensaremos entón novamente nas sabias palabras de Badiou, comprendidas na súa totalidade -non só naquilo que nos convén- e teremos conta dese tempo propio no que desenvolver feitos políticos, á marxe dos reloxos. Un tempo que nada ten que ver co da introspección individual illada, pois é a suma total do tempo de todas as persoas, esa serie de subconxuntos que se pensan, con maior ou menor lucidez, e que de nada han servir de se viviren por separado, co estúpido afán de gloria persoal . A praxe política deixa ver claramente que, como dicía Alain Badiou, "Para que haxa movemento é preciso renunciar a unha simple defensa dun interese egoísta". A individualidade é necesaria, pero o individualismo leva consigo a inutilidade política, o servilismo e o estancamento social.
No entanto, a pesar de sabermos que isto é así, comprobamos, unha vez máis, como teoría e práctica seguen camiños distintos, pois, malia que dicimos defender o explicado anteriormente sobre a necesidade de colaboración desinteresada e a aceptación dun tempo lento para levala a cabo, a verdade é que o facemos coa boca pequena. Só unha minoría o leva á practica. Todos temos intereses particulares e vivimos baixo a presión dunha ditadura temporal que nos apremia constantemente. Esquecemos o pracer da conversa relaxada, apenas escoitamos o que nos contan e ignoramos o labor que realizan outras persoas. Só sabemos de nós e das nosas cousas.
Estamos demasiado centrados/as en desenvolvérmonos dentro dese tempo exterior e, de poder ser, de prevalecermos sobre o resto en diferentes facetas. Unhas quererán ser, neste patriarcado capitalista abafante, máis eficaces -un valor capitalista asociado a resolución de problemas nun tempo mínimo-, traballadoras, simpáticas, guapas e populares. Outros pretenderán ser os máis recoñecidos na súa comunidade, cun curriculum excelente e certa repercusión pública, sexa esta política, intelectual ou social...
En suma, é o éxito persoal o que nos ocupa. Todo o resto pasa a ser secundario. Por esta razón, manexar o tempo exterior, comprimilo ou estiralo, segundo conveña, convértese na obsesión principal das persoas que pretenden saír adiante. Xa que logo, a "meritocracia é moi ben considerada, pois se lle presume un carácter igualatorio que abre as portas a unha riqueza dobremente "honrosa", pois ademais de nos situar no cume da pirámide, proporcionános tamén a admiración do resto, por ser conseguida esta bonanza sen ningún tipo de axuda. Diráse de nós que somos mulleres ou homes "feitas/os a si mesmas/os", aínda que fose a costa de pisar cabezas...
Referímonos aos robinsóns e ronbinsoas do capitalismo, cuxo imaxinario se estendeu coma unha pandemia. Deste xeito, palabras como eficiencia, xuventude, aforro, curriculum, competencia e competitividade, ascenso, comodidades, economía doméstica ou superación persoal, forman parte del e, baixo o aparente aspecto de inocuidade e lóxica de seu desbordante, dende o punto de vista neoliberal, agóchase un egoísmo feroz, berce de actitudes insolidarias e apáticas.
Por iso, porque procuramos a eficiencia e, consecuentemente, o éxito, coa consabida repercusión pública, é que nos deixamos arrastrar pola tiranía dos reloxos e vivimos só para nós. Daquela, sentimentos como o de amizade perden o seu valor na medida en que nos complican a vida interferindo no uso que facemos do tempo e, consecuentemente, no potencial triunfo socioeconómico tan ansiado. Así, o máis probábel é que argumentemos para nos xustificar que "xa temos problemas dabondo como para cargar cos dos demais". E o máis triste de todo é que tal prantexamento será comprendido "xenerosamente" pola maioría das persoas, conscientes como son de que fan exactamente o mesmo e precisan de escusas coma estas, aparentemente lóxicas, mais en verdade absurdas, para autoenganarse e fuxir de calquera valoración ética sobre ese tipo de condutas e poder así perseverar nese comportamento pusilánime que, por persoal, é nidiamente político e, como tal, transcende á vida pública e remata por afectar á colectividade. Alguén que non ten capacidade de escoita, empatía e compromiso "en privado" cos que di aprezar, como o ha ter en público, cunha pluralidade de persoas descoñecidas? .
Neste estado de cousas, parece evidente que conciliar o privado co público, é o paso previo imprescindíbel que nos axudará a desenvolver as acción políticas que arelamos. O difícil é que o fagamos todos/as. Algunhas persoas pasarán a vida exercendo o cinismo, outras, seguramente anónimas, loitarán por acadar unha certa coherencia e, a meirande parte, nin pensará na necesidade de reflexión algunha. Simplemente lles parecerá absurdo emprender loitas sociais nunha sociedade "tan cómoda". Ademais, seguramente argumentarán que non teñen tempo para romanticismos...
Daquela, é obvio que a fragmentación temporal existente nas sociedades capitalistas, vencellada ao traballo e, por ende, á proxección persoal, xera fracturas políticas relacionadas directamente coas emocionais. Así, cando teñamos claro que non conversamos nin escoitamos con atención o que nos dín porque vivimos nunha sociedade dominada polo tempo que dita o Capital, talvez fagamos uso da memoria e lembremos o noso dereito a sermos felices e disfrutarmos dunha vida sentida e compartida plenamente co resto das persoas. Ao achegarnos a elas, será difícil non aprezalas e, xa que logo, darlles o noso apoio. Desta xenerosidade, practicada na intimidade, poderá xurdir a xenerosidade social, a empatía e a coraxe necesarias para entender que, como di a poeta Chus Pato, "A política é unha creación, nunca un instrumento." (Hordas da Escritura).