Da fouce e da oliva


Un día coma hoxe de 1876 nacía en Cambados, Ramón Cabanillas, o noso poeta nacional por excelencia da primeira metade do século XX. O seu natalicio é unha escusa para convidar a lectura da súa obra, revalorizar aos nosos clásicos e contribuír a un mellor coñecemento dun dos grandes galegos da pasada centuria. A persoa e o poeta é o elo que ven cubrir o baleiro deixado polos nosos xigantes do Rexurdimento para xunguirnos a aqueloutros xigantes que acudiron prestos á chamada de Antón Vilar Ponte.

Republicano Federal naquela Galiza da I Restauración onde mandaba o turnismo a xeito de carallo 29, emigrante que entende Galiza naquela emigración cubana orfa tras a morte de Curros, agrarista e solidario cando desde o Ortegal ao Miño o verbo de Basilio ergueu a chama da xustiza contra o foro, transmutando masa en pobo, irmandiño, envolto para sempre na bandeira azul e branca, cando o galeguismo pasou definitivamente a ser verba morta para os amigos do País, miliciano, no Madrid antifascista do "Non Pasaran", patriota até o final que teimaba organizar, nos anos 50, o vello Partido, desde as mesas do Lyon Dor.

Este noso Ramón non acougou, o seu foi un camiño longo. No seu carriño percorremos Galiza enteira, sen pisar chan alleo, como homes enteiros, sen medo, arrombando galiñeiros. Viaxamos a Nebra e Sofán, asasinato vil que significa martirio, chaga pola que aínda sangramos, Caeira e Furriolo. Visitamos a Frouseira, xa para sempre o muro das lamentacións da galeguidade, e paramos en rúa de pedra dura para penar aos novos cristos galegos. Acudimos a Rianxo a chapuzarnos na súa praia, doente coma nos de amor aterra, que é mal de bos e xenerosos, e vimos a vila podre, e a canalla, a ao pobo que traballa, para afirmármonos galegos, só galegos.

O libro dos amigos destoutro grande Ramón escríbese co Fontenla Leal, animador das causas patrias, himno, bandeira, academia, na Cuba Ianki; co Basilio, sotana de rebeldía que predicou xustiza co seu evanxelio labrego alimentando famentos de dignidade; co Vilar Ponte, alma acesa da doce fala sentida, amor de carreteiro que rescatou o brío das vellas irmandades cando todos nos sentíamos os últimos dun pobo suicida; co Pena Novo, que hai que matar ao galo negro,porque non somos pitiñas mansas e estamos en pe, mestre Porteiro; Castelao, veciños no mar de Arousa, confidente naqueles anos de desacougo da década dos 30 e irmán maior na idea, e Peinador, o de Mondariz que penaba por Vigo pola morte dos seus fillos e Otero, sempre Otero, o amigo máis vello, desde nos sempre fiel, que perseveraba no dereito a libre e nova vida.

Non é a primeira vez que o Terra e Tempo trae as súas paxinas ao cambadés (Revista Nº 149-153 do ano 2009), certos estamos que tampo vai ser a última. Cómpre coñecer e divulgar a nosa cultura nacional, dignificar a obra xigante dos que nos antecederon e ser quen de incardinar na dinámica dunha nación como a nosa o traballo de creación literaria. Non foi a súa unha escrita dada a concesións, tirou da fouce e da oliva, quizais por iso non foi devorada polas modas, pasaxeiras sempre, e acadou a súa significación. Galiza é nai e señora, que siga a ser agarimosa e forte.