Cunqueiro cun país ao fondo. As súas ideas políticas.
Andamos a celebrar neste 2011, con profusión de actos de todo tipo, o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. A ocasión é propicia para ollarmos o que pensaba, a inicios dos anos oitenta, ao remate case da súa vida, de asuntos cruciais e, nalgúns casos conflitivos da realidade galega, el que era xa autor dunha produción literaria extensa, aparentemente allea ás tensións socio-políticas que por aquel entón se vivían no pobo galego. É o caso da idea de Galiza, da evolución do Estado español, da aproximación a Portugal, do conflito lingüístico, do desenvolvemento económico autóctono. Mesmo sobre cuestións de finais da década dos setenta, que provocaran mobilizacións, como a instalación de centrais nucleares no noso territorio ou o ingreso do Estado español no Mercado Común Europeo e a resposta dos sectores produtivos do país e do propio nacionalismo galego.
Considéroo interesante polo menos para os que cremos na necesidade de procurarmos o sentido das obras non só na unidade forma-contido, senón tamén en aspectos externos á propia obra en si e, como non, no pensamento ou na ideoloxía do mesmo autor.
,
Vai por diante a advertencia de que nun escritor como Cunqueiro existe unha divisoria moi fonda entre a súa creación literaria (moi singular dentro da literatura galega) e o seu pensamento e actuación como "home político". Parco nas contestacións relativas á política do seu tempo, era máis proclive a pararse e afondar en cuestións míticas ou lúdicas da realidade galega. Polo menos isto é o que parece deducirse dos artigos pertencentes á súa ampla produción xornalística e das entrevistas concedidas nos seus últimos anos de vida. Cunqueiro morre en Vigo o 28 de febreiro de 1981.
Unha das súas teimas, como mozo que foi ligado ás inquedanzas dos membros destacados do Grupo Nós (Vicente Risco e Otero Pedrayo) e do Seminario de Estudos Galegos, era a pervivencia da fasquía tradicional e esencial de Galiza sen que o progreso a adulterase. Dos seus mentores espirituais conservou un non disimulado posicionamento antimarxista, que os distanciara do Partido Galeguista a raíz da política de alianzas en 1936. En momentos de fervorosas proclamas arredor do progreso "a toda costa", el sostiña que a industria tiña que ser proporcionada e compensada coa agricultura: "Porque penso que un país que chegue ao ano 2000 cunha gran agricultura, gando, bosque -e non piñeirais- o vello bosque, será un dos países máis ricos do mundo; si, Galicia podería ser ese país, pero claro, é inexcusábel unha industria paralela sen volver tampouco a un país xeórxico e bucólico" Estamos a citar a entrevista feita por Margarida Ledo que leva como epígrafe "Álvaro Cunqueiro. Creador e creedor cun país ao fondo"(A Nosa Terra, nº 106, 1980).
Ante algúns ataques que lle dirixían desde a prensa polo seu bucolismo e lirismo lacrimóxeno, supostamente contrarios a admitir a industrialización do país e resolver os seus problemas económicos, defendíase afirmando que cadaquén tiña que cumprir o seu papel, diferenciando o cometido dos escritores do dos políticos e empresarios. Nunha longa referencia, que mostra o seu amplo coñecemento da cultura europea, cuestiona o tópico da "lírica chorona", sostendo que a poesía galega viña a ser das máis combativas de Europa. Preocupáballe o futuro do país e era consciente de que había que investir diñeiro e técnica na nosa agricultura e gandaría, en modernizar a flota pesqueira e en promover as industrias derivadas destes sectores, rematando tamén coa lacra da emigración; en definitiva, tratábase de facer progresar ("alumbrar") as nosas fontes de riqueza. Aínda que o seu país ideal semellase ser outro no fondo, en ocasións, nalgúns artigos de finais dos cincuenta e posteriores, non se privaba de apoiar publicamente a implantación de refinarías, celulosas, etc. Mesmo se mostraba partidario da enerxía nuclear.
Malia a defensa que facía dos sectores produtivos galegos, paradoxalmente coidaba que o Mercado Común Europeo era unha posibilidade favorábel aos nosos intereses económicos, crenza bastante estendida en certos sectores do "galeguismo" daquel momento e dos posteriores.
Asumía como feito incuestionábel e defendía publicamente sen ambigüidades que Galiza era unha nación. Porén fuxía de que o etiquetasen como nacionalista e mesmo como galeguista (ningún ismo tiña sentido): "Defínome como galego, o que me importa é o meu país, as cousas do meu país..." E preocupábanlle as molestas connotacións políticas que estaban a adquirir a defensa da nación, cultura e lingua galegas. Aínda con todas esas cautelas, confesaba que o papel do nacionalismo era "inevitábel" e que tiña que se producir esta eclosión. Mostrábase partidario dunha "nova estrutura do Estado", mais non cuestionaba o seu carácter unitario. Na liña dos postulados ideolóxicos dos membros de Realidade Galega (Ramón Piñeiro, García Sabell), consideraba satisfactoria unha descentralización e a concesión de Estatutos autonómicos.
A nivel identitario, -onde si podemos observar meirande claridade-, o fundamental era ter os pés na terra e albiscaba necesario "galeguizar Galicia", feito que se comezaba a facer, segundo el, con contradicións, con fendas e con feridas que se corría risco de seren mal curadas. Era certamente contundente á hora de afirmar que non se podía vivir sen un país ao fondo: "Un ten que vivir nunha terra determinada, ten que vivir a hora desa terra e é a única maneira de que un sexa válido non só para os seus senón para toda a xente do mundo, e isto hai que dicilo así".
A diferenza dos fundadores do nacionalismo galego, descartaba, facendo gala de realismo, calquera intento de aproximación a Portugal e de convertelo nunha posibilidade para Galiza, apoiándose na contumaz indiferenza dos portugueses, segundo el máis afastados de nós que bascos e cataláns: "É de absoluta irrealidade pensar que se pode realizar algo con Portugal, un país dun nacionalismo exacerbado, con Alxubarrota na punta dos dedos aínda hoxe".
Con certa dose de ironía -polo menos así o cremos nós- desfacíase do tópico do caciquismo na política galega, comparándoo coa lenda das meigas e asegurando que non fora tan prexudicial para o país como se adoitaba dicir. Moitos deles, persoeiros da condición de Pepe Benito en Lugo, Bugallal ou Viturro, "xente que era a verdadeira representación do país", que ademais deixaran a súa fortuna no exercicio do poder, segundo o autor mindoniense, e nos que o pobo confiaba e obtiña favores para todo, para unha estrada, para librar de quintas, só a cambio do voto (sic).
Nos últimos días da súa vida recoñecía que se observaba unha sensibilidade maior cara aos nosos problemas e que a situación da lingua estaba variando, mais confesaba un certo "medo ao que poida haber de situación política, de oportunidade en todo isto".
Poucas críticas recibiu por realizar a maior parte da súa produción xornalística en español, mesmo fóra xa dos momentos máis duros da Ditadura. Outro tanto sucede coa inmensa maioría dos seus ensaios, a salientarmos os tratados culinarios e as guías turísticas. Porén si que, pola parte contraria, recibiu críticas por utilizar o galego en obras de teatro súas como o O incerto señor don Hamlet príncipe de Dinamarca, por considerar un anacronismo que un príncipe de Dinamarca se expresase nesta lingua. Nun seu artigo titulado "Anacronismo y anaglosismo", publicado en La Voz de Galicia (13/9/1959) mostra a súa desconformidade cos que coidan que o propio do teatro galego ten que ser o ámbito do rústico con todos os seus tópicos, e que en galego "no caben decirse áulicos, extranjeros príncipes y temas exóticos...Que no caben, en realidad, en la lengua gallega, los grandes temas de la cultura".
Está claro que para moitos Cunqueiro representa a cara amábel da literatura galega e un prototipo de "escritor bilingüe!" que ten maior recoñecemento por parte dos poderes oficiais. Láianse desde esas mesmas esferas de que non atope ese mesmo recoñecemento na literatura española e europea, un pouco ao xeito de Valle-Inclán, entre outras cousas por que non saben onde encadralo. Entre outras cousas tamén por unha certa especificidade galega que lle fixo amosar o desacordo e a rebeldía ante a perda da sociedade tradicional precapitalista, situándose á marxe e creando mundos máxicos ou refuxiándose nos territorios do mito.
No Ano Cunqueiro, o Consello da Cultura Galega organiza o correspondente Congreso coa colaboración das tres Universidades e con citas en Compostela, Vigo e A Coruña e ademais Barcelona e Madrid. Colaborarán as Deputacións, os Concellos faranse edicións da súa obra en español situándoo a carón de Cela e Torrente; haberá tamén importantes exposicións gastronómicas, dado o noso potencial e a especial devoción que Álvaro Cunqueiro tiña polo asunto, na Cidade da Cultura; o Conselleiro renderá tributo á súa capacidade de fantasear e cualificarao de "amante del gallego"; daranse cita os máis importantes restauradores do país para homenaxealo; terá un lugar de honra nas máis importantes feiras de turismo, etc., etc.