Cultura, unha consellería inútil

Cultura, unha consellería inútil

No artigo anterior recomendei ler unha entrevista publicada no Correo Gallego o 29 de outubro co conselleiro de cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña. Debía estar de promoción ou vendendo aire antes das eleccións. Tanto entrevistador, Enrique Beotas, como entrevistado, dinnos o bos que son, e como as estrelas, brillan con luz propia. O dito en dúas páxinas pódese resumir dicindo que o conselleiro é de orixe modesta, rural, urbanitas, políglota, diplomático de carreira, independente politicamente, moi viaxado, e sensible (refire que chorou cando lle puxo unhas flores ao monumento de Castelao en Rianxo).

Tamén é home prudente (cando vivía a quince minutos de Colonia, ía a 200 km por hora por unha autopista iluminada, sen límite de velocidade, e todos o pasaban). A min o que máis me importa das súas calidades é a de gran xestor, pois segundo di "el buen gestor brilla entre la escasez de recursos". Pois tocoulle estar no lugar e no momento oportuno. Vexamos con feitos si o que di é certo ou un farol.

¿Para que se quere unha Consellería de Cultura e Turismo que é incapaz de xestionar o presuposto, de poñer en marcha o que chaman Museo de Galicia (Sala de Exposicións) e que non cumpre cos fins que ten encomendados? Non sei se noutras partes fan algo, na cidade de Lugo onde vivo, todos os proxectos que puxo en marcha o bipartito están paralizados, nin sequera son quen de mandar quitar as herbas que durante o ano medran na muralla, para cuxa operación anuncian reiteradamente que están preparando a contratación cada vez que se denuncia a noxenta imaxe que presenta un monumento que é Patrimonio da Humanidade.

Do arranxo da iluminación do adarve estragado por actos de vandalismo ou por roubo das tapas de cobre das luminarias, este eficiente goberno feijoniano tamén nos anuncia desde hai tempo a intención de facelo "para o ano que ven". En resumo, promesas moitas, e realidades poucas. A este goberno de Feijoo pódeselle aplicar o que dixo a parte frustrada da primeira relación íntima dunha parella que non viu colmadas a súas expectativas: "tanto prometer antes de meter, e unha vez metido nada do prometido".

Así que si abren un Museo de Galicia sen nada, se paralizan todas as obras que puxo en marcha o bipartito, se suspenden as subvencións, se suprimen a Secretaría Xeral de Turismo e a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, co pretexto de que non toca Ano Santo ata o 2021, sen investimento en cultura e sen promoción da actividade cultural e turística ¿para que se quere unha Consellería de Cultura e Turismo?

Tal como están as cousas a supresión da consellería estou seguro que ninguén a botaría en falta, dado que os seus cargos políticos, desde o conselleiro aos directores xerais, non se destacan pola terminación de proxectos iniciados polo anterior goberno nin pola posta en marcha doutros novos da súa iniciativa, nin pola xestión do presuposto, só están para cobrar a fin de mes. Así que aforremos.

,Sen subvencións

As cousas cambiaron. Antes en vésperas dunhas eleccións repartíanse as subvencións, en público e con talón en man, agora suspéndense a convocatoria das axudas destinadas a asociacións e fundacións de caracter cultural, publicada no mes de maio, que pretendía repartir 300.000 euros para o ano 2011. O mesmo lle pasou a 3,6 millóns de euros que anunciou a consellería que repartiría entre empresas privadas do sector turístico.. Non vou ser eu o que laie por iso, senón polas xustificacións que se dan.

Pertenzo a varias asociacións e xa desistimos de participar nestas convocatorias propagandísticas porque para o que dan, se dan algo, non paga a pena perder o tempo na formalización da solicitude. Din que neste mes volverán a sacar a convocatoria "para o ano que ven", debendo presentar de novo a documentación.

O conselleiro Roberto Varela Fariña, dixo primeiro que se suspendía a convocatoria, pola necesidade de equilibrar o orzamento e a de "priorizar nos compromisos que a consellería xa ten asumidos". Ao día seguinte cambiou o argumento dicindo que se debía máis "a problemas técnicos", polo fin do exercicio contable o 29 de setembro, que a un recorte económico.

Agora a falta de xestión e de execución do presuposto, a inoperancia, chámanlle "problema técnico". A oposición parece que anda algo despistada neste asunto ao xulgar polo que dixeron cando coñeceron a decisión. Se eu fose deputado da oposición preguntaríalle ao conselleiro de Cultura e Turismo, sobre a primeira versión, onde meteron eses cartos. Porque para sacar unha convocatoria de axudas ten que haber unha partida no orzamento aprobado no Parlamento e contar coa autorización do interventor, que garante que eses cartos existen.

Segundo a primeira versión do conselleiro preténdese destinar o diñeiro das subvencións para destinalos a compromisos que el ou os seus directores xerais adquiriron sen ter partida orzamentaria para atendelos. Tendo en conta que a partida orzamentaria destinada a subvencións é finalista, para dedicar este diñeiro a outro fin é necesario facer unha convalidación no Consello da Xunta despois de que o autorice a Consellería de Facenda.

Para a segunda versión, peche do exercicio tres meses antes de que remate o ano, a pregunta sería como é posible que no mes de setembro non se teñan resolto unhas subvencións que deberían ser convocadas inmediatamente despois de aprobado o presuposto, e dicir, cando comeza o ano.

En calquera das dúas versións, el saberá cal é a verdadeira, detrás da suspensión das citadas convocatorias ocultase unha pésima xestión dos responsables da consellería, é unha mostra máis da inoperancia desta Xunta.

Menos mal que o dano causado a chamada cultura de base, non o é tanto porque unha convocatoria que se publica mediado o ano e que se resolve, neste caso non se resolve, cando está a piques de rematar, é inoperante, máis aínda tendo en conta as condicións esixidas. Menos mal que ningunha asociación que funcione está pendente da posible concesión para desenvolver a súa actividade. Por outra banda a maior parte das asociacións solicitantes non reciben nada, e aínda que o reparto non fose clientelar, pois favorecendo a mil con 300 euros, xa se esgotaría o orzamento.

Así que se eu fose un deputado da oposición non preguntaría no Parlamento polo dano que se fai a unha parte da cultura do país, senón en que gastaron o diñeiro que estaba destinado para subvencionar ás asociacións, ou por que non se resolveron as subvencións antes de que se pechase o exercicio. E a continuación pediría a dimisión do conselleiro e a supresión da consellería por non cumpir cos seus fins.