Cultura para consumidores. Ao fío dunhas declaracións do Conselleiro de Cultura
Como estamos en tempo de festa, e como tamén ando recollendo datos etnográficos para facer un estudo sobre as mesmas, tiña pensado que a miña colaboración de agosto para a edición dixital do Terra e Tempo ía ser sobre os cambios que se están dando nalgunhas romarías. Pero o domingo 8 lin nun xornal unha entrevista ao señor Roberto Varela Fariña, Conselleiro de Cultura, na que, entre outras marabillas, dicía que fai política cultural para a xente, e engadía de seguido: para os consumidores.
Como non me considero un simple consumista e si un cidadán, deixarei para outra ocasión a crítica ás festas e quero agora falar sobre a idea de cultura e de supermercado, de cidadáns e consumidores.
Podo empezar creo que pode acaer aquí unha anécdota. Contouma unha amiga que vive nunha vila do sur do país. Digamos que esa vila tivo un alcalde de longa duración, que o Concello era como unha empresa familiar e que o busto dun anano presidiu a praza da vila até este século. Pois ben a historia ou lenda urbana é a seguinte:
Un bo día entra un cidadán na biblioteca municipal e di que quer ler algo de Freud (pronunciado froid). A persoa que o atendeu na biblioteca pon cara de circunstancias e contéstalle: "Pero si tiene usted un Froiz ahí en la esquina".
A cultura que propón o conselleiro é como a lista da compra: "trae peixe e non esquezas traer algo de cultura tamén".
"Pensaba levar un pinto para unha caldeirada".
"Non, que a caldeirada é un prato ´ensimismado' ".
Si a cultura xa está nos supermercados, para que queremos as bibliotecas, mesmo para que queremos un conselleiro de cultura. O Sr. Feixóo, tan aforradoriño, podía aforrar aquí un conselleiro. A democratización da cultura sería algo así como estar atento ás rebaixas, comprar no supermercado que ten as mellores ofertas. O acceso libre á cultura, que todo cidadán ten dereito, enténdese agora como o deber de estar atento ás mellores ofertas comerciais. Non interesan as demandas sociais, só valen as ofertas comerciais. Non interesan os cidadáns, só os apáticos consumidores que consumen, pagan e non causan problemas. Adeus ao espírito crítico da cultura e a esta como elemento importante para formar aos cidadáns e formalos cunha conciencia crítica. Os que entendíamos que a cultura era un ben social ao que todos temos acceso e que este se exercía por unha política tendente a incrementar o nivel educativo dos cidadáns, estábamos equivocados. A cultura é agora "para consumidores", acrítica e pasiva. A cultura non se entende como participación.
Para o conselleiro a política cultural nada ten que ver coa organización dunha acción pública, non é unha totalidade configurada por diversas prácticas que se desenvolven nun contexto político e cultural concreto. Cultura tampouco é reinventar a tradición, protexer o patrimonio cultural, avivar a transmisión da cultura oral, axudar á creación e difusión dos proxectos de creación propios, iso non, iso limita.
Pero si o conselleiro fai política cultural para os consumidores, onde a aplica? Onde están eses consumidores? Ao mellor o conselleiro está reinventando a cultura transnacional, unha cultura desterriotarizada que se consume aquí pero non se fai aquí, como a roupa que se fabrica en China e véndese nas tendas das nosas cidades e vilas. Falar de como articular o local no global é algo que non entra na política, en xeral, deste conselleiro. Sabemos o que significa a desterritorialización no campo da economía, e no da cultura podemos traducilo por desculturalización.
Entendemos que a sociedade está sometida a unha crecente internacionalización e que o territorio, como algo vivido, perdeu a importancia que tiña nas sociedades tradicionais, pero tamén entendemos que esa internacionalización non ten porque facer diminuír o papel do local, ao contrario, pode darlle un novo protagonismo. Polo que seguimos pensando que cultura e territorio teñen relación, mesmo que a cultura dáse nun territorio. Descoidar a cultura é descoidar o territorio e descoidar o territorio é descoidar a cultura.
Tampouco entende o conselleiro que a cultura é un proceso válido para adaptarnos aos cambios, un proceso de adaptación racional. A cultura como estilo de vida dun país, iso cando menos é premoderno. Polo tanto falar de dereitos colectivos é auga pasada que non nos leva a moer a ningún muíño. Falar do dereito a existir e ser diferentes nun mundo globalizado, tampouco ten moito sentido. A perda da diversidade cultural é comparable coa perda de biodiversidade, non o digo eu, dío Robert Pinsky, poeta e ensaísta americano (traio isto aquí pola fixación do conselleiro con ese outro lado do mar), quen tamén diso que a cultura determina o poder dunha nación e o seu desenvolvemento económico.
Pero unha política cultural nun país como o noso tamén tería que ter en conta cousas tan simples como fomentar o aprecio polas cousas, polo noso, e isto levaríanos a interesarnos máis sobre elas e a querer saber máis. E unha sociedade que quer aprender é unha sociedade que medra e que medra socialmente. Así a cultura estaría no centro do desenvolvemento e afianzamento das identidades que dan sentido colectivo, porque a cultura tamén é un proceso de memoria, de memoria colectiva ou social. E nos supermercados non compramos memoria, e moito menos memoria de nós.