Cultura occidental


Un periódico estatal publicaba hai uns días unha noticia que chamaría a atención de calquera a quen lle preocupe a deriva e o destino diso que chamamos xenericamente a cultura occidental. Dende os titulares, anunciábase que o goberno chinés ía "pechar a súa televisión á influencia occidental" e que ía "recortar drasticamente" os programas que tratasen problemas como a "corrupción" ou "as desigualdades sociais". Na primeira frase da noticia, cualificábase esta decisión dos mandatarios chineses de "cruzada cultural".

Parece evidente que, dende as primeiras liñas do artigo, estaban enviándose mensaxes que calquera lector habitual de prensa descifraría inmediatamente á luz das moi frecuentes informacións que nos chegan sobre a censura exercida polo goberno chinés sobre os medios de comunicación. Por unha banda, reforzábase a idea dun férreo control estatal que vulnera as máis elementais esixencias da liberdade de prensa á que unha sociedade ten dereito. Por outra banda, coas referencias á "corrupción" e ás "desigualdades sociais", insinuábase que esas dúas lacras contaban coa complicidade das máis altas instancias da autoridade chinesa que, xa que logo, estarían pouco interesadas en que os cidadáns do seu país accedesen aos datos que as denunciasen. (Talvez, incluso, se pretendía suxerir que a corrupción e as desigualdades sociais son patrimonio exclusivo da sociedade chinesa pero, tal e como están as cousas, non parece moi probable que esa indicación teña moito éxito.)

Pero ademais, había un terceiro elemento que facía máis inquietante a noticia: ás referencias á influencia occidental. Que significado tiña esa cruzada contra o influxo cultural de Occidente? Ían prohibirse os textos de Shakespeare, Molière e Camões? Perseguiríase a lírica medieval de Galiza e da Provenza? Deixarían de programarse composicións de Bach e de Ligeti nas salas de concertos? Condenaríase a pintura de Leonardo e de Matisse? Ou, máis abertamente, loitaríase contra os principios de liberdade, igualdade e fraternidade sobre os que -presuntamente- están construídas as democracias occidentais?

Segundo os estudos que analizan o consumo de prensa diaria, unha gran porcentaxe dos lectores confórmanse con realizar unha lectura diagonal que se centra exclusivamente nos titulares e no primeiro parágrafo da noticia. Así que esa masa de cidadáns que non analizan o corpo da información, probablemente recibiron unha impresión que os convenceu da insidia duns gobernantes corruptos, sustentadores dun sistema inxusto e, para maior envilecemento, verdugos dunha gran parte do soberbio herdo cultural da humanidade.

Porén, ao ler con atención o resto da noticia, a conclusión que se tira é lixeiramente diferente. Segundo os exemplos aducidos no artigo, o que desexa o goberno chinés é evitar escenas de afeccionados gritando e de xogadores chorimicando nun concurso semellante a Operación triunfo. Ou eludir argumentos como o dunha serie na que un funcionario do Partido Comunista lle presta cuartos a unha moza -para que a súa irmá acceda á compra dun piso- que acaba converténdose na súa amante. Ou impedir que se repitan episodios como os dunha emisión que se mostraba irrespectuoso cun ancián. Ou acabar con "casos polémicos" como o dunha rapaza que nun "programa de citas" declarou que "prefería chorar nun BMW a rir nunha bicicleta" cando un mozo a invitou a dar un paseo na súa bici.

Co obxectivo de que non proliferen espectáculos coma estes, reduciuse, en horario de máxima audiencia, a difusión de programas en que "os participantes buscan parella, os de xogos e os que relatan historias emotivas". En contrapartida, increméntase o tempo dedicado aos informativos.

Para o xornalista que asina a noticia, estas medidas manifestan o interese do goberno en loitar contra un "periodismo máis crítico" que "mina os esforzos para controlar a opinión pública". Pero, segundo se desprende dos exemplos propostos, semella máis adecuado afirmar que o goberno chinés está iniciando unha guerra contra o telelixo nas cadeas estatais. Neste sentido, as declaracións das autoridades afirmando que os recortes na programación de entretemento "é crucial para mellorar os servizos culturais da poboación" non carecen de fundamento. Non son esas as medidas que se lle esixen ás televisións públicas occidentais?

Non se pretende aquí, nin moito menos, emitir ningún tipo de xuízo sobre o acceso á cultura nin sobre a liberdade de prensa en China. Entre outras cousas porque case toda a información á que temos acceso sobre este tema é tan pouco ponderada -por ser xenerosos- como a contida no artigo que comentamos. O cal, por certo, cuestiona a nosa propia capacidade de xerar un espazo informativo realmente libre.

Non obstante, si que merecería dedicarlle uns instantes de reflexión á revelación de que a cultura occidental se identifica -fóra e dentro das nosas fronteiras- con ese banal e vociferante universo de idólatras da celebridade televisiva. É unha concepción neurótica do ocio o mellor que podemos ofrecerlle ao resto do mundo? Debemos oufanarnos da manipulación emocional, o debilitamento das ideas e a degradación dos sentimentos? É esa embrutecedora acumulación de vulgaridade a cifra en que se resume a nosa cultura actual?

Talvez haxa que lles estar agradecidos aos chineses por nos poñer diante dese espello: podería ser a cura de humildade que precisamos para descubrir en que nos estamos convertendo.