Cultura desde a base


No capitalismo a cultura é mercadoría. A cultura capitalista entende o mundo como mercado, os cidadáns como consumidores e os pobos como públicos. Fóra desa lóxica mercantil sitúase, para o sistema, pouco máis que o marxinal, o marcado, o amateur, o non relevante. Hai tempo que a cultura deixou de ser o espazo xerador das ideas, dos valores, do diálogo, da identidade, para ser un potente mercado transmisor dos valores, dos símbolos e da ideoloxía dominante.

Neste contexto, as políticas culturais oscilaron nas últimas décadas entre o fomento do acceso á cultura (en realidade, fomento dos consumos culturais, e aquí o importante é preguntarse cais) e o fomento da sociocultura, do protagonismo cidadá dos procesos e dos proxectos. Hoxe, seguramente, unha política cultural pública nun país como o noso deba atender simultaneamente os dous aspectos: é central para nós termos capacidade produtiva de noso no campo cultural, mais éo tamén xerarmos dinámicas sociais a través da cultura que fomenten o coñecemento, a valorización e o cultivo da nosa propia historia, identidade, lingua e cultura. Precisamos ser un país que siga a xerar cultura de seu orientada aos públicos de aquí e fóra, mais só poderemos manter unha certa estrutura dese tipo se existir previamente unha ampla base social moito máis consciente, densa, organizada e vertebrada ao redor do que somos e do que queremos ser.

Temos por diante en breve unhas eleicións municipais das que sairán numerosas responsabilidades de goberno para o BNG no campo cultural, marcadas en boa medida polos recortes económicos que estas áreas van seguir sofrendo. Sería bo, dunha perspectiva transformadora, rachar a dinámica do facer por facer e reflexionarmos, antes de pasar á acción, sobre cal é o papel que damos á cultura na nosa acción política e desde que enfoques e prácticas nos relacionamos con ela. Que cultura e para que sociedade?, poderiamos preguntarnos antes de axir desde as concellarías de cultura nacionalistas, ou desde as asociacións culturais e colectivos nos que traballamos.

Que cultura e para quen?

Cultura é bastante máis que programación de obras de teatro e de concertos de música para públicos saturados ou descoñecidos, é máis que a satisfacción con diñeiro público do ego artístico e intelectual de moitos dos nosos -no mellor dos casos- compañeiros de viaxe, é máis que o facer por facer de moitas actividades para nós mesmos. Cultura é sociedade máis vertebrada, máis consciente e máis coñecedora do seu. Cultura é identidade, lingua, benestar social, igualdade, paisaxe, medio rural, patrimonio, innovación, ...e con todas esas áreas sería lóxico traballar e colaborar. Cultura é tamén dinamismo social e vivencia colectiva, e por iso acho positivo e necesario que as áreas de cultura aposten pola cooperación e a complicidade entre axentes e se entendan a si mesmas como dinamos culturais, como motores mobilizadores de vontades e de recursos, impulsoras de proxectos que sumen cantos máis parceiros mellor.

Quizais cómpre pensar menos en programar cultura para e apostarmos máis por facermos cultura con e desde. O actual pode ser un bo momento para deixar de lado a obsesión pola oferta cultural espectacular e para darlle valor, pola contra, ao traballo de chuvia fina pola que aposta a dimensión máis social da cultura, en relación constante coas persoas e cos axentes locais e desde a aposta polo territorio e as súas potencialidades.

Experiencias coñecidas como os obradoiros de fotografía Olladas de Muller ou os audiovisuais A Toda Mecha, a ximnasia de mantemento nas parroquias, o teatro amador, a labor social e educativa de corais, bandas de música e grupos de baile e música tradicional, as publicacións en rede que integran e dan saída á creatividades dos mozos locais, os colectivos de defensa do patrimonio, os deportes tradicionais -digno de mención o caso da LNB- , a recuperación e actualización das festas populares, ... todas elas indican co seu éxito contrastado camiños de acción cultural que teñen en común situar ás persoas no centro dos proxectos, desenvolvidos sempre a partir da relación directa e da experiencia vivencial que estas teñen cos contidos e cos resultados dos mesmos.

Non queremos dicir con isto, obviamente, que haxa que renunciar á programación. É xusto e necesario dar visibilidade aos artistas e creadores que o merecen, polo seu talento, calidade, excelencia e compromiso coa propia creación e coa propia cultura de noso. Temos que facer posíbel que os nosos veciños e veciñas gocen da creatividade galega de forma directa. O que dicimos, porén, é que nin todo é programábel con diñeiro público nin todo o que se vén facendo porque si é relevante nin necesario e que, quizais, sexa agora o momento de volver apostar polo traballo calado no canto de polos foguetes de festa, que despois do ruído nada deixan.

O papel das asociacións culturais

O papel do asociacionismo é, neste sentido, central, e a nova da reactivación do asociacionismo cultural a nivel galego é esperanzadora e importantísima nun contexto como o actual, no que a Xunta foi posta ao servizo da españolización profunda da nosa sociedade.

Para o tecido asociativo cultural, vital nos 70 e primeiros 80 para a recuperación da nosa lingua e cultura e para o combate polas liberdades públicas, as décadas dos 80 e 90 foron tempos de certo declive explicado, en boa medida, pola consolidación formal da democracia, a normalización da actividade política e a creación das áreas de Cultura nos concellos. A incorporación á acción municipal dunha importante parte dos ámbitos de acción asociativos e ás responsabilidades políticas partidarias de moitos dos seus máis activos integrantes desarticulou e baleirou de contidos e de persoas a moitos colectivos culturais, que viven na actualidade, despois dalgunhas fases de parón na actividade, un interesante momento de redefinición.

Hoxe, as asociacións culturais galegas enfróntanse a novos retos derivados dos cambios tecnolóxicos, sociais e políticos que se producen na nosa realidade: o traballo en rede através das novas tecnoloxías, o desenvolvemento dun novo modelo de relación cooperativa entre elas, a súa vertebración de cara a facilitar a interlocución coas administracións, a posta en marcha de novas formas de participación dos seus socios e socias na súa propia vida interna, a consecución de apoios e patronicios privados, ....

De como sexamos capaces de actuar dentro destes novos contextos sociais e da nosa capacidade de sedución e de aproximación ás persoas -especialmente á mocidade- interesadas pola cultura galega depende en boa medida que sexamos quen de reactivar ou non o campo asociativo e de traballarmos, desde el, na dirección que nos interesa: a da consciencia de país, a da autoestima e o benestar do noso pobo, a da transformación da nosa sociedade.