Cristina Pato e o PP
A pianista e gaiteira galega Cristina Pato actuou o pasado 28 de outubro no WOMEX, a feira de World music máis importante do mundo, que nesta edición, por segundo ano consecutivo, se celebra en Copenhague. A noticia é, sen dúbida, boa para a música e a cultura galega. Sempre o é cando un artista de noso está presente en eventos e proxectos internacionais, porque dalgunha maneira a súa presenza neles fai visíbel e transmite aos alí presentes a realidade viva e vizosa da nosa cultura propia.
Xunto con Cristina Pato -escollida por Sounds from Spain, con motivo da volta á mesma de Galician Tunes-, estivo tamén neste evento unha das nosas máis importantes e recoñecidas creadoras, Mercedes Peón, que foi seleccionada directamente pola organización internacional do WOMEX.
Do punto de vista da estratexia de singularización comercial e cultural no espazo da world music, a nova integración de Galician Tunes en Sounds from Spain non resulta acertada. Dificilmente se pode dar a coñecer a natureza e o perfil das propostas musicais galegas de world music cando, ao lado e baixo a mesma marca, no mesmo escenario, estarán basicamente artistas de flamenco ou flamenco-fusión. Os tópicos, sabémolo, funcionan, e neste caso funcionan en detrimento noso. Se os responsábeis desta decisión queren xogar ao despiste, conseguirano. Os case tres anos de traballo específico que se fixera con Womex, cun discurso atractivo, claro e coherente, son subordinados por non sabemos que intereses comerciais ou por imaxinamos cales imposicións ideolóxicas.
Do punto de vista ético, a escolla de Cristina Pato a través de Galician Tunes / SFS suscita, máis alá dos comentarios off the record tan propios da nosa realidade cultural, algunha reflexión. Persoalmente, a de que é unha persoa afortunada. Se o BNG fose o PP e Ana Pontón fose López Chaves (non me teñas en conta, Ana, a comparación!) neste momento Cristina Pato debería estar preocupada. Porque se dá a circunstancia de que, para alén de amiga persoal do conselleiro Roberto Varela desde os tempos novaiorquinos, a empresa para a que grava e coa edita os seus discos, Zouma Records, é a empresa do actual director da AGADIC, Juan Carlos Fasero, tamén amigo persoal seu. E xa se sabe que a xente é mal pensada e non acredita en casualidades.
Por sorte para ela, porén, o BNG non fará disto un espectáculo lamentábel de acusacións sen fundamento -aos que o ínclito performer vigués nos tiña tan afeitos- nin enlamará a traxectoria artística de Cristina Pato -solvente, recoñecida e con méritos de sobra para representar a música galega en Womex- para denunciar a política cultural do PP. Mais si parece necesario sinalar, tamén nesta ocasión, que non todos somos iguais, e desde logo que uns e outros actuamos de formas ben diferentes.
As hemerotecas poden falar da actitude insultante e propia da caza de bruxas que tivo o PP cos creadores galegos participantes na Feira Internacional do Libro da Habana, ou coa daquela directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, ou cos artistas que participaran no seu día en actos da plataforma Nunca Máis. O desprezo que o PP ten pola cultura galega fíxose durante a lexislatura pasada máis agresivo e visíbel que nunca, aínda a sabendas de que calumniaba sen argumentos, motivos nin probas. O minte que algo queda foi elevado a táctica de cabeceira, a ladaíña insultante en única capacidade retórica. O PP non dubidou nunca en atacar aos artistas para facer dano á xestión política. Estou seguro de que tampouco dubidaría hoxe. O BNG, obviamente, nin fixo nin fará nunca tal cousa.
Cristina Pato, Mercedes Peón, Marful, Berrogüetto, Fía na Roca, ... os nosos artistas teñen talento e calidade para conquistar Womex e calquera outro mercado internacional, e contan co noso máximo respecto, apoio e cariño. Todos e todas. Que ninguén vexa, pois, nas miñas palabras intencións ocultas nin críticas veladas. A crítica que fago é unha e é clara: hai quen actuou sempre con respecto na defensa e promoción da nosa cultura e hai quen nin tivo onte nin ten hoxe respecto algún pola mesma e polos seus creadores. É bo que conste, e que se saiba -e saiban- que non o imos calar.
Polo demais, dúas observacións a modo de peche:
Un. Na páxina web da AGADIC pódense baixar as liñas de traballo dos anos 2007 e 2008, correspondentes á súa creación e posta en marcha, mais é imposíbel coñecer nada sobre as actuais. Incapacidade, falta de transparencia ou ambas á vez? A aparente inanidade governante agocha, no fondo, prácticas especialmente daniñas para a madureza dos sectores culturais. Os esforzos da lexislatura pasada para promover a vertebración dos mesmos e a definición de políticas globais foron substituídos polos "pasa polo meu despacho", a igualdade de oportunidades polo silenciamento dos considerados desafectos, os plan anuais de traballo -presentados e discutidos cos sectores- pola improvisación constante, irresponsábel, frívola.
Dous. No Womex 2008, en Sevilla, a Consellaría de Cultura e a AGADIC promoveron através de Galician Tunes a realización dun concerto de artistas galegos, que obtivo un amplo suceso na feira. Os artistas eran Xosé Manuel Budiño, Narf (co Aló Irmao!) e Mutenrohi. Este último, o grupo do actual director da AGADIC e xa daquela concelleiro do PP en Arnoia, Fasero. Nunca foi isto un elemento condicionante para nada, na etapa do BNG. Oxalá puidesemos ter hoxe a certeza de que o comportamento dos actuais governantes está a ser o mesmo.