+ Crise - Cultura + Capitalismo

+ Crise - Cultura + Capitalismo

Entre dar confianza e seguridade ao pobo ou darlla aos mercados, os gobernos europeos preferiron apostar polos segundos. Primeiro resultado: o desencanto, a frustración e o enfado medran na xente e a desafección co sistema tórnase relevante. Votamos a partidos e gobérnannos mercados.

A crítica á falaz identificación da democracia coa economía de mercado e o multipartidismo deixou de ser tabú, toda vez que a supeditación da política aos intereses do grande capital se revelou incuestionábel. O mesmo con determinados dogmas até onte indiscutíbeis: a necesidade da unidade monetaria, a bondade do proxecto europeísta,... A dos mercados revelouse ditadura, aos ollos de moitas e moitos, xusto agora que precisou poñer firmes aos Estados europeos, sen atopar neles resistencia. No plano ideolóxico as posicións da esquerda antiimperialista, que non claudicou nestas décadas aos discursos dominantes, pasaron de panfletarias e extremistas a certeiras análises do que estaba a ocorrer, mesmo para os máis refractarios a ver a realidade cando non coincide cos seus intereses.

As consecuencias da xestión política da crise capitalista van ser moi importantes en dous planos, o social e o ideolóxico. Socialmente resultarán moi duras para a maioría da poboación, ideoloxicamente debemos esforzarnos en que resulten clarificadoras. Agora que a socialdemocracia gobernante asumiu o seu suicidio electoral e prepara o terreo para a volta da liña máis agresivamente neoliberal, desde o nacionalismo galego cómpre esforzármonos para que cada vez máis pobo perciba que o rei, en efecto, vai nu. Porque darlle confianza aos mercados está a supoñer, ao tempo, perder a confianza dos cidadáns, cada vez máis afastados do sistema político electoral. O pesimismo, o cabreo, a decepción, non son negativos se se reviran políticos e activos.

Nun contexto coma este, pídeselle á cultura que cemente a sociedade e dea cohesión e unidade fronte ao que os mercados rompen. Ollo. Convén non confundir cohesión con anestesia, unidade con narcóticos sociais. A realidade actual non pide culturas de evasión, pide ser invadida. De luz, de ideas, de claridade e pedagoxía nos discursos, de propostas críbeis, de alternativas. Se a creación artística quere volver cumprir algún papel relevante en relación á sociedade debe necesariamente repolitizarse, mancharse de pobo, volver ao seu sentido primixenio de espazo xerador de ideas, de cohesión e de sentido para as comunidades e as persoas. Falamos de política e facémolo nesta dimensión de compromiso coa realidade, non obviamente en sentido partidario ou electoral.

Fronte á lóxica da creación de contidos para o consumo masivo que desenvolven as grandes industrias do lecer e da comunicación, a través da cal se socializa o discurso ideolóxico do capitalismo, é necesario que a cultura galega actual non dea as costas á realidade presente e defenda -con calidade, con entusiasmo, con modos diversos e eficaces- os valores que nos fan máis humanos e nos encamiñan no sentido do progreso, do benestar, da xustiza, da igualdade. Ou sexa, é preciso estar, aquí e agora, nesta terra e neste tempo, no lado da transformación social e dos dereitos nacionais.

Na Galiza a creación artística foi historicamente metonimia da nación e estivo, xa que logo, vinculada á defensa das maiorías sociais, das clases populares. No presente, temos aínda perto a experiencia extraordinaria de Nunca Máis, e volvemos ollar creatividade mobilizada arredor da defensa da lingua, hoxe. Os nosos grandes creadores estiveron do lado do pobo. Precisamos esa cultura, esa creación, ese compromiso.

Unha cultura comprometida coa sociedade nada ten a ver con libelos, panfletos ou todovales se a causa é boa. Trátase, desde a pluralidade de discursos e de formas, desde o talento e a excelencia, de saber ser leais ás xentes das que somos parte, á nación que constituímos. Mirar aquí ou alí, falar disto ou daquilo, mostrar unha realidade ou outra é, en si mesmo, un acto político. Como o son non querer ver, gardar silencio, apagar a cámara, mudar a lingua. A cultura dominante é unha cultura fondamente ideoloxizada e comprometida politicamente: comprometida co poder, co statu quo, co capitalismo máis feroz disfarzado de realidade inmutábel. Non caiamos nós na trampa do pensamento único, do consenso indiscutíbel e do todos son iguais. É tempo de revolta.