Cosmopailanismo e festas estivais
Quen percorrese a xeografía galega durante os meses do verán podería reparar facilmente nas moitas celebracións que se desenvolveron na maior parte das rexións do país. Unha cantidade notábel de diferentes eventos festexeiros tornouse, en boa medida, na tónica de aldeas, vilas e cidades, (case) parecendo esquecer a grave situación socioeconómica que perpasa a nación: hai que ponderar, así as cousas, as festas patronais, reunións gastronómicas, romarías varias etc. Quer excelsos caldos tradicionais quer líquidos parecidos ao que a xente identifica como viño regaron unha boa parte deses actos estivais e nada do resto foi merecente de atención: a curmá de Vicente Risco mantívose ben alta, a progresiva deteriorización do mundo laboral converteuse xa unha característica estrutural da nosa sociedade, as empregadas e os empregados públicos perderon a súa paga de decembro, as persoas de idade, normalmente pensionistas, xa pagan polos medicamentos e os movementos sociais, sindicais e políticos disidentes co PP continúan a ser adoito criminalizados por eses seres que tomaron a Xunta da Galiza e o Parlamento do Estado español.
Porén, todo isto non ten relevancia. O verdadeiramente importante é a festa local, tornar a sede e conseguir un infame prato de churrasco logo de estar á bicha durante unha hora. Disto saben moito esas persoas que nos (des)gobernan e de festividades e de celebracións comunais imos falar hoxe. Quizais a persoa que antes fixemos referencia fose a varias festas patronais das diversas localidades e é moito posíbel que nalgunha delas ouvise melodías e ritmos aflamencados presentados como propios do país (nunha freguesía de Arteixo, os oficios litúrxicos da festa terminaron cun coro de veciñas e de veciños a cantaren a “Salve Rociera”, imitando así os mellores momentos de María del Monte, Isabel Pantoja ou Rocío Jurado). Talvez tivese o ocasión de escoitar cantantes que, tal e como interpretan, parecen ter serios problemas de crónica gastrointerite. Se callar, mesmo tivo a sorte de se personar nunha das ridículas “Fiestas Rocieras” que se fixeron en varias vilas da nosa xeografía. Vira tamén asaz probábel que ese mesmo individuo acudise a concertos de música como a de Bertín Osborne, a de Julio Iglesias, a de Manolo Escobar ou a de calquera representante musical das esencias patrias de territorios maniños. E, inclusive, se se achaba no norte, puido até asistir ao Festival de Baile Flamenco que se celebrou na Coruña en xuño de 2012 ou a unha Oktoberfest Olé, tamén nesta mesma localidade, que, contaravindo a sucesión cronolóxica dos meses e das estacións, non se desenvolveu en outubro, mais en agosto.
A imaxe chocalleira (con desculpas pola expresión) e a dexeneración das nosas festas leva sendo unha parte dos circenses con que o Partido Popular tenciona abretemar os graves problemas socioeconómicos de moitas familias. Como moito ben lembraba hai unhas semanas o portavoz local do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, na homenaxe que todos os anos Galiza Nova organiza nos Xardíns do Recheo dedicada á memoria de Manuel Curros Enríquez, resulta obsceno que esas familias con dificultades de solvencia para chegaren a fin de mes lesen os eslogans pendurados en varias zonas da cidade polo goberno de Carlos Negreira: “Troulea”, “¿Vienes de fiesta?”, “Come, bebe” etc. Vaia panorama!
Mais os problemas do país, da nosa amada Galiza, parecen non ter importancia. E tamén dá a sensanción de a non teren as dificultades laborais dun alto número de persoas que se dedican á cultura galega ou en galego. Sen restarmos a importancia que teñen aos grupos de de danza, ás compañías de teatro ou ao tecido editorial, queremos salientar aquí un sector particular, cal é o da música: xente do blues, da clásica, do rap, do folque, do mundo da música tradicional, da música de cámara, do jazz, do rock etc. Unha verdadeira auga de maio de frescura, innovación, profesionalidade e virtuosismo que, grazas ás políticas de aculturación do partido que invadiu a Xunta de Galiza, fica no mellor dos casos propositadamente engavetado. Á marxe da perda da proxección artística internacional que isto implica, que ve como moitas das súas bandeiras culturais non se izan, débese ter en conta que a industria musical e cultural galega move directa ou indirectamente grandes cantidades do PBI e trae consigo a confluencia profesional de non poucos postos de traballo: pensemos, a modo de exemplo, no artesanato de instrumentos, nas empresas de palcos e iluminación, nos estudios de gravación, nas loxas de música, nas técnicas e técnicos de son, en representantes de formacións, en responsábeis de casas discográficas, nos servizos de cattering, transportes etc. Non apostar nesta xente e facelo en fatos de ‘cantaores’, ‘tonadilleras’ ou ‘triunfitos’ implica, de entrada, infravalorizar a nosa cultura musical, mais tamén ten como consecuencia que eses diñeiros vaian ás contas correntes de artistas da España e non ás de xente do país. Aliás, o forte incremento do IVE que decidiu o goberno de Raxoi, o mesmo que dicía hai uns meses que a suba de tal imposto só a fan as persoas que non saben gobernar, vai converterse nunha medida que aínda erosionará máis ese sector de profesionais.
,Por outro lado, quen pensar que a actividade artística ou musical non serve como carta de presentación internacional da cultura incorre nun grave erro. Ben sabido é que o anedotario persoal se converte en fonte doada de argumentos, mais non por ser manancial fácil deixa de ser verdadeiro: en recente visita a Doire, cidade do Úlster, tivemos a ocasión de conversarmos cun músico, o cal, ao lle dicirmos que eramos da Galiza, comezou a falar da nosa tradición musical, e particularmente de Milladoiro, formación da cal se declarou admirador e de cuxas melodías demostrou ter coñecemento empírico, xa que afirmou que sabía tocar coa frauta (a traveseira irish flute) algúns dos temas máis emblemáticos do grupo: falounos de composicións como “A bruxa”, “Ares de Pontevedra”, “Danza de Darbo” etc. Tamén deixou claro que outras formacións máis recentes e coñecidas do panorama musical galego non lle eran alleas e que, grazas a elas, unha parte do público irlandés sabía do noso país e da nosa música. E mesmo nomeou artistas de coñecida sona de diferentes estilos, como Abe Rábade, Uxía etc.
Igualmente, puidemos acrecentar a esta interesante información datos contidos en obras especializadas que, en certa maneira, corroboran como a industria cultural galega se converte nunha brillante embaixada do país. Tornándomos de novo ao ámbito da música, no libro de Harry Long The Waltons Guide to Irish Music, obra recente (2005) mais xa de culto, figuran lematizados nomes como ‘Galicia’ (p. 152-155), en que se fala, outra volta, de Milladoiro, mais tamén de Berrogüetto, Carlos Núñez, Na Lúa, Xosé Manuel Budiño etc. Non aparecen por ningures alusións aos cantantes españois que antes citamos e que tanto amenizan as festas durante o verán e o Luar durante todo o ano…
Quizais algún acontecemento do pasado poida, a día de hoxe, parecer asombroso, mais fainos reflectir en que, coa necesaria vontade política, unha tendencia non significa necesariamente un destino. Sabemos que no ano 1890, conforme figura no periódico lucense A Monteira (26 de xullo de 1890, nº 40, p. 340-341) se organizou na cidade de Coruña un Certame de Gaitas “e instrumentos própeo[s] do país” grazas ao responsábel da comisión de festas na altura, de apelidos Blanco Vilariño. Segundo aparece nesa mítica publicación, os “gaiteiros terán que tocar, compañados pol-os tamborileiros pra ganal-o premio unha muiñeira ou riveirana. O premio val douscentos reas […]. Tamén se dará un prémeo de ochenta reas ó xóven d’aldea que toque a flauta ou flautín de buxo sin chaves e teña millores disposiciós, según o xurado, pra tocar algún aire d’a terra”. Canta involución ao compararmos aquel contexto e o actual! Sería desexábel que alguén do respectábel puidese imaxinar a Concellaría de Cultura da capital ártabra convocando un concurso similar nos nosos días, mais moito tememos que sexa máis doado pensarmos que a orientación vaia antes por “Ferias de Abril”, “Fiestas Rocieras” e outras celebracións polo estilo
Exixamos ás persoas que nos representan nas institucións, por tanto, que valoricen na súa xusta medida a nosa industria artística e musical. Que non fagan subir aos escenarios formacións que non só contribúen para nos alienar como pobo, mais que tamén xeran gaños económicos que se depositan noutras arcas, ben afastadas das galegas. Que reparen na cantidade de profesionais con vinculación directa ou indirecta a ese ámbito laboral. Que pensen, en definitivo, que as artes plásticas, as actividades teatrais, a danza ou a música feitas na Galiza son tan dignas como as de calquera parte do mundo.