Conectividade: Reto fundamental para o futuro de Galiza

Conectividade: Reto fundamental para o futuro de Galiza
A situación xeográfica do noso país, que sempre foi unha eiva importante para ser competitivos, tornouse en aliada importante, xunto coa dispersión da poboación, á hora de que a penetración da pandemia actual non fora máis dramática, dada ademais a precariedade sanitaria na que os sucesivos e nefastos gobernos privatizadores e de desmantelamento de servizos públicos de Feixóo nos deixou. A tecnoloxía proporciona a oportunidade de que esta eiva desapareza pero para elo Galiza debe dotarse dunha conectividade real en todo o seu territorio.

Os efectos colaterais negativos da pandemia en canto á paralización social e económica, víronse minorados en certa medida por un mundo que empeza a estar conectado telemáticamente, o que permitiu manter certa actividade. Claro que esta mesma circunstancia puxo en evidencia a fenda dixital existente e a grande diferenza de medios dispoñibles entre uns e outros territorios, mesmo dentro do noso país. E cando falamos de medios non solo nos referimos á conectividade, senón tamén a equipos e habilidades dixitais da poboación.

Na Galiza resulta inviable, ademais de pouco recomendable, comunicar con fíos todo o territorio, polo que a solución para o rural pasa polas redes sen fíos, mais ao non estar subvencionadas, as tarifas das operadoras son caras e limitadas en volume de acceso, obrigando a pagar máis para obter máis datos, creando unha grande desigualdade coa conexión dos núcleos urbanos que dispoñen de tarifa plana para as altas velocidades. Así é imposible tanto competir cun negocio situado e fundamentado no rural como fixar poboación nese territorio. Por outra banda as operadoras non invisten onde non é rendible e Galiza, cunha enorme dispersión poboacional, é unha candidata a quedar fora de investimentos en infraestruturas de comunicación. É preciso pois que a administración fomente e subvencione esta cobertura.

Hai que ter en conta que os datos actuais indican que algo máis do dez por cento da poboación non ten acceso real a datos, máis este dato é enganoso xa que nas cidades e vilas non hai problema, o que traducido ao rural, e sendo optimistas, poderíamos falar que máis da metade da poboación está desconectada, mesmo incluso de conexión de voz.

Facendo un percorrido por todo aquelo de que non dispón unha persoa, por non ter datos, podemos
citar: administración electrónica, a realización de todo tipo de trámites dende o propio domicilio mediante as sedes electrónicas, trámites que incluso están empezando a ser obrigatoriamente electrónicos; ensino, moitas son as ferramentas tecnolóxicas que poden facilitar e mesmo potenciar as labores docentes, empezando polos textos formativos, seguindo polo didáctico dos medios audiovisuais e rematando polas posibilidades da formación en liña, de tanto valor actualmente, pero para elo debemos asegurar a conectividade e as ferramentas axeitadas para a formación de todos os escolares; sector agroalimentario, Galiza ten elementos diferenciais para mitigar o impacto da crise económica provocada pola pandemia, mesmo podería saír reforzada si se aproveitaran as circunstancias actuais para provocar a transformación da súa economía, é preciso que as explotacións dispoñan, para as súas tarefas administrativas e de distribución, da cobertura de datos axeitada para dispor dunha boa competitividade no mercado; turismo rural, non se entenden na actualidade reservas que non sexan tramitadas maioritariamente a través de internet e para elo, loxicamente, tamén é preciso dispor da conexión e cobertura axeitadas, non é de recibo desprazarse a centros urbanos para tramitar reservas e presentar documentación administrativa; comercio local, é preciso fomentar o tecido local, o seu comercio e a súa produción, tanto a través de campañas de concienciación, de posta en valor, como a través de proporcionarlles ferramentas e formación para a venda dos seus produtos ou servizos a través da rede por medio dunha plataforma, isto daralle competividade no mercado no que ten que ofrecer unha exclusividade e unha calidade fora de toda dúbida; exclusión financeira, a incapacidade de acceder aos servizos financeiros básicos pola ausencia de oficinas no rural e a incapacidade xa sexa por conexión ou por formación de acceder telemáticamente; formación, para a correcta utilización dos medios tecnolóxicos que farán competentes aos nosos sectores produtivos, turísticos e mesmo para os trámites persoais, é necesaria unha formación; cidades e rural intelixentes, aquelas que usan as TIC para facer que tanto as súas infraestruturas críticas, como os seus compoñentes e servizos públicos ofrecidos sexan mais interactivos, eficientes e os cidadáns poidan ser mais conscientes deles; e por non facer máis extensiva esta relación, que o é, rematamos indicando que a implantación do internet das cousas deixará descolgado a quen non teña cobertura.

O compromiso dos poderes públicos ten que ser absoluto nesta materia. A competencia en materia de telecomunicacións é do Estado, máis non debemos quedarnos agardando nada de Madrid, aínda que non podemos deixar de reclamar o que nos corresponde con cada vez máis forza no Congreso. A Xunta ten que garantir unha conectividade real e competitiva para todo o pais, alí onte a administración competente non actúe.

Galiza ten xente moi intelixente e moi preparada na diáspora que hai que traer de volta, e evitar que a que aínda non se foi non se vaia, e para elo hai que xerar as condicións para atraelas e retelas, creando as condicións para a creación de empresas TIC coas políticas de apoio pertinentes. Hai que potenciar a cultura do emprendemento e a promoción da iniciativa dende a formación, fomentando así mesmo as vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), sobre todo as femininas, e mesmo outras en auxe como a filosofía lóxica analítica, cun potencial brutal no futuro para o adestramento das intelixencias artificiais.

A marxinación da nosa lingua e cultura na rede débese ao non retorno económico para as empresas en canto as linguas minorizadas. Dúas ideas, a administración debe ocupar o papel que non desempeñen as empresas na promoción e presenza da lingua e cultura na rede, e segundo hai que aproveitar a comunidade lusófona. A administración ten que potenciar o desenvolvemento de ferramentas de tradución automática e linguaxe natural (que podamos dirixirnos ás máquinas de Intelixencia Artificial en galego). Senón o galego queda fora dos sistemas automáticos da información e o que é máis importante do internet das cousas. As redes sociais non están en galego no móbil, así é imposible normalizar o galego nas TIC.

Galiza ten que ter un lugar prominente na cuarta revolución industrial, incorporando así mesmo o seu territorio rural, e aquí outra vez a administración galega ten moito que facer e para elo ten que saír da parálise actual, para o que temos unha oportunidade histórica nas eleccións que veñen. Solo as forzas políticas comprometidas coa nosa terra, sen obediencias a Madrid, o poderán facer. Hai moito que falar neste tema sobre todas as actuacións en diferentes campos que hai que afrontar, máis no artigo de hoxe falamos dos cimentos para construír ese futuro, que xa está aquí, e estes son a conectividade e a superación da fenda dixital social, en coñecemento e medios.