Compromiso con Galiza
O 30 de xaneiro de 2011 a federación Galiza Cultura coas asociacións culturais galega que a integran, comezaba os actos conmemorativos do 125 aniversario do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Estes actos marcan, ao mesmo tempo, o comezo das actividades desta federación que aspira a aglutinar o maior número de asociacións culturais galegas, co obxectivo de aglutinaren esforzos para a dignificación da nosa cultura que é o mesmo que cumpriren co deber de dignificar a nación e situala no lugar que lle corresponde por dereito.
Non se trata pois, de celebrarmos rotineiramente unha efeméride máis do calendario que cada día nos pode oferecer, á carta, calquer data relevante. Trátase de reivindicármonos como galegas e galegos de pleno dereito e en pleno uso das nosas faculdades, e para iso escollemos Castelao. Porque el foi como ningún outro expresión e exemplo máximo do exercicio do compromiso con Galiza.
Foi o de Castelao exercicio de compromiso en todas e cada unha das facetas da súa vida, dentro das fronteiras de Galiza, e dentro de Galiza, fóra das súas fronteiras, mais sempre en Galiza.
A súa obra está ligada ao seu pensamento, e o seu pensamento está ligado exclusivamente ao nacionalismo, e isto é o que provoca o seu silenciamento e ocultamento cando non a ridiculización e deformación da súa obra.
Mais ninguén que queira Galiza, por pouco que sexa, pode renegar do noso Irmán Daniel. Por isto o feito de a Xunta evitar facer calquer acto neste 125 aniversario do nacemento dun dos máis grandes expoñentes dos galegos bos e xenerosos de todos os tempos, non resulta chamativo no goberno que máis mostra deu, non de falta de querenza ao país, mais de odio, raiva, xenreira e mala lei á nosa patria.
Poden estar orgullosos na rúa Génova de Madrid e nas canles da TDT Party, que tanto gosta de visitar Feixó, do seu súbdito. Mentres seguiremos con Castelao, a darlle a Galiza o futuro que merece.