Compromiso coa cultura, compromiso con Galiza

Compromiso coa cultura, compromiso con Galiza

Foi en 1961 que se fundou a Asociación Cultural O GALO de Santiago de Compostela, o primeiro exemplo dun ronsel de entidades que nos anos 60 e 70 naceron para traballar activamente por Galiza desde a cultura e que deixaron un frutífero resultado, até agora por avaliar de maneira adecuada. Falta aínda unha historia completa do asociativismo cultural que nos achegue o contributo real e inapreciábel que as asociacións fixeron nestes 50 anos ao desenvolvemento da cultura e da conciencia nacional na Galiza.

Non é, porén, con nostalxia, nin con ánimo exclusivo de historiador que nos debemos aproximar destes cincuenta anos de activismo cultural. En troca, precisamos incorporar esta longa experiencia para proxectala cara ao futuro, mantendo ese mesmo espírito de compromiso patriótico coa cultura, mais mellorando os modos e maneiras de xeito a sermos máis eficaces.

Mais aquí trátase apenas de vermos en perspectiva un movemento asociativo que xorde como resposta a unha necesidade cultural e política no comezo dos anos 60: a de reorganizar o País, a de crear os instrumentos que permitisen retomar a loita por Galiza e a liberdade. Destruídas a totalidade das institucións culturais que creara o nacionalismo de pre-guerra, liquidada polo "galeguismo do interior" a organización e a loita política, era preciso reconstruír canles de actuación e intervención social.

Expresión inicial desta necesidade foi creación do grupo "Brais Pinto" (Madrid, 1958). Tres anos despois, O Galo será a primeira asociación que dentro da Galiza se lance ao traballo público a prol da cultura. Detrás logo aparecerán outras como O Facho (A Coruña, 1963), a Asociación Cultural de Vigo (1966), Auriense (Ourense, 1967), nunha dinámica que se prolongará con intensidade aínda nos anos 70.

O aparecemento destas entidades supuxo de facto un primeiro síntoma de ruptura coa estratexia culturalista do piñeirismo, no contexto dunha renovación ideolóxica do nacionalismo que propiciou unha orientación para o traballo social á beira das clases populares. Dese mesmo impulso, ou por mellor dicir, desa mesma necesidade, xorden as primeiras organizacións políticas nacionalistas da posguerra: o efémero Consello da Mocidade (1963) e a seguir a UPG e o PSG.

O nacionalismo organizado foi consciente desde o comezo do potencial do traballo cultural, partindo de que lingua e cultura son elementos fundamentais da identidade nacional e que, portanto, recuperalos, mantelos e difundilos facía parte do proceso necesario de reconstrución da conciencia da nación. De modo que colocou en todo momento a loita cultural como parte da loita política e impulsou decididamente a creación de novas asociacións.

As asociacións culturais fixeron sen dúbida un labor fundamental de recuperación e divulgación da cultura popular, das tradicións á artesanía, pasando pola música tradicional ou as festas populares. Mais tamén na normalización da lingua e a difusión das letras, na música e o teatro, no cinema e a arte. Non houbo ámbito da cultura e da sociedade que non abranxesen. Así, o compromiso coa cultura era a expresión pública do compromiso con Galiza. As palestras sobre calquera asunto convertíase no mellor altavoz do nacionalismo e, de facto, cando menos até o 76/77 as asociacións serviron tamén de amparo legal ao traballo do nacionalismo actuante politicamente na clandestinidade. Será nesa altura que as asociacións culturais coñecen unha etapa de grande dinamismo e o movemento asociativo afortálase coa aparición de novas entidades e coa constitución da Federación de AA CC Galegas en 1982.

,Despois virían momentos de crise e esmorecemento. De certo que a incorporación da cultura galega ás políticas públicas, a aparición dunha incipiente industria cultural ou o considerábel incremento da oferta tiveron moito a ver. Porén, o movemento asociativo cultural mantívose e recuperouse, demostrando que o seu papel na nosa sociedade é insubstituíbel. Porque nada do anterior garante a atención necesaria a aqueles aspectos culturais e proxectos que realmente vivifican a cultura e a consciencia da nación.

Mesmo que sexa o nacionalismo a desenvolver as políticas culturais desde concellos, deputacións ou Xunta de Galiza, o labor das asociacións de base continuará a ser chave para a construción dunha cultura nacional, intencionalmente activa e participativa, para garantirmos o impulso á creación e á difusión dos proxectos culturais que este país precisa. Para asegurarmos, en fin, unha cultura que contribúa de forma eficaz para a construción dun imaxinario e dunha consciencia colectiva na que nos identifiquemos e nos sintamos orgullosos. E a obriga do nacionalismo desde as institucións debe ser a de apoiar e contribuír para afortalar un tecido asociativo dinámico e con futuro.

Así pois, con etapas diferentes, de maior ou menor dinamismo, de crise e recuperación, o movemento asociativo cultural chega aos nosos días vivo e activo. E mesmo podemos afirmar que estamos asistindo a un renacemento do activismo cultural, tan necesario como sempre. Con efecto, no contexto actual, cun goberno galego que non só non cre na cultura galega, senón que conscientemente se dedica a deturpala e desvalorizala como medio de atacar un dos elementos identitarios, xunto coa lingua, máis evidentes e visíbeis, o papel activo do movemento cultural é fundamental.

Por iso é unha magnífica noticia a constitución de GalizaCultura como nova federación das asociacións culturais de Galiza. Porque ao inestimábel labor das asociacións locais faltaba precisamente esa dimensión nacional, saír do isolamento e participar dunha dinámica conxunta con outras entidades. Son xa cerca de medio cento de asociacións as que integran a nova federación, mais o realmente significativo é que se trata das máis activas e dinámicas do País, e que están dispostas a desenvolver un traballo conxunto que alcance maior dimensión dentro dos parámetros culturais que Galiza precisa. O mellor exemplo, a acertada decisión de iniciar a andaina arredor da figura de Castelao a propósito do 125 aniversario do seu nacemento, divulgando a súa obra e o seu pensamento.

Hoxe, como hai 50 anos, o compromiso real coa cultura galega continúa a ser expresión de compromiso con Galiza. Nese camiño está O Galo e milleiros de persoas que traballan en asociacións culturais por todo o País. Nese camiño comeza a andar GalizaCultura. Algúns xa saíron a criticala e etiquetala. Sinal de que cabalgamos.