Cómpre non esquecer
Nestas datas lembramos ás persoas que deron a súa propia vida por defender os intereses colectivos e nacionais. Moitas veces resulta complexo explicar a xente que non ten compromiso nin social nin político que todo isto aconteceu por razóns ben concretas e ben xustificadas. Neste país tamén temos mortos aínda que a algúns sectores lles dea arrepíos falar deles e traten de soterralos ben abaixo. Nin sequera deixan ás persoas esquecer senón que simplemente obvian e ocultan para que non se coñeza a nosa historia .
Non vou dicir nada novo se digo que neste país o nacionalismo non está asentado socialmente, o que explica o pouco coñecemento do noso pasado colectivo, concretamente das persoas que sacrificaron a súa individualidade para intentar construír Galiza, nación propia e libre.
Eu non son quen de explicar as causas, pero coido que debemos pór algunhas cuestións sobre a mesa para facer análise e seguir traballando na dignificación do traballo a prol do país. Dende o meu xeito de velo a construción social do nacionalismo depende da confluenza de varios condicionantes que definirán o grao de solidez social da ideoloxía. Semella axeitado revisar algúns destes condicionantes .
As precondicións étnicas son elementos obxectivos da nación (como por exemplo o feito de ter unha lingua propia) que sen dúbida constrúen e afianzan pero non son suficientes para que o nacionalismo cale no tecido social.
Por outra banda as estruturas de oportunidade son para min un elemento básico xa que cando falamos da consolidación das premisas ideolóxicas nacionais atenderemos ao escenario político. Debemos aprender a ler e a interpretar a realidade para o deseño de estratexias de regulación e para a solidificación da base nacionalista. Esta lectura de bo aproveitamento das oportunidades tamén debe ir dirixido cara o aproveitamento da oportunidade institucional As institucións poden axudar ou restrinxir o abano de posibilidades do nacionalismo. De feito as institucións deberían alentar políticas activas dirixidas a recuperación da memoria histórica para o mantemento da nosa propia identidade (por certo, como se fai na maioría dos estados europeos sen ser acusados de revanchismo)
Finalmente coido imprescindíbel prestar atención á mobilización eficaz. Este tipo de mobilización implica asumir o concepto "solidariedade de grupo" baseado na creación dunha rede de integración baixo un obxectivo común e definitorio, a consecución duns intereses colectivos, previamente definidos.
Un xeito de asentar o nacionalismo é a través da recuperación e da revindicación das persoas que creron neste país dando a coñecer o seu compromiso, un compromiso que pasa pola explicación dos elementos conformadores de nosa nación a través do aproveitamento das estruturas de oportunidade e da mobilización efectiva que debe esixir ás institucións a lembranza dos nosos mártires.
Polo tanto é preciso asumir que todos nós temos unha obriga como nacionalistas que consiste en coñecer e explicar os sacrificios das persoas que axitaron unha época diferente, negra e escura para que hoxe teñamos unha oportunidade de berrar e loitar para que todo o que padecemos como galegos nunca sexa silenciado.
Ramón Cabanillas, escribiu Da Terra Asoballada un libro de poemas que che obrigan (ou obrigaban) a ler no instituto, porén ninguén che explicaba o que pasou en Sobredo para que o autor escríbese[1]:
Irmáns! Erguede o berro
de amor e santidade!
Galicia e Liberdade
do traballo e do Chan!
É tempo de dignidade, e sobre todo é tempo de continuar coa mobilización efectiva que poña fin ao medo a identificarnos como galegos orgullosos. É tempo de recoñecer o traballo das asociación e das persoas que loitan pola recuperación da memoria histórica. En todas as nosa vilas as cunetas permanecen coa lousa do esquecemento enriba. Grazas ao traballo destas persoas e asociacións podemos, por exemplo, coñecer a verdadeira historia da Illa de San Simón e denunciar que un tal Pérez Varela quixera convértelo nun centro de talasoterapia.
[1] Cabanillas, Ramón. Obra Completa. Edicións .Galicia , Arxentina,1959.