Como en Irlanda ou como en Islandia?
A República de Irlanda, a nación celta que se tivo de dividir para conseguir a súa independencia após séculos de dominación británica, foi un referente para o emerxente galeguismo decimonónico. Tamén por tanto para o católico e conservador Alfredo Brañas -tomado por súa vez como referente ideolóxico do Partido Popular na Galiza, cando menos até hai pouco-, que chamaba á loita pola "independenza da nosa Pátrea" e pola conquista da liberdade seguindo o exemplo da verde Eirín: "Ergue, labrego! Érguete e anda! / Coma en Irlanda! Coma en Irlanda!". Este país celta conseguiu liberarse do xugo británico en 1922, mais a súa lingua propia, o gaélico irlandés, embora declarada lingua nacional de Irlanda e primeira lingua oficial da nación, non deu recuperado os usos normalizados doutrora e na actualidade corre serio perigo de extinción.
No plano económico, Irlanda, após figurar tradicionalmente como un dos países máis pobres da Europa occidental xunto con Grecia, Portugal e España, tivo un grande desenvolvemento económico na última década, chegando a falarse mesmo do tigre celta e do milagre irlandés. Porén, coa actual crise financeira mundial volta a se situar nunha posición precaria e inclusive a súa economía foi intervida -ou resgatada, como se costuma dicir- pola Unión Europea, igual que aconteceu en Grecia e Portugal e pode aínda acontecer en España. Como se ve, a substitución da lingua propia polo inglés non librou Irlanda da pobreza durante moito tempo e agora, após un breve período de bonanza que aquí se nos tentou vender como consecuencia do uso do inglés, volta a unha situación económica deprimida a pesar de continuar a empregar moito marioritariamente a lingua mundial das finanzas e lingua do imperio americano. El non será que falar a lingua de países ricos non garante a riqueza?
Existe outro país insular paronomásica e xeograficamente próximo de Irlanda. Chámase Islandia e tamén estivo de actualidade nos últimos anos; de facto, aínda o está, a pesar de os grandes medios de comunicación non pareceren ter moito interese en falaren del. Con certeza, eses medios informaron profusamente das revoltas no mundo árabe -Tunisia, Exipto, Libia etc.-, mais silenciaron a revolución pacífica islandesa, exemplo de reacción cidadá digna contra un poder corrupto e inepto e contra uns mercados depredadores. Esta revolución fixo caer a clase política islandesa instalada no poder, botou a baixo a lei de devolución da débeda ao Reino Unido e a Holanda, forzou unha investigación sobre os responsábeis da crise e, finalmente, conseguiu que algúns destes -nomeadamente banqueiros e altos executivos- ingresasen no cárcere e outros tivesen de abandonar o país.
Que solución tan diferente da que se deu noutros estados como o irlandés, o grego, o portugués ou o español, onde son as clases traballadoras as que pagan a crise coa redución dos seus salarios e das prestacións sociais, en canto os auténticos culpábeis da situación ven incrementados os seus ingresos de forma escandalosa e obscena! E cal é a reacción social nestes países? Salvo contadas excepcións, énchense os estadios de fútbol en apoio das equipas que disputan títulos ou que están en perigo de perda da súa categoría deportiva, e mesmo se producen concentracións masivas de exaltación duns deportistas de elite que cobran en un ano -e nalgún caso en un só mes- máis do que un traballador en toda a súa vida laboral, mais resultan testemuñais as convocatorias de mobilización ou folga dalgunhas entidades e sindicatos non coniventes co poder político-económico dominante. Eis, pois, a oportunidade de ollarmos desta volta para Islandia, como os nosos devanceiros o fixeron noutrora para Irlanda. E non esquezamos que, embora sexa un país pequeno que alcanzou a plena independencia política en 1944, talvez posúa a democracia máis antiga do mundo -data do século X- e que ocupou o primeiro lugar no informe da ONU sobre o Índice de Desenvolvemento Humano de 2007-2008 e que no mesmo 2008 o seu PIB nominal per cápita era o sétimo máis alto do mundo.
Mais tamén podemos ollar para Islandia no tema lingüístico. O seu idioma oficial é o islandés, que falan con total normalidade os aproximadamente 330.000 habitantes da illa, bastantes menos que os falantes de galego, o cal non lles impediu conservalo na súa plena funcionalidade social. É unha lingua escandinava que provén do nórdico antigo e que presenta trazos moito arcaizantes a respecto das outras linguas da mesma orixe, como o noruegués, o dinamarqués ou o sueco, sendo o feroés a lingua de que está máis próximo. O uso e ensino do islandés está ben regulado e protexido na Plano de Estudos Nacional. Como até despois da Segunda Guerra Mundial Islandia facía parte da coroa danesa, o dinamarqués era a única lingua oficial, en canto o islandés era a lingua coloquial. Porén, após a proclamación da independencia da República de Islandia, o islandés converteuse na súa única lingua oficial e o goberno promoveu un esforzado e meritorio labor de planificación lingüística que dotou a lingua das ferramentas precisas, nomeadamente terminolóxicas, para a súa plena normalización, claro exemplo do que se pode conseguir en materia de lingua cando existe vontade política.
De todos os xeitos, isto non impediu que os islandeses estuden e coñezan outras linguas. De facto, dominan tamén o inglés, amplamente utilizado como segunda lingua, igual que o dinamarqués, ambos os idiomas de ensino obrigatorio. A maioría aprende este último de modo que sexa comprensíbel tamén para as persoas de fala norueguesa e sueca, pois é ben coñecida a proximidade destas linguas de orixe común, cuxos falantes xa teñen experiencia na práctica do sesquilingüismo, isto é, dominio cando menos pasivo das linguas próximas, neste caso escandinavas; os islandeses costuman denominar skandinavíska esa especie de modalidade común. Canto aproveitamento poderiamos tirar na Galiza desta experiencia no noso relacionamento co ámbito da lusofonía e en todo o occidente europeo da proximidade entre as linguas romances! E tamén hai moitas persoas islandesas que saben alemán, sen que ese coñecemento de linguas lles impida a manutención do seu idioma propio, que ten poucos falantes mais que goza de plena saúde e non está ameazado.
Infelizmente, non é este o caso do galego nin do irlandés, linguas que figuran na ampla listaxe daquelas que están en perigo de extinción. Sobre a relación entre ambas trata un recente libro, Galician and Irish in the European Context. Attitudes towards Weak and Strong Minority Languages, da autoría de Bernardette O'Rourke, irlandesa de nación e na actualidade profesora da Heriot-Watt University de Edimburgo; hai uns anos exerceu de lectora de inglés na Universidade da Coruña, onde iniciou a realización da súa tese de doutoramento sobre o tema. Neste interesante e ben fundamentado estudo, a autora compara as debilidades e fortalezas destas dúas linguas 'minoritarias', terminoloxía que habitualmente se utiliza para se referir a elas e non ao islandés, por exemplo, que posúe bastantes menos falantes que o galego e talvez que o gaélico. Este gozaría de maior protección institucional que o galego por ser a primeira lingua oficial do Estado, o cal constituiría o seu punto forte, en canto o do galego sería a súa condición de lingua aínda maioritariamente falada na Galiza.
No entanto, ambas as afirmacións son matizábeis. Por unha parte, e baséome nas impresións persoais dunha recente viaxe a Dublín, non parece que a política gobernamental de protección do irlandés sexa na actualidade moito decidida ou comprometida, a termos en conta simplemente manifestacións externas como a rotulación, as publicacións escritas que se visibilizan nos quiosques, as programacións televisivas, o ensino etc., para alén do feito de a música tradicional que se escoita nos bares ser maioritariamente en inglés; acho que desde un goberno soberano se podería facer máis e na Galiza as persoas comprometidas adoitan exixirlle máis ao goberno 'autónomo'. Por outra parte, hoxe xa resulta infelizmente arriscada, a meu ver, a consideración do galego como lingua maioritariamente falada, pois a perda de falantes nas últimas décadas está a ser brutal, para alén do propio proceso de degradación interna da lingua. Como moito ben afirma a autora do libro, estas fortalezas aparentes de cada unha das linguas non garanten a súa sobrevivencia no futuro, pois ambas, xunto coas outras linguas das nacións celtas, están asociadas ao mundo rural e labrego, o cal lles resta prestixio nas modernas sociedades urbanas, a se constituír este nun dos seus puntos fracos.
Constata a autora que a pesar de existiren diferenzas entre o galego e o irlandés debidas a factores macrosociais, ambas as linguas partillan moitos aspectos relativos a actitudes e ideoloxías lingüísticas, ben como unha historia sociolingüística en parte similar e común coa das outras linguas minorizadas de Europa. Porén, en canto o irlandés se mostra como un exemplo de declive inusualmente rápido dunha lingua, o galego polo contrario ilustra o caso dun proceso de substitución lingüística comparativamente máis lento. As dúas linguas foron fortemente estigmatizadas e os seus falantes sufriron penalización social e económica severa durante séculos. En ambas as sociedades as clases política e economicamente dominantes estenderon as súas ideoloxías lingüísticas ás clases inferiores, que foron asumindo actitudes negativas e preconceptuosas a respecto do propio idioma que falaban, de modo que nos finais do século XIX e nos primordios do XX os perfís sociodemográficos dos falantes eran moito similares, segundo a investigadora irlandesa. Foi neste século XX cando se produciron mudanzas políticas importantes nos dous países, con repercursións sobre as linguas, en Irlanda bastante antes -década de 1920- que na Galiza -arredor de 1980. O problema máis importante que se presentaba nos dous casos canto á planificación lingüística era reverter a situación de desprestixio das linguas e dotalas dun status legal que o fixese posíbel. En canto o goberno irlandés realizou nos primeiros anos de política lingüística unha forte intervención en prol do idioma propio, na Galiza realizouse unha política lingüística de baixa intensidade, como a definiu o actual responsábel gobernamental da materia.
Sabemos, pois, que no caso galego houbo unha escasa vontade realmente normalizadora por parte dos gobernos de Partido Popular, incluído o actual como o peor de todos eles, e aínda confiamos en que unha política lingüística máis decidida e coherente, levada a cabo por un goberno galego autenticamente comprometido co idioma propio, poida nun próximo futuro conseguir o obxectivo normalizador. Mais o exemplo irlandés debe servirnos de permanente alerta para non confiarmos todo á acción benefactora dun desexábel e futuríbel goberno amigo da nosa lingua e para incidirmos na responsabilidade social colectiva e no traballo e compromiso individuais. Se a profesora O'Rourke cualifica como strongly intervencionist a acción gobernamental irlandesa nun primeiro momento, os resultados finais desa política resultan descorazonadores, pois hoxe o gaélico só mantén unha presenza significativa nas Gaeltacht areas, en canto no conxunto do país apenas se fala e no mellor dos casos é aprendido como segunda lingua, correndo serio risco de desaparición. Por internet circulaba hai pouco un vídeo dun xaponés que decidira ir vivir a Irlanda e, após se informar de que a lingua oficial do país era o gaélico, púxose a estudalo até o aprender ben; mais cando chegou a Dublín ninguén o entendía nesa lingua "oficial". Felizmente, na Galiza isto aínda non acontece, mais pode acontecer nun futuro non moito lonxincuo.
Como en Irlanda? Nestes momentos mellor como en Islandia, tanto no plano sociopolítico e económico como lingüístico.