Comeza o curso dos recortes arbitrarios
O goberno da Xunta gasta 6 millóns de euros para reducir a presenza do galego no ensino, 3 millóns na visita do Papa e aforra coa eliminación de postos de traballo no ensino ou a eliminación do servizo de NoiteBús
Novamente o noso goberno fai demagoxia co gasto público en tempos de crise, aproveitando que é un tema sensíbel e que a sociedade non entende un mal uso do orzamento do que dispón. Nestes tempos, todos os organismos públicos teñen que axustar as súas contas, e poderiamos pensar que é un bo momento para un debate sobre como xestionar os ingresos e gastos desas institucións dun xeito racional. Porén, non sempre sucede así, e unha vez máis estamos obrigados a ser testemuñas da falta de obxectividade e arbitrariedade no gasto. E, peor aínda, do uso do diñeiro público en contra dunha parte da sociedade.
Núñez Feijoo está a mostrar a súa verdadeira cara, precisamente neste momento no que sae á luz moita información sobre diversos gastos de cifras espeluznantes. Nestes días falouse moito de varios anuncios que fixo o seu goberno en relación con este tema. Por exemplo, o da supresión do servizo de Noitebús. Para este goberno parece un malgasto prescindíbel en tempos de axustes económicos. Enfronte ten a unha parte importante da sociedade, que valoraba positivamente este servizo como alternativa no ocio xuvenil. Podemos allearnos da realidade, mais se tentamos ser obxectivos deberemos admitir que hoxe en día unha parte importante da mocidade relaciona as noites do fin de semana co consumo do alcol, e todos sabemos o que significa a mestura de alcol e condución. O propio xefe da DXT en Galiza reclamou a continuidade deste servizo. Polo tanto, non parece un gasto irresponsábel e innecesario. A outra cara deste aforro poderían ser as axudas millonarias ás compañías aéreas de baixo custo que operan desde os nosos aeroportos. Seguramente este é un argumento cuestionábel, pois esas liñas traen turistas e atraen riqueza, mais podemos pensar que quizais sexa un pouco "o comido polo servido", pois estamos a falar de empresas privadas que só aceptan traer eses pasaxeiros se reciben cartos a cambio. Parece ser, por exemplo, que a Xunta pagara só a Vueling máis de dous millóns e medio de euros a cambio de manter unhas rutas, que pecharon en canto deixaron de recibir a axuda. O presidente desta compañía é o ex ministro Josep Piqué. Querer ver aquí algunha intención oculta quizais sexa pensar demasiado mal, mais durante o verán de 2009 (só o verán), 102.000 persoas usaron o NoiteBús. Nos sete primeiros meses de 2010, 12.553 persoas voaron a Amsterdam desde A Coruña coa compañía subvencionada.
É posíbel que o caso máis sangrante neste novo criterio de gasto público sexa o que exemplifica o galego. Mentres morren os medios de comunicación na nosa lingua, o conselleiro responsábel afirma que non fará un esforzo maior para axudalos do que ten previsto facer co resto das cabeceiras. Ao tempo, aos grandes xornais galegos, escritos case integramente en castelán, outórganselles importantísimas subvencións precisamente vinculadas ao uso do galego. Así, o goberno queda coa conciencia tranquila porque pode afirmar que potencia o uso do galego nos medios de comunicación a través dunha liña de axudas millonaria. Ao tempo, o control sobre o uso do galego nos medios que reciben esas subvencións non existe (atrévome a afirmalo porque, de existir ese control, as axudas serían inmediatamente retiradas, o que se pode deducir cunha simple lectura dos titulares). Por outra banda, a contradición está en crear esa liña e ao tempo afirmar que os medios non merecen especial protección só por estaren redixidos integramente en galego. Será que o interesante é protexer os medios que teñen unha noticia ao día en galego (á parte do 17 de maio, que está ben visto galeguizar a capa), o resto xa resulta molesto e prescindíbel.
Por outra banda, temos o decretazo. Unha das primeiras medidas que tomou o goberno actual foi cambiar a denominación das antigas Galescolas polas actuais Galiñas Azuis, co correspondente gasto. Ademais diso, desde a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, o seu goberno leva (mal)gastados máis de 6 millóns de euros en reducir a presenza do galego nas aulas entre enquisas, campañas de propaganda para dulcificar o decreto e desperdicio de libros só por motivo da lingua na que están escritos. Ao tempo, anuncia que ten pensado reducir o gasto nos comedores escolares que teñan poucos alumnos. Tamén o despedimento dun importante número de profesores en situación de interinidade. Parece que sacar o galego das aulas é un obxectivo imprescindíbel, mais caro.
Nestes días, vemos como moitas familias están preocupadas porque teñen que tomar decisións importantes sobre o futuro dos seus nenos. A opción é faceren obxección de conciencia: ir en contra do decreto e pórlles aos seus nenos os libros en galego ou renunciar á súa lingua e aos seus dereitos e facer caso do que lles mandan. Tamén o profesorado ten importantes retos no comezo deste curso. Verdadeiramente o decreto anterior debía ser ben perigoso para que Núñez Feijoo se sentise obrigado a nos salvar a todos da conflitividade que xerou creando aínda máis problemas.