Ciencia e creación literaria: Ciencia que conta (en galego)

Ciencia e creación literaria: Ciencia que conta (en galego)

Os galegos e galegas do século XXI, integrantes da denominada «sociedade do coñecemento», teñen o dereito e o deber de posuír unha formación científica que lle permita actuar como cidadanía autónoma, crítica e responsábel. Para iso cómpre pór ao seu alcance esa cultura científica imprescindíbel e procurar elementos comúns no saber que todos deberiamos compartir. O reto para unha sociedade democrática é que a cidadanía teña coñecementos suficientes para tomar decisións reflexivas e fundamentadas sobre temas científico-técnicos de incuestionábel transcendencia social e poder participar democraticamente na sociedade para avanzar cara a un futuro sustentábel para a humanidade.

Debe pois ser esta unha obriga para as autoridades educativas, que sen embargo están a demostrar día a día a súa total falta de interese: os recortes continuos no orzamento dedicado a educación, as novas leis educativas, os recortes en I+D+i, a obrigada emigración da mocidade mellor formada da nosa historia pola falta de oportunidades, etc. Mesmo coñeciamos estes días os datos: Galiza perdeu 40000 universitarios en oito anos por falta de oportunidades no noso pais. Xa se lle chama “a terceira emigración”. Isto leva tamén a un desinterese pola formación científica, en parte pola falta de motivación e en parte pola escasa perspectiva laboral e recoñecemento social.

Cómpre pois unha posta en valor da ciencia e das actividades dos científicos e científicas galegos, cómpre facer visíbel o seu quefacer cotiá e mostrar de xeito amábel e comprensíbel os seus resultados e o significado da ciencia e da tecnoloxía na nosa vida.
A comunidade científica galega tamén debe contribuír a esta formación a través do achegamento deste coñecemento e dos procesos e resultados de I+D+i que se fai no noso país mediante actividades de comunicación e divulgación, accións que deberían ser estimuladas e substentadas polos gobernos de Santiago e Madrid. Debe ademais promocionar a comunicación científica na nosa lingua, como mostra de que é posíbel facelo ao mesmo nivel que en calquera outra lingua, cousa posta en dúbida continuamente.

O grupo DIVULGATIA da Universidade de Vigo nace con esa vocación de promover a cultura científica. O seu cerne está no Departamento de Física Aplicada, mais está formado por un equipo interdisciplinar que lle permite non só ter o saber para comunicar senón tamén saber como comunicalo e en que soportes facelo. A súa actividade comeza de xeito estábel no 2008, ao abeiro dos programas de comunicación e sensibilización social Diverciencia da Xunta de Galiza e sempre co apoio da Universidade de Vigo.

Ciencia que conta é un concurso de relatos curtos sobre ciencia que procura vencellar ciencia e creación literaria. Actualmente mantense grazas ao apoio da Universidade de Vigo e á entusiástica incorporación desde a pasada edición da Fundación Barrié.

O relato curto ou conto (máximo 1000 palabras) desenvólvese a partir dun aspecto científico puntual, da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Non pretenden ser relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia, senón pequenas pezas literarias que poderían ter como punto de partida biografías de persoeiros, aspectos de historia da ciencia, situacións cotiás dun laboratorio ou pequenas experiencias científicas. Tamén se procura a visibilización das aportacións –tantas veces agachadas- das mulleres á ciencia, valorándose en especial relatos que inclúan mulleres como protagonistas ou arredor de historias de mulleres.

A nosa lingua é fulcral no concurso, como xeito de mostrar que se pode escribir e facer ciencia en galego e acostumar aos escolares e á sociedade a velo con normalidade. Porque “normalizar” significa “facer normal”, e isto non ocurre cando propós a elaboración deste relato ao alumnado de 1º de bacharelato nun instituto público do centro de Vigo e varios poñen mala cara e preguntan: “Tiene que ser en gallego?”. Nunca oín preguntar: “Ten que ser en castelán?”. É claro que non se están a cumprir os obxectivos de equilibrio na competencia lingüística entre o galego e o castelán, e que non se vai polo camiño correcto prohibindo o uso do galego nas matemáticas ou na física, materias de recoñecido prestixio, nin aducindo a un demagóxico concepto de “liberdade” para que o alumnado se exprese sempre en castelán.

Normalizar tamén a ciencia como algo cotiá, que está con nós a diario. A descuberta do mundo que está aí fóra e que escrutamos cos lentes da ciencia para pedirlle que nos diga algo, que nos conte unha historia. Ese feixón que parece inerte e que sorprendentemente se convirte nunha planta no vaso de iogur, o corpo humano, o universo, a comprensión das enfermidades como o Alzheimer ou os efectos das drogas na saúde e os seus aspectos sociais, a preocupación pola conservación do medio natural, algúns clásicos como o nacemento do lume, o ciclo da auga, a reinterpretación de contos clásicos como o de carapuchiña vermella...

A descuberta de mulleres de ciencia ignoradas, como Hipatia, Rosalind Franklin, Dorothy Crowfoot Hodgkin ou Caroline Herschel, o achegamento ás súas vidas, as súas historias. De científicos e inventores galegos como Antonio Casares, científico galego do 2012, relatos de mulleres galegas como Ángela Ruiz Robles, mestra en Ferrol e inventora, precursora do libro electrónico a mediados do século XX. Ou a edafóloga Tarsy Carballas, investigadora do CSIC. Ou as novas investigadoras galegas xa recoñecidas e premiadas internacionalmente como Olaia Naveiras, que investiga en bioenxeñaría.

Cada conto que se escribe, cada conto que se presenta fainos sentir a emoción e o orgullo do coñecemento, do esforzo da creación, da investigación. Cada relato é unha mostra das ansias dos seres humanos por non limitar o noso mundo, a nosa cultura. Nesta edición 264 relatos presentados, 264 esforzos e 264 recompensas.