Ciao Antonio Tabucchi
Atopamos na última páxina da revista Biblos que vén de chegar ás nosas casas un “In Memoriam” adicado a Tabucchi. Polo tipo de publicación que é resulta breve para o autor do que se trata (quen ten varias obras en galego). Quizais pillara aos deste club de lectores como ao do resto da prensa sen as debidas precaucións que o seu protagonista de "Afirma Pereira" adoptara na redacción da súa páxina literaria do xornal vespertino cando acordara elaborar con tempo as necrolóxicas para cando se produza a morte dun escritor poder ofrecer un traballo demorado e completo sobre a súa obra e biografía. Se toda morte é previsíbel, a del, enfermo de cancro, non debera coller a ninguén desprevido.
Mais o caso é que levamos dous meses despedíndonos de Tabucchi. Esta longa “Cerimonia do adeus” comezou logo da súa morte, mais non parece que o loito se supere axiña e -sobre todo- que se desaproveite a oportunidade de poder, ao fin, interpretar a súa obra sen o inconveniente de ser contradito por el.
Despois de todo Tabucchi facía o mesmo: prefería escribir dos mortos pois “eles nunca protestan”, aínda que é certo que se permitía algunha excepción para falar ben dalgún colega, como do seu prezado Manuel Rivas. E non é que pecara desa autodefensa corporativa a xeito de pacto de non agresión coa que as veces nos adormecen os intelectuais. A proba está no seu libro “A gastrite de Platón”. Unha cousa é denunciar as miserias de alguén e outra comprender as circunstancias que as explican. Un vivo non ten desculpa pois ten a oportunidade de redimirse por si mesmo, un morto só poderá un sacarlle proveito a través do exercicio da comprensión. E entre a vida e a morte como se esquiva o peso da culpa?. Que llo digan ao seu Tristano inventándose identidades mentres o soporte destas -o corpo- podrecía pola gangrena.
O corpo. Ese corpo reivindicado en “A cabeza perdida de Damasceno Monteiro”. O corpo como necesidade fronte a alma como continxencia. Ese corpo que ten límite, data de caducidade, ámbito de pracer e dor, mapa físico e político no que as estratexias de poder moven fronteiras e fixan arbitrarias alfándegas.
Fronteiras que nos semellan infranqueábeis como as da escrita e a acción, a literatura e a filosofía, o sentimento e a razón. Mais cando se é un italiano que soña en portugués os balos son doados de traspasar. É clasificable “A Gastrite de Platón” como un manifesto a favor do “compromiso” do escritor?. Pois non, do mesmo xeito que “A cabeza perdida de Damasceno Monteiro” non encaixa exclusivamente no xénero da novela esquecendo a dimensión de ensaio filosófico puro e duro que presenta -en boca dos seus protagonistas- análises profundas do pensamento de Lukács ou Hans Kelsen.
Mais reparemos no primeiro asunto: como o compromiso do intelectual foi degradado por quen o interpretou como unha escusa para calar mais que como unha obriga para denunciar. Denunciar tamén os erros das organizacións revolucionarias que logo estas pagarían caros. Até que punto se malinterpretou o papel do intelectual orgánico de Gramsci?.
Non é doado resolver o conflito entre criticar aos propios e evitar ser usado polos alleos. Non queda máis remedio que volver á polémica Sartre-Camus e ao consello que lle daba o autor da Nausea ao seu ex-amigo para sortear este dilema: “Só vexo unha solución para vostede: as Illas Galápagos”. Foi Portugal as “Illas Galapagos” de Tabucchi a respecto do circo no que se convertera a esquerda italiana?. Non o creo. Certo que Portugal non tivo un Togliatti nin un Carrillo que foron stalinistas con Stalin e antiestalinistas co antiestalinismo, pois, Alvaro Cunhal non gozou dese oportunismo ou careceu desa oportunidade. Mais o determinante para escoller Portugal como acubillo non foi o seu panorama político senón o feito de que este país parira un Pessoa. Un autor indispensábel para enfrontar o problema desde a outra perspectiva. A que encarnaba o protagonista de “Afirma Pereira”.
Pereira trata de manter a súa páxina literaria flotando por enriba das traxedias políticas do seu tempo e nas súas necrolóxicas aspira a evitar o confronto co poder. Despois de todo, unha vez mortos, todos os escritores poden ser administrados segundo conveña. Mais ao fin, estes, mesmo desde a súa tumba, seguen a incomodar. Non só os asasinados, como Lorca, senón tamén os asasinos: pois colócannos na disxuntiva de decidir se debemos calar os seus crimes.
Ao final a vida empuxa a tomar decisións e en cada decisión matamos ao que seriamos de ter acordado outra cousa. A vida é compromiso. A morte é unha escusa mais que unha obsesión. O tema da morte preocupa e ocupa a personaxe de Pereira como será central en moitas das súas obras. Mais Pereira non cre na resurrección da carne apesares de ser profundamente católico. A carne, o corpo, o teatro de operacións dos torturadores.
Pon en boca doutra personaxe “London foi torturado polos comunistas; Alleg foi torturado porque era comunista. O que nos confirma que a tortura pode vir de calquera parte, ese é o verdadeiro problema”. Que fácil resultaba no confronto comunista-anticomunista lexitimar a tortura. Mais o caso é que a tortura está aí a espreita agardando unha escusa para saltar sobre a carne e aqueles que contribúen a impunidade son cómplices. Togliatti apoiou as leis de punto final en Italia e Carrillo no Estado Español. Os antigos stalinistas redimíanse a si mesmos condenando ao esquecemento aos seus correlixionarios caidos. Onde hai un anti-stalinista hai un stalinista que pretende disfrazarse, ou quizais algo peor. Que comodín máis útil alegar pretéritas e afastadas opresións para colaborar coas inxustizas presentes que temos diante dos nosos fociños!.
Atopamos con que a xente foi adestrada para afirmar que “o fascismo nunca existiu”, como fai dicir ao seu Tristano. Que se lle fixo pensar que as vítimas masacradas morreron para que eles puideran elixir a un imbécil como presidente. E así poderíamos seguir barrenando sobre anécdotas como que a editorial que publica a Gramsci caia nas mans dun Berlusconi, e outras disquisicións sobre o sentido irónico das derrotas actuais que nos poidan desviar do fundamental da súa mensaxe: Compre estar alerta pois alí onde hai ocasión, hai tortura. E senón, que llo pregunten ao seu Damasceno Monteiro. O seu decapitador é un fascista. Mais é un funcionario dun Estado democrático. Agora ben é ideoloxicamente un fascista, tan fascista como os que moen a paus ao mozo Monteiro Rossi no Estado Novo de Salazar. Un fascista, un defensor da desigualdade e a opresión, un inimigo da liberdade e do diálogo. E o fascismo é a impunidade da tortura. Que mellor coartada que o desprezo da vida: Viva a Morte!. Lembra Tabucchi que dicían os franquistas. E fronte a isto é que se ergue Fernando Pessoa: Viva a vida!.
É Tabucchi un Fernando Pessoa bis?. Non, pero é un dos seus ingredientes. Non parece que Pessoa nas súas múltiples personalidades saltara ao pescozo de Berlusconi do xeito que o fixo Tabucchi. Tabucchi lanzouse sobre a “besta triunfante” a través de todas as súas diversas identidades. “Morre Tristano” debátese entre o sentido que teñen as diferentes personaxes que vai vestindo cos diferentes relatos que os singulariza. Identidades que ao final – a hora da verdade- se van reducindo a unha que é a de ser responsábel dos propios actos. A medida que se consume o corpo que soporta a todas elas, as máscaras van caendo e o criminal remata dando a cara.
Como o xornalista que investiga a morte de Monteiro (nome e apelido de dúas vítimas das obras citadas), Tabucchi trata de desenmascarar aos asasinos, máis sobre todo, tenta destapar a deshonestidade dunha sociedade que convive con eles con normalidade. Sen pedirlle contas, sen esixirlle explicacións.
Volvemos agora sobre o debate que presenta en “A gastrite de Platón”. O intelectual, neste caso escritor de novelas, non ten porque saber de economía ou outros asuntos máis escuros que afectan ao cidadán común. Como vai coñecer as tramas criminais que se atopan detrás dos diferentes acontecementos violentos sen medios e sen recursos para investigar?. Que facer diante dos dramas cotiás senón é competente para entendelos e resolvelos?. Que facer diante dun incendio cando non se ten formación dabondo en como sufocalo?. “Chamar aos bombeiros” dille Umberto Eco. E contesta el: o intelectual non debe ficar como mero telefonista. Tabucchi lémbrase de Passolini e do seu “Eu sei!”:
“Eu sei, eu sei os nomes dos responsables diso que no seu día recibirá o nome de golpe de estado (porque en realidade é unha serie de golpes instituídos como sistema de protección do Poder). Eu sei os nomes dos responsables da matanza de Milán en decembro de 1969.
Eu sei os nomes dos responsables das matanzas de Brescia e de Boloña nos primeiros meses de 1974.
Eu sei os nomes do “vértice” que manipulou tanto aos vellos fascistas como aos novos, e xunto a eles aos descoñecidos (etc., etc.).
Eu sei, porque son un intelectual, un escritor que se esforza en estar ao tanto de todo o que sucede, en coñecer todo o que escribe, en imaxinar todo o que non se sabe ou cala, que coordina feitos afastados, que reúne as pezas desorganizadas e fragmentarias dun coherente cadro político, que restablece a lóxica alá onde parecen reinar a arbitrariedade, a tolemia e o misterio».
É Tabucchi un Passolini bis?. Tampouco. Mais imos achegándonos.
Gramsci puxo a primeira pedra do que Tabucchi é, fixou os cimentos que lle axudaron a comprender o peculiar xeito de facer a revolución nunha sociedade complexa como a occidental, paso a paso, trincheira a trincheira, tratando de mover os marcos da dignidade humana cara gañar terreo e ampliar horizontes.
Pessoa fixa unha armazón que resgarda do exterior sen ser un cárcere no interior. Contribúe a estabilidade dunhas paredes móbiles con xanelas que filtran luz e calor como a maioría que dispoñen dun correcto illamento térmico e acústico mais que non lle impide o contacto co absurdo que é a vida.
E finalmente Passolini fixa o teito firme e impermeábel que o protexe do fascismo que pretende, goteira a goteira, ir penetrando coa súa húmida sedución nos nosos ósos. Ese fascismo cotiá do golpe de estado permanente no que se converteron as democracias occidentais. Eses pequenos golpes. Que nunca ninguén sabe de onde veñen, quen os dá, mais que logran abortar calquera nacemento que faga avanzar o benestar dos excluídos. Pequenos golpes que os intelectuais se negan a denunciar porque carecen de todos os datos, porque cando rematen de estudalos xa estarán solapados polo seguinte golpe, porque non queren lanzarse a aventurar respostas que poña en risco o seu status e o seu prestixio.
En definitiva estes tres heterónimos de Tabucchi constitúen o que el é. Podemos entón prescindir del?. Se non é máis que un caldeiro no que se misturan os devanditos autores, que sentido ten botar de menos a Tabucchi?. Poderíamos ter aforrado a súa existencia e o seu labor literario xa que dispoñemos directamente dos escritores que o constitúen. Mais non é así pois acontece que Gramsci, Pessoa e Passolini xa non son os mesmos logo de Tabucchi. Xa non podemos léelos “directamente”.
Cada vez que nos enfrontemos con Pessoa xa estaremos condicionados por Tabucchi e só podemos achegarnos a Passolini desde a súa perspectiva ou contra ela, mais o certo é que agora lle toca a quenda a el e a lectura que da súa obra fagamos poderá contradicir ou non a dos demais, mais temos a vantaxe sinistra de que non será xa confrontada coa do propio autor, fronte á cal dificilmente poderíamos soster o que vimos de escribir agora e o que queda aínda por dicir. E paradoxalmente iso fará que en certo modo Tabucchi sobreviva á súa propia morte. Por iso despedímonos del cun Ciao na súa lingua nativa, que pasou ao galego como un “Chao” cun unidireccional sentido, pois na lingua orixinaria este saúdo tanto significa adeus como ola.