Cervantes, a integración conflitiva

Cervantes, a integración conflitiva

Non deixa de ser sintomático que o símbolo por antonomasia da cultura literaria de España agoche e exprese toda a conflitividade e contradición da realidade sobre a que está construída. Malia todo, a realidade negada aboia na personalidade e na obra, moi en concreto El Quijote, do misterioso, escorregadizo, á vez que transparente, Miguel de Cervantes Saavedra. Por iso mesmo non podía ficar á marxe da terxiversación e manipulación históricas para adaptalo á visión cultural oficial, mitolóxica, acorde coa mística da españolidade. A verdade é que a obra cervantina, en especial El Quijote, admirábel retablo da conflitividade e contradicións en que se asentaba a monarquía hispánica dos séculos XVI e XVII, é ao mesmo tempo que un modelo de lucidez todo un exercicio de enmascaramento, única forma posíbel de non obviar a realidade sen que semellante atrevemento a fixese inviábel ou espertase unha reacción de marxinación e hostilidade destrutivas. Mesmo podemos albiscar que fose xa unha forma de comportamento de quen persegue unha integración e recoñecemento que, doutro xeito, lle sería negado, interiorizándoo como o máis natural, lóxico e intelixente para subsistir. Neste sentido, estaríamos perante un bo exemplo dunha das actitudes psicolóxicas asumidas por moitos galegos para se integraren na españolidade, contribuíndo ao seu esplendor. Claro é que se trata dunha opción en clave individual, persoal, que esixe renuncias respecto da colectividade orixinaria, a cada paso máis desamparada e ao pairo, mesmo negada, ocultada ou esquecida. Non se fai esta opción sen librarse dun proceso no que a confusión de sentimentos e ideas pode levar a un intento de harmonizalas, aínda sendo contraditorias e antagónicas.

Que as devanditas palabras sirvan de prólogo necesario para comprender mellor e valorar como se merece o libro de César Brandariz, El hombre que "hablaba difícil"¿Quién era realmente Cervantes?, Ézaro, 2011, con achados e demostracións moi fundamentadas que exceden os límites da súas, xa de por si, extraordinarias conclusións. Tamén o son para entendermos a forma en que foi acollido, as reaccións por parte de quen controla as institucións culturais e académicas españolas, por parte dos críticos dos medios de comunicación hexemónicos e pola maioría dos especialistas españois na materia. Un silencio espeso e unha descualificación banal e displicente.

Por exemplo, interrogado o catedrático José Montero, presentado pola entrevistadora de La Opinión (16-8-2014), como "uno de los mayores expertos a nivel mundial en la obra cervantina", sobre a posíbel orixe galega de Cervantes, contesta que é unha "sinrazón", que "no tiene sentido", sen máis. A maiores agasállanos cunha pérola exótica para arrombar o peso insoportábel de dous apelidos galegos, unha carga nefanda: Saavedra sería un alcume carcerario no seu cativerio en Árxel -a voz, segundo el, ´Shaibedra`, manco, tolleito, no árabe dialectal do lugar, "contrapartida del apellido gallego", sentencia coa natural arrogancia do todo vale para manter a centralidade española do autor, mesmo polo berce de nacemento...

Coido que César Brandariz acreditou en que, como todos somos españois, non habería problema para aceitárense con naturalidade evidencias que se sustentan en probas empíricas e documentos incuestionábeis por máis que afecten ao lugar de nacemento , á formación cultural na adolescencia e na mocidade, ao substrato lingüístico da obra, á materia que lle sirve de base, á ideoloxía e crenzas, neste caso, de Cervantes. E falando da súa obra, evidenciar cal é o mundo referencial real que se agocha nesa Mancha irreal, desfigurada até ser irrecoñecíbel, de El Quijote. Porén, non é así. Hai problema, mesmo para aproximarse con ponderación, cautela e disposición a unha análise demorada das teses de Brandariz. Por que? Simplemente porque entón habería que asumir unha visión histórica, unhas causas, unhas consecuencias, que non caben na visión mítica, castellanista, en que se fundamenta a idea de España, como nación única...

Imos pasar revista a unhas cantas das conclusións de César Brandariz, tan ben documentadas como lóxicas e coherentes, para entender de verdade Cervantes e o seu Quijote, en particular, para velo, escoitalo e lelo sen as interferencias deformadoras, para traelo á luz da realidade materialmente existente que a transfiguración literaria intenta velar e, paradoxalmente, revelar, plural desde o punto de vista nacional, cultural, lingüístico, relixioso e sexual. Descubrimos así un mundo máis complexo, contraditorio, conflitivo, máis real, que ilumina o pasado pero tamén o presente, todo moi lonxe desas visións tan metafísicas como irracionais a que estamos habituados sobre a obra que se presenta como símbolo clásico maior da literatura española. Non entrarei a valorar matices ou aspectos marxinais, discutíbeis, mesmo deficientes ou incorrectos, segundo o meu parecer, das análises de Brandariz, centrándome no substancial, ben demostrado e argumentado, para min moi digno de atención e mesmo incuestionábel...

,Todo apunta a que Cervantes, en lóxica coherencia cos seus apelidos, era de "incuestionables raíces y cuna galaico sanabresa", segundo Brandariz. Naceu en 1549 e non en 1547, como se adoita dicir, e desde logo non en Alcalá de Henares. A data correcta fora sinalada xa polo seu primeiro biógrafo, Gregorio Mayáns, en 1750. O prólogo ás súas Novelas Ejemplares, cinco diferentes testemuñas en comparecencias diferentes e tres documentos de 1580, declaracións perante escribán, non deixan lugar a dúbidas sobre a data de nacemento. A inscrición bautismal de Alcalá de 1547, sen manipulacións, non ten o nome do bautizado, nin ascendentes co apelido Saavedra. O nome Miguel foi engadido posteriormente, unha evidente manipulación, non no corpo do texto, senón na marxe esquerda con diferente letra e pendolismo. Ningún coetáneo de Cervantes relacionouno nunca con Alcalá de Henares. Perante semellantes probas empíricas podemos entender a cautela, pero non podemos aceitar a indiferenza ou a displicencia arrogante. Parece como se proese contemplar tan só a posibilidade da orixe galega, pois contaminaría o enxebrismo castizo dun símbolo español por excelencia de elementos alleos, vinculados a procesos de exclusión e a integracións conflitivas. Por certo, xa Luís Astrana Marín denunciara que o expediente orixinal do rescate de Árxel non indica lugar de nacemento e si a idade de 31 anos en 1580, en contra do que dan a entender as copias con manipulacións e raspados realizados na segunda metade do século XIX. Curiosamente o propio Astrana Marín, como Américo Castro e Canavaggio, ecuánimes perante o misterio cervantino, non dubidaron da orixe galega dos apelidos de Cervantes, tamén Saavedra, os dous orixinarios do Cervantes lucense. Todo nas montañas de León (Ancares e A Seabra), en designación literaria cervantina (lémbrese que a palabra Galiza parece resultar tabú).

A orixe galega está reforzada polo achado da Égloga de Virgine Deipara, representada en Monterrei o 8 de Nadal de 1581 para festexar os éxitos da campaña de Portugal, a súa anexión á coroa hispánica de Filipe II. A caligrafía dun dos seus catro redactores ou copistas é cervantina. Un dos seus protagonistas é Sanabrio, alter ego de Cervantes, neno nado naquelas montañas, logo estudante pobre, amigo de Viano (O Bolo), no Colexio dos Xesuítas naquela fortaleza dependente dos Condes de Monterrei, isto é, dos Pimentel, Condes de Benavente, con dominio sobre esta parte do Reino de Galiza. Eran as montañas de León, en expresión cervantina que usan algúns personaxes literarios, mesmo alter ego do escritor, como o Damon de La Galatea, novelación de feitos da vida real. A Égloga está escrita en castelán, portugués, naquel entón aínda identificado co galego, e latín...Sanabrio quere que vivan como irmáns galegos, portugueses e casteláns...Unha parte importante da obra de Cervantes, incluída a segunda parte de El Quijote, está dedicada, non por casualidade, a un nobre galego, de nacemento e ,en boa maneira, de identificación, o Conde de Lemos, con dominio sobre grande parte de Galiza e das montañas citadas, así como a primeira parte a outro nobre de familia galega, o Duque de Béjar, tío do anterior. Gozou Cervantes das súas proteccións. Nos dominios dos Lemos e dos Pimentel na Galiza a Inquisición se instalou moi tardiamente, douscentos trinta anos após funcionar en Castela, Aragón, Valencia ou Cataluña, e as cautelas, ocultacións e silencios de Cervantes sobre as súas orixes teñen algo que ver con esta cuestión, como veremos. A aldea Cervantes da Seabra foi un refuxio de xudeus pois a posición dos Pimentel como a dos Lemos na cuestión da persecución era laxa e nada entusiasta.

Esmagador é o descubrimento de Brandariz sobre a inspiración de vinte capítulos da Segunda parte de El Quijote na Crónica de las fiestas, da autoría de Andrés Muñoz, que no 1554 celebrou o Conde Duque de Benavente en honor do futuro Filipe II e do seu fillo, o entón Infante Carlos, cando foron camiño da Coruña para embarcárense cara a Inglaterra coa fin de casar o primeiro con María Tudor. Non é un plaxio, mais a inspiración é evidente. Parece tamén abafante a súa demostración a través de feitos empíricos de que a Ínsula Barataria está en Benavente, igual que a demostración de que a burla dos duques a Don Quijote se desenvolve no palacio dos Condes nesa vila. Efectivamente está nunha rota de peregrinacións a Compostela frecuentada por tudescos. A forma de contrastar as referencias no Quijote coa indagación secuencial excluínte, para achar a identificación correcta no mundo real, é exhaustiva. Mágoa que o proceso xeral discursivo do libro no teña unha redacción máis lineal, menos repetitiva ás veces, e cunhas conclusións xerais finais que o redondee.

Aliás, un dos aspectos máis reveladores da investigación de César Brandariz é a súa demostración de que ningunha descrición no Quijote se inspira na Mancha xeográfica. Como sinala, mesmo dous eruditos manchegos, Cristóbal Pérez Pastor e Edgar Agostini Banús, admitiron, hai anos, "anteponiendo su honestidad de investigadores a outras consideracións", que Cervantes cita os nomes de La Mancha, estando lonxe deles e sen coñecer os lugares que cita. E Pérez Pastor abunda en que non se atopou ningunha pegada do paso do escritor pola Mancha. Porén, a cuestión ten aínda máis calado e transcendencia. Porque resulta que flora (faias, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras, acivros, teixos, bosques...), auga, fervenzas, fontes, lagoas, pastos, bois, osos, lobos, troitas, frío, hábitos, costumes, supersticións, oficios (arrieiros, lenceiros, pastores...), lugares concretos...todo nos remite á montaña sanabresa e a Galiza. Mesmo os muíños de vento, inexistentes na Mancha até finais do século XVI, cando xa había máis de douscentos anos que funcionaban na Galiza. Por que Cervantes encubre na Mancha xeográfica unha realidade existente na encrucillada dos reinos de Galiza, León e Portugal, terras por el coñecidas, ambiente vivido e zume lingüístico e cultural mamado? En Mancha habería, segundo Brandariz, dous significados: o lugar xeográfico , como vimos transfigurado, e o sentido de baldón, estigma ou tacha. É unha tremoia literaria que intenta encubrir a verdade e a autenticidade do real que se desvela e oculta ao mesmo tempo. Que se oculta e que se revela a un tempo? Unha comunidade de manchados, os xudeus conversos como era el, orixinarios dun lugar como Cervantes , en terras de transición entre o reino de León e de Galiza, lindeiros con Portugal, e de lingua e cultura galegas, outra orixe que se vía como una tacha e un baldón, malia Brandariz non o dicir...

Que falaría o neno e o mozo Cervantes nado nas montañas da Seabra e educado no Colexio dos xesuítas de Monterrei? Non é difícil de saber cal sería a súa lingua orixinaria. E así se comprende como este substrato condicionou en tal maneira o seu castelán, tal e como demostra Brandariz, de home aspirante á integración co apoio dalgún oligarca galego, xa ao servizo da Coroa de Castela desde había séculos. Non pode estrañar que, para os seus contemporáneos, Cervantes fose o home que "falaba difícil" e escribise de maneira tan especial en castelán, lembrando sempre as virtudes doutros idiomas, en especial o portugués, así como idealmente defendendo o dereito dos poetas a escribiren na lingua que mamaron.

César Brandariz afondou na tese da condición de xudeu converso de Cervantes, tese que xa tiña sido defendida por Américo Castro. Desvelou, e isto é maior novidade, todo o mundo real que aclara o seu nacemento e formación e desvendou a materia coa que está elaborada a súa obra, de forma moi particular, El Quijote. Ao baldón do converso, engadía Cervantes unha orixe nacional, un xentilicio, unha patria non proveitosa, malia Brandariz non sinalalo. Había unha terceira posíbel causalidade que premía para a simulación e a ocultación, tan do gusto do escritor. As acusacións que o intimidaron por sospeitas de prácticas viciosas e feas que non entraban dentro da ortodoxia sexual. Rosa Rossi, unha cervantista xa falecida, referiuse ás tendencias homosexuais e ao espírito andróxino actuantes na obra de Cervantes...O sinistro frade Juan Blanco de Paz e o divo Lope de Vega non deixaron de se referir a el de forma groseira e ameazante por este motivo...Temos, pois, tres exclusións para explicar a ocultación, a simulación, a transfiguración e o encubrimento na obra cervantina e os moitos silencios sobre a súa propia vida. Son tres ocultacións e encubrimentos, exclusións, que fundamentaron o imperio español, a superioridade da monarquía hispánica e a hexemonía castelá: a exclusión de Galiza, a súa negación, unha discriminación nacional que ía da negación á burla; a exclusión relixiosa, nada cabe que non sexa o católico e papista; a desviación sexual da norma, a acusación de hipovirilidade, do pecado nefando...Malia Brandariz non o dicir explicitamente, o seu libro, fundamenta tanto a causalidade dos dous primeiros aspectos excluíntes, e de forma algo colateral e sen querer o terceiro, que constitúe a mellor explicación até hoxe do por que do gusto do autor polo encubrimento, pola ocultación, polo despiste...Porén, o xogo, a armazón cervantina comeza a ter sentido material, explicación . E a realidade que transfigura comeza tamén a aboiar...Cervantes fixo a ocultación pero tamén nos deixou os indicios para a revelación...