Carenando


Vararon a xeiteira e sacaron da bordo tódolos habilitos: as pesas, as táboas da cadeira, empanetado, carro, remos, mastro, temón, caña, rodiel e outros. Os rapaces carrexábamolos ata unhas pedras enxoitas, despois de limpalas moi ben limpas con area mollada, mentres baldeábana e rañábana ben rañada con brus de arames, quitándolle tódolos parasitos que se foran adherindo ó longo dun ano no mar.

Botárona arriba coa marea chea. Catro homes por cada costado e os máis forte á proa e á popa, erguéndoa pola roda e pola rabeira ó berro de "eeeeeiiiiiiii", e cando o alento ía minguando no peito pousábana mentres collían folgos, outra vez "eeeeeiiiiiiii" ata chegar por riba da mallante dos vindeiros días.

Cálzana nas escoras e prenden unha cacharela de xestas, o lume para chamuscar as táboas de cubrir e as de virar, ir eliminando a capa de carena vella que xa encomezaba a deixar ollar a madeira, coas varas ían achegando ou afastando o lume para que fora derretendo e evitar chamuscala.

Despois quilla arriba e cunha rasquetas íase quitando o que o lume deixara, para logo despois calafatear cunha mestura de estopa e brea.

O pote arrodeado de pedras para evitar que a quentura sairá para fora, e botándolle unhas achas de cando en vez para mante-lo lo lume, deseguido vertíase dentro a brea mesturada con xofre e saín para que collera a cor negra, ata que o arrecendo ía adonándose da praia e chegaba ata as primeiras casas, mesturándose nas ulideiras coas caldeiradas das lareiras.

Había que preparar os bispeiros enrrolando trapos vellos nos paus, cando estaba ben quente dábaselle xenerosamente ás táboas de cubrir.

Logo co pote ben limpo botábaselle outra brea cun pouco xofre, que lle daba o ton branco amarelo para as táboas de virar, despois de máis de dous días ó solleiro e ben seca puñase na súa postura de navegación, suxeita polas escoras dándolle a brea por dentro, sobor de todo as cadernas, a sentina tendo moito coidado de non atupir o bitoque, e os corredores por seren as partes mais expostas a apodrecer, enchoupando todo ben mentres outros íanlle dando ás pezas que secaran enriba das pedras, con especial coidado o guión e a pa dos remos, remos moi longos para a voga en mar bravío.

A dorna xenerosa nos temporais, sen nunca dubidar de como se ten que enfrontar ao vendaval ou ó nordés, medindo as súas forzas co mar embravecido, atacando ou retirándose coa proa ao mar cando a situación o aconsellaba, collía tan ben a auga e o vento, aguanta os golpes sen nunca mirar para atrás, coa seguridade dos que non senten medo.