Cantigas no Camiño e Músicos na Cuneta

Cantigas no Camiño e Músicos na Cuneta

O Xacobeo programa unha ÚNICA xira na que 26 grupos folk teñen unha ÚNICA actuación durante todo este ano. Estes artistas integran o apartado que o Consellería de Cultura creou para ir encaixando as distintas correntes musicais galegas: Xacobeo Raíces.

Xacobeo Raíces está formado por grupos como Fuxan os Ventos, Marful, Espido, Uxía, Luar na Lubre... A programación cultural que ofrece este goberno é a dun bolo por formación nalgunha parte deste País. Iso si, grávase un compilación cun tema de cada un dos grupos para vender no Gadis a 4 ou 5 euros.

Ninguén pon en dúbida a capacidade mediática de tal produción cultural, a capacidade de comunicación e de proxección exterior. Ninguén.

Os creadores galegos deberían estar tranquilos e confiados na política cultural desta Consellería ofrecéndolles unha actuación anual e un cd para o supermercado. Os concellos, os concelleiros de cultura, tamén parecen que están tranquilos: unha actuación de balde dende o Xacobeo garante a programación cultural do seu concello. Ou non?

As concellerías de cultura sufriron este ano un recorte económico dun 20 a un 40 % do seu orzamento. As instalacións, o persoal, os edificios..., son o prioritario, polo tanto, é a programación a que sofre as consecuencias. Os concellos non dispoñen de orzamento para programar e depende das xiras culturais que subvencionan a Xunta e as Deputacións.

Xiras como a que acaba de presentar a Deputación de Pontevedra, ofrecendo o seu apoio económico á gran empresa cultural deste Pais: Espectáculos Lito. Patrocinando unha xira polos concellos de Pontevedra da súa orquestra Panorama. Orquestra tamén patrocinada polo Xacobeo.

Deste xeito os concellos poden seguir completando a súa programación cultural. Non poderán ofrecer creación, mais si imitación.

E todos seguimos tranquilos e tranquilas, os artistas sen ningún tipo de apoio institucional e os concelleiros/as de cultura sen a posibilidade de programar, presentar e apoiar á música galega.

Repito, todos/as nós, seguimos tranquilos e tranquilas e sen facer ruído.