Cantando nas tabernas

O cosmopolitismo musical naceu nas tabernas, os barcos transportaron persoas e con elas as súas vidas e as músicas que os acompañaron. As tabernas foron para moitos refuxio e patria por unha noite.

Din que non hai mar sen porto, nin porto sen taberna, nin taberna sen canción. As tabernas dos portos gardaron ao longo do tempo a esencia e o cheiro do mar, as cancións de ida e volta que chegaban a terra e que levaban os forasteiros ao novo destino. Nas tabernas arranxaban o mundo, bebían, comían e cantaban. Cantaban as cancións que lles aprenderan de cativos e as que aprenderan dos pasaxeiros e mariñeiros que ata ela se achegaban, a música de "vai e vén".

A música galega viaxou polo mundo nas maletas dos que procuraban unha vida mellor e chegou de volta con cheiro a Cuba, Brasil, Suíza, Alemaña e tantos lugares nos que soarían cancións galegas. Os barcos traían as músicas do resto do mundo, músicas portuarias que tamén se coceran nas tabernas doutros portos. A xente cantaba e bebía ata que o corpo resistía; a música era aberta, infinita, sen complexos, natural. As cancións ían de porto en porto á velocidade do mar onde habería alguén que llas aprendera a outra xente, e esta xente a outra xente.

Fai moitos anos aprendín unha canción de charlestón a unha señora da Costa da Morte. O charlestón é unha variedade do foxtrot, baile que naceu cas primeiras orquestras de jazz estadounidenses na primeira década do século XX. Esta señora aprendera esta peza sendo unha moza, quizais pola década dos anos trinta ou corenta máis non a prendeu sendo emigrante senón que o charlestón chegou a ela, a un novo porto.

A música ten un fío condutor que a une e que nos fai ser máis semellantes. Quen pode afirmar que unha tarantela italiana é moi diferente dunha muiñeira galega? Estando con Fía na Roca no Festival de Valstagna, en Italia, quedaron sorprendidos cunha das pezas que interpretramos durante o concerto pois segundo nos dixeron era unha tarantela italiana moi popular e recordo que unha das persoas da organización tarareu nota por nota o que eu cantara un par de horas antes; esa tarantela supostamente italiana non era outra que " O quer que lle quer" de Mauricio Farto; quen sabe se este músico vallisoletano afincado na Coruña recibiu algunha influencia desas músicas de ida e volta ou se polo contrario a música galega viaxou nas maletas dos forasteiros e chegou a novos portos italianos?

O cosmopolitismo musical naceu nas tabernas, os barcos transportaron persoas e con elas as súas vidas e as músicas que os acompañaron. As tabernas foron para moitos refuxio e patria por unha noite.

Debéramos recuperar as tabernas dos portos e con elas a súa esencia; tantas pezas que nos legaron e onde a xente aprendía as cancións mirándose aos ollos.