Cando me deixen sachar na chousa dos mortos

Cando me deixen sachar na chousa dos mortos

Debemos defender a actuación do xuíz Garzón e ir máis aló. Debemos pedir a derogación da lei de amnistía que ampara aos represores franquistas. É unha obriga nosa recuperar os corpos dos represariados e poñerlle nome aos asasinos.

Xosé Luís Rivas (Mini) publicaba recentemente nesta revista un artigo, que vos recomendo, titulado A chousa dos mortos. Nunca pensei que se puidese falar con tanta beleza dun tema tan tráxico, tan noxento, tan amargo. A represión que padeceu Galiza por parte das forzas sublevadas foi terrible, coma no resto do estado español, aínda hoxe agochamos na nosa terra os restos dos fusilados que converten o noso país nunha chousa de mortos (aramos sobre os mortos nesta Terra e o noso pan ten un sabor a osos familiares, irmáns, o monte berra baixo o arado e chámannos os nosos).

Quixen escribir un artigo que tocase este tema e facelo seguindo os pasos de Mini pero non podo. Eu, educado no mundo xélido dos arquivos non sei facer florido nada, so sei moverme no mundo da realidade histórica, crúa, fría e noxenta, coma a foto que ilustra este artigo. Pode ser unha imaxe dura, pero é real. Corresponde a un aviador republicano que foi arroxado dun avión fascista. O seu corpo espallado foi recollido, fotografado e gardado nunha caixa.

O señor, e xuíz, Baltasar Garzón non é santo da miña devoción, eu son máis da Virxe do Carme ou se cadra do Bispo Santo. Non son partidario de que un xuíz se converta en estrela rutilante na prensa, polo perigo que pode levar á hora de xulgar os delitos. Descoñezo totalmente se o señor Garzón cobrou ou non por un curso dado nos Estados Unidos, se o fixo e non podía facelo, que pague. Descoñezo se está, ou non, habilitado para investigar os crimes de Estado cometidos na época franquista. O que si sei é que cando se dedicou a investigar as execucións, os paseados e o medo no que se lle fixo vivir a unha parte da poboación tocou un tema demasiado delicado, que algúns chegaron a pensar que estaba esquecido. Os mozos, e non tan mozos, escaladores da política do PP tremeron ao saber que un xuíz, probablemente rancoroso, e polo tanto dilixente, ía investigar a represión franquista. Tremeron porque os monstros do seu pasado podían saír a flote e converterse en lastre na súa ascensión política. Véxase senón a súa reazón.

É este un artigo para defender ao xuíz Garzón? Non. Se pido so iso é pedir moi pouco. Agora é o momento de ir máis aló e de atreverse a solicitar unha revisión completa da nosa memoria histórica, que abarque este período de represión no que os mortos deben aparecer, e non só iso, debemos ser quen de conseguir que os nomes dos asasinos, aos que, con toda certeza non poderemos xulgar, teñan o castigo que só a memoria e a historia pode dar.

Dirannos que iso forma parte do pasado, dunha etapa escura que hai que esquecer, con toda certeza a mesma voz que vos diga iso é a que pide que se conserve a estatua do ditador ou o escudo franquista pois, alegan iles, forma parte do pasado. Pois os osos dos nosos mortos, tamén, son parte dese pasado. Non nos deteñamos nesa loable labor de recuperar os corpos e resarcilos, sexamos quen de facer que os nomes de Campelos, Pinguelos e irmáns Teixeira, entre outros, ocupen o seu lugar nas páxinas da historia.

Non somos os primeiros en levar a cabo esta labor. O poder franquista embarcouse no ano 1941 na labor de recompilación dos nomes das persoas que morreran na zona roxa. Non só se quedaron niso senón que mandaron un informe, a tódolos concellos do estado español, no que o alcalde debía anotalo nome do morto en zona republicana, idade, profesión, filiación política e cargos públicos desempeñados, data da morte, se foi atopado o cadáver e se anotaron no Rexistro Civil a súa morte. Ata aquí todo responde a un desexo de catalogalos mortos, pero o informe ía máis alá. A derradeira pregunta di "Personas sospechosas de participación en el crimen. Nombre y apellidos. Paradero actual". Esta derradeira pregunta ten como fin a vinganza. ¿Pensades que os sospeitosos da morte dun falanxista ían ter un xuízo xusto?. Vou máis aló, ¿pensades que ían ter xuízo?.

Neste listado aparece un total de 96 persoas mortas na zona republicana, ben poucas se o comparamos cas 800 persoas que se calcula morreron en Galiza a consecuencia dos fusilamentos oficiais. O número de persoas que se calcula que morreron a consecuencia da represión franquista, nesta nosa Galiza, chega ata 5000. Número que cando nos deixen escudriñar veremos, con desagrado, como aumenta considerablemente.

Vexamos agora o número de mortos galegos en zona republicana estruturados por provincias, seguindo sempre o informe que a fiscalía do tribunal Supremo, solicitara aos concellos do estado español:

A CORUÑA: 22 mortos, sobresaen os 9 de Santiago e os 5 da Coruña cidade.

LUGO: 19 mortos en total, sobresae o concello de Foz con 9.

OURENSE: 38 mortos, sobresaíndo Ourense con 8, Cartelle con 7, Entrimo con 5 e o Barco de Valdeorras con 3.

PONTEVEDRA: 17 mortos en total, sobresae Vigo con 5 e Marín con 4.

Este listado confeccionado nos anos 1941-42, fala de persoas, galegas, que morreron en distintas zonas do territorio español, incluíndo aos soldados. Tal é o caso do concello de Foz, dos 9 anotados todos son soldados desaparecidos en combate.

A fonte documental que empregamos para este traballo é a seguinte: http:// pares.mcu.es , en busca sinxela escribimos: fiscalía del tribunal supremo, se o escribimos en galego non o recoñece, e dentro deste causa general, alí atoparedes as respostas que enviaron os concellos agrupadas por provincias.

Agardo que Mini me permita rematar o meu artigo cas súas verbas "e xa o sabes, teremos que volver a ti, unha e outra vez porque ti, Galicia, es a enorme Chousa dos Mortos".

Agardo poder ver o día en que recuperemos o derradeiro dos nosos mortos e os seus asasinos sexan xulgados pola Historia.