Camiño e territorio
Cada ano Xacobeo a polémica está xerada polo cartel de actuacións artísticas, pero sempre se esquece o camiño e os que viven ao seu carón. O Camiño é máis que un espectáculo, é unha parte do noso patrimonio vinculado á memoria da xente. As políticas esquecen descaradamente este feito, que terían que incidir máis directamente na paisaxe cultural e social, e só se preocupan por cifras de asistencias e cachés.
Sempre que o 25 de xullo cae en domingo temos ano santo e, desde comezos da década de 1990, tamén Xacobeo, como intentando separar relixioso e laico, separando peregrino de turista, algo que historicamente eran inseparables, pois ambos formaban parte dun mesmo sistema cultural. Así peregrinábase, e non só falo da peregrinación a Santiago, por motivos que podemos chamar de relixiosos, pero a peregrinación foi durante séculos a única posibilidade de viaxar, de saír, de rachar co cotiá, de desconectar como diriamos hoxe.
O Xacobeo preséntase como un escaparate ou imaxe-espectáculo que xera máis polémicas que beneficios trae. Hai un aspecto que non vou tratar agora aquí, cal é a oportunidade do Xacobeo de mostrar cara a fóra unha produción cultural propia. Nesta ocasión só quero ir un pouco polos camiños e reclamar outros aspectos destes que poden ter máis incidencia no presente e futuro do país.
Hoxe todas as políticas están dirixidas aos peregrinos e ás comodidades destes. Claro, se non hai peregrinos non podemos falar de camiños de peregrinación. Pero aquí os camiños nunca foron só de peregrinación. Son, foron, camiños de vida, camiños polos que ían e viñan persoas para o traballo, para a escola, para a feira, leiteiras que ían vender o leite ás vilas, peixeiras que cargaban na cabeza cunha cesta de peixe e, ao mellor, o neno no regazo, xente que ía para unha festa ou polo que levábamos os mortos ao cemiterio, camiños polos que marcharon para traballar fóra. E así cando aínda preguntamos nalgún lugar como se chama o camiño recibimos nomes como "o camiño das pescas", "o camiño das poleiras", "o camiño das leiteiras", etc. Agora algún destes nome deixou paso a un xenérico "o camiño dos peregrinos".Os camiños están aí na pel do noso territorio, son pegadas da nosa historia e da historia vinculada á vida cotiá da xente normal, da xente que os fixeron e usaron. Os camiños son un patrimonio importante, pero considerado desde as administracións como un patrimonio menor e ao que non se lle presta moita atención, ou ningunha, mais ben estorban á hora de planificar outras actuacións e míranos como elementos vinculados ao atraso e non como bens que nos axudaron a chegar até onde agora estamos.
A finais do século XX a peregrinación colleu novos pulos e os peregrinos volveron en masa ao Camiño. Non é este o momento de falar das causas deste éxito en momentos de laicidade, pero si dicir que o peregrino é un tipo de turista e a peregrinación, aínda que a algúns puristas non lles guste, un xeito máis de turismo, o que non quita a vertente espiritual que para moitos segue tendo. E o peregrino é unha persoa que se despraza por un territorio coa intención de chegar a un destino e, nese proceso, é un consumidor e entre este consumo tamén podemos sinalar o consumo cultural. E é aquí onde pensamos que a peregrinación pode axudar ao desenvolvemento dun territorio, ao desenvolvemento local, especialmente nestes momentos en que as formas clásicas que sustentaban as economías locais, agricultura e pesca, están en crise e son incapaces de asegurar a vitalidade das comunidades rurais e mariñeiras.
Camiñando polo Camiño podemos comprobar a desertización que padecen certas zonas do país e o conseguinte esmorecemento de formas de vida, a destrución dun patrimonio por abandono e pola incapacidade de buscarlle novos usos. Polo tanto asistimos a un proceso de reconversión e desmemorización, de perda dun legado que non atopa formas de transmisión, a unha perda cultural.
E é aquí onde o camiño pode axudar, como un novo recurso, a organizar un novo xeito de vida, ao desenvolvemento e ao fortalecemento social das comunidades no seu territorio. Porque o camiño, como patrimonio cultural, pode ser un factor de equilibrio útil para o desenvolvemento territorial, grazas a súa capacidade de relacionar natureza e cultura, pasado e futuro, mundo real e mundo imaxinado, favorecer as relacións interxeneracionais e contribuíndo á continuidade de moitos lugares volvendo a levar alí a vida. Porque as formas culturais son un factor xenerador de emprego que pode beneficiar a zonas deprimidas, como postula a Unión Europea. E o patrimonio non é só un medio para crear emprego, senón que coidando o patrimonio melloramos a calidade de vida ao permitir un entorno máis coidado. Pero nunca se pode esquecer que o importante é o valor identitario.
E é aquí onde fallan as políticas, porque este patrimonio vinculado á memoria non xera espectáculo. Non hai políticas que permitan a eses cidadáns seguir sendo portadores dunha cultura, herdeiros dunha tradición cultural colectiva. E somos o que recordamos e a memoria é imprescindible para ter futuro.
As políticas só van dirixidas a "pór bonito" o "camiño dos peregrinos". Pero moitas veces esa atención que se lle presta convértese en destrución consciente para borrar esas pegadas dun tempo que non interesa lembrar e mostrar unha uniformidade que nunca houbo. Non aproveitamos a oportunidade de mostrar o que somos ou aspectos dunha relación histórica co territorio.
Atender a este patrimonio menor no que está ancorado a memoria colectiva sería dar voz a un sector da nosa sociedade e invertir substancialmente en dignidade, futuro e en calidade de vida. Tamén sería potenciar o actual fenómeno da peregrinación como unha mostra de contacto cultural, non asimétrico, na que o peregrino se encontre coa realidade social e cultural deste país. As políticas do Xacobei teñen que axudar a dar unha imaxe de nós desde nós e non só crear un decorado que oculte esa realidade.