Camiño de Wallander V

Dresde sae nos medios polas manifestacións contra a islamización de Europa. Onde estaban os "Patriotas Europeos contra la Islamización de Occidente” (Pegida) ao pasar camiño de Berlín. Cantas Dresdes hai? E cando hai unha Dresde segundo para que?
Na paisaxe urbana non quedan rastros da desfeita. Quizais a maior pegada son as amplas avenidas e prazas cortesía dos bombardeos americanos e da reconstrución soviética. Na reconstrución as autoridades socialistas quixeron expresamente excluír á Frauenkirche co fin de deixar constancia da barbarie das guerras. Logo da “caída do muro”, no 94 puxéronse coa reconstrución deste templo luterano e hoxe parece que alí non tivese acontecido nada. Curiosamente este lugar é o sitio escollido para as concentracións islamofóbicas.
O certo é que durante o socialismo Desde tivo un vivo debate e mesmo mobilizacións e protestas a respecto da cuestión da restauración do Frauenkirche. Na catedral católica (Hofkirche) expresamente deixou constancia das pedras vellas que deran conta da destrución causada polas guerras. Se entramos no interior podemos topar unha exposición sobre o holocausto, mais por fóra só podemos afirmar que Dresde é fermosa, sobre todo desde a terraza de Brühl que se deita sobre o Elba. As xentes que gozan das vistas, do paseo e das actividades lúdicas (un xadrez humano), os mozos que atopan un marco inesquecíbel no que fixar os seus amores, os nenos que xogan a cabalo dos canóns antigos que adornan as rúas, os vellos que descansan nos bancos á sombra das árbores, toda esta atmosfera non deixa presaxiar ningún movemento de fondo que desemboque nunha manifestación tan estúpida como a que se reflicte nos medios. Por certo, estes mesmos medios que amplificando esa noticia lograron outra: “Estado Islámico prevé atentar en Dresde e Berlín”. Fronte a isto Angela Merkel deixou dito o obvio: “O problema é que sabemos moi pouco sobre os musulmáns”. Quitando que haxa outros moitos problemas, a verdade a este respecto é que tampouco sobre os alemáns, e mesmo, cada vez sabemos menos sobre nós mesmos. Quizais dos que máis sabemos sexa dos norteamericanos. E seguramente non teñamos nin idea da miseria e desigualdade na que viven a maioría deles.
,Algúns galegos aínda estamos a tentar asimilar a perda dun amigo alemán que soubo entendernos e querernos máis do que moitos de nós somos quen. Da man de Alexander Schmuk soubemos que a “vergoña do galego” da última tallada é equivalente á súa “vergoña do suevo” (a saber se a traerían de alá os nosos devanceiros), aprendemos das súas viaxes aos campos de concentración cos seus alumnos para que souberan do que somos capaces os seres humanos e, xa que logo, estiveramos alerta. E comprobamos como o amor aos animais pode servir de soporte para o amor as persoas: Vimos como domaba cabalos acariñándoos e falándolle ao ouvido, e non “domesticándoos” pola forza. Nunca o convencemos sobre as bondades da nosa “rapa das bestas”, mais tampouco el tentou persuadirnos do contrario. Cando nos falan de Alemaña na Galiza lembramos os seus mercados de nadal, o seu viño quente, paseando pola aldea con Alexander na que saudaba a unha diversidade de caracteres moi semellante a que atopamos no noso rural. Esa sensación de concluír: “son coma nós” fronte a idea previa que tiñamos estereotipada e dunhas imaxes televisivas que hoxe preséntannos “instantes privilexiados” en termos sartrianos que nos fan concluír todo o contrario ao deshistoriar o acontecemento, desconectalos, descontextualizalo e illalo até conducirnos a moi outra tese: “como é posíbel que quen isto faga sexa un ser humano”. Tanto en sentido negativo como positivo.
Cando entramos na terra prometida de Dinamarca atopamos tamén que son coma nós. Nos ferries que atravesan para Selandia encontramos cos paisanos cargados de latas de Carlsberg e outras bebidas. Mesmo hai un Ferry que xa non se move, simplemente é un grande hipermercado no que entrar para adquirir alcohol e tabaco libre de impostos.
,Mais Dinamarca é presentada pola progresía española como o espello no que mirarse, cando menos na cousa da corrupción e do bo goberno. Para o ensino xa sabemos que é Finlandia. E para que serven estes estereotipos senón é para impedir comprender aos outros e a nós mesmos.
Dinamarca é presentada en diversos informes como o país con menos corrupción do mundo, máis confianza no próximo, máis transparencia na política, que máis apoio reciben os impostos e co sistema de benestar máis avanzado. Si, Dinamarca é un dos mellores países do mundo para vivir, segundo o Índice de Prosperidade do Instituto Legatum 2010. O índice baséase nunha definición de prosperidade que combina crecemento económico co nivel de liberdades persoais e democracia nun país, así como medicións de felicidade e calidade de vida.
Cos salarios máis altos do mundo quizais iso da menor corrupción -tendo en conta a taxa de desemprego do 1,8 %- non sexa moito mérito. Onde os estudantes reciben un subsidio de 725 euros por seguir estudos (coa matrícula gratuíta) non é estraño que o nivel de formación sexa tan elevado.
Cando chegamos a Copenhague o primeiro que nos sorprende é o reinado da bicicleta. Por moito que tiveramos escoitado falar diso, independentemente de vir dun país de costas e chuvias a outro onde o outeiro máis elevado (Yding Skovhøj) ten 172 metros, nunca imaxinamos até que punto todo está subordinado nos espazos públicos e compartidos á bicicleta. As beirarrúas, os aparcadoiros e as rúas están ao seu servizo e os que por elas camiñamos estamos sometidos ao seu dominio. O imaxinario progresista pode seguir a alimentarse destas impresións, e para gostos as autoestradas sen peaxe, e se iso nón fose suficiente sempre lles quedaría Christiania, un auto-proclamado territorio autónomo de aproximadamente 850 residentes, cubrindo 34 hectáreas no municipio de Christianshavn na capital dinamarquesa. Alí o cánabo é permitido, case podíamos dicir obrigatorio (abonda con respirar) e a autoxestión comunitaria é total. Que máis se pode pedir?. Certo que non é niso no que pensou a nosa tradición nacionalista cando poñían a Dinamarca como exemplo do seu cooperativismo, mais por que non participar da admiración que a través da “Sexta” e do seu mundo se propagou sobre esta terra.
Quizais un certo pesimismo antieuropeísta nos leve a sospeitar de que hai gato pechado. Mais, co papanatismo que aquí se promove, tan dados a copiar, porque non ter este modelo como exemplo? Mellor que os USA non?
Na visita obrigada a “Sereíña” lembramos a copia dos de Sanxenxo que quizais non souberan que xa tiñan en Portonovo un referente do barrio turístico principal da capital do país que tamén se chama así (Nyhavn en Danés). Os do goberno municipal de Sanxenxo descoñecen o que teñen e importan o que coñecen. Con todo seguramente non saiban a historia desta Serea tan particular que quizais nos amose que non é ouro todo o que reloce. Esta estatua é a que recibiu máis atentados e sobre todo decapitacións de todos os monumentos do país. Seguramente aqueles que simplemente amputaban algún dos seus membros fose desde o cariño, mais outros con dinamita non creo que tiveran esa intención. Nin que fose pintada de rosa nin o “consolador” que lle puxeron vén agora a conto comentar. Mais quero quedarme con outros máis simbólicos. Cando no 2004 é vestida con Burka ou no 2007 con velo. Algún transfundo terán estes feitos?
Polas rúas de Copenhague case non atopamos carteis políticos agás algún de solidariedade con Gaza, polo que non se pode deducir a simple vista os debates internos que teñen. Series televisivas como Forbrydelsen/The Killing ou Broen/Bron/Ponte xa nos achegaron as tripas desta sociedade que na ficción política Borgen mesmo son aireadas formalmente. Dinamarca é hoxe un puntal das misións da OTAN e non queda excluída das viaxes da CIA nin das bases americanas. Non é unha illa no político aínda que si no xeográfico a súa capital. Está no mundo e tomou partido. E no fondo sábeo e ten a mala conciencia do que dubida se a súa esplendorosa felicidade só se sostén sobre a fráxil base do suborno xeneralizado a unha sociedade que en canto deixe de percibir o subsidio mensual e vexa perigar o seu idílico modo de vida no que está instalada pode deixar estourar o monstro que leva dentro e que só de cando en vez as paga coa “sereíña”. Non somos quen para dar consellos aos daneses. É ven certo que temos moito que aprender deles, como de todos. Por exemplo, eses da “Sexta” que viaxan alí para presentarnos o paraíso progre porque non contan do proceso que se está a vivir na Groenlandia ou nas Illas Feroe. Groenlandia camiña cara a súa independencia e isto está asumido en Dinamarca que esta rexión autónoma cada vez adquira máis competencias até que esta sexa un feito. Porque non informan nos medios de que Groenlandia, no 1985, cando o Estado Español entrou na CEE, foi o único país na historia da Unión Europea que a abandonou. Iría contra o dogma de que ninguén pode saír da UE, que ningún territorio se pode independizar dos Estados nos que están, sobre todo coa axuda do propio Estado que o domina. Prefiren seleccionar os datos illados que nos transmiten. Construír os estereotipos, conducirnos en definitiva a ignorancia. Empezan por lograr que no saibamos nada dos outros e ao fin logran que non coñezamos nada de nós mesmos. E despois escandalízanse porque o que está pasando sexa produto de que coñecemos moi pouco. Como se eles non tiveran ningunha responsabilidade de que isto aconteza.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.