Caderno apócrifo da pequena defunta de Eduardo Estévez: unha solvente liña de soños

Caderno apócrifo da pequena defunta de Eduardo Estévez: unha solvente liña de soños


Caderno apócrifo da pequena defunta é un libro fantasma, case remoto, onde os recordos e as insolidarias lembranzas son quen de arrastrarnos por angostos camiños onde circulan indefinidamente as imaxes que compuxeron todos os días da nosa existencia, da real, da imaxinaria e da onírica.

Atopámonos cun conxunto de poemas amorfos na súa construción pero que mostran sobradamente as intencións. A súa estrutura, lonxe dos formalismos, fuxe conscientemente cara uns definidos trazos que provocan un enfrontamento real, por veces asombroso. Véxase como mostra este pequeno poema cheo de intencións e significado:

As miñas palabras
o meu cansazo
e sede o meu rostro
nos espellos
o silencio.

O incrible desta obra é a facilidade coa que transmite, historias, liberdade, abandono, ao tempo que a mínima oratoria faise entender dun xeito tan maxistral como sorprendente. Despedidas que fican no aire sen producirse definitivamente, aquilo todo que permanece, eternamente, por facer, as voces solitarias declamando unha inacabada canción, etc, son parte deste fermoso camiño que conflúe nun veredicto tan próximo ás vidas como a luz que non esperta. Hai algo que recoller deste libro, hai historias, contido, non se trata doutro campo baldío cheo de formalismo e modernidade.
Outra mostra é este poema corto para que vos entre, cando menos, a curiosidade:

Nunha rúa de noite
naquel pranto
limpo e distante
entre as columnas dunha igrexa gótica
nun bar portuario
vinte e catro de decembro
nas palabras
que non deixaches.

En definitiva unha cosmogonía intanxible onde se mestura de forma totalmente acertada o sabor rancio da memoria cos desexos abertos por riba da súa prolongación á realidade ou, case que, á necesidade. Os trazos sobre os que salta continuamente dentro dun mesmo poema son en verdade esa maxia que debemos perseguir sen abandono, a meta albiscada sen temor algún ao resultado. Navegar de corrido por estas palabras fan que todo exista e se mostre cunha conexión tan forte como real dándonos continuamente ese bebedizo que nos mantén vivos, con sorte, intelixentes.

Caderno apócrifo da pequena defunta é un agasallo que non podemos deixar de gozar, un pequeno alivio a esta mentolada e edulcorada remesa de palabras inservibles que non deixan chegar ao fondo das historias, xa que, en realidade, non existen. Aquí podemos construír canto nós queiramos, a palabra é nosa, a historia tamén. Fagamos logo unha canción inesquecible da nosa propia asunción. Pensemos e actuemos.
Caderno apócrifo da pequena defunta, foi publicado no ano 2.003 por Edicios do Castro, resultando, así mesmo, gañadora do XV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.