Bouza, louza e touza: unha chamada desde o fundo dos tempos
Estas tres palabras e as súas variantes son responsábeis dun sinfin de nomes que decoran a paisaxe toponímica da nosa Terra.
BOUZA
O primeiro que se nos ven á mente é a parroquia de BOUZAS, un dos bairros fundadores da cidade de Vigo e a avenida das REBOUÇAS, unha das arteiras mais importantes da megápolis brasileira de Sao Paulo.
BOUZABOA, BOUZABALADA, BOUZAVELLA, BOUZADA, BOUZAMELLE, BOUZAMONTE, BOUZARICAS, BOUZAPANDA, BOUZARREDONDA, O BOUZO, BOUZÓN, BOUZÓS, BOUCÍA, etc,... son parte das infinitas variacións que admitiu a palabra BOUZA no seu devalar polo tempo e pola Terra.
Estas son parte das acepcións que recolle o dicionario de Estravís:
(1) Terreno cercado em que crescem árvores de várias classes, como pinheiros, castanheiros, carvalhos, e por debaixo tojos, urzes, matas, etc.
(2) Terreno que está a monte. Devesa. Terra inculta convertida em matorral e cheia de maleza.
(3) Terreno de monte preparado para sementar centeio.
LOUZA
Ir á LOUZA , en Culleredo, era ir ao monte e recoller toxo, xestas, carrascas e todo tipo de vexetación para os diversos usos da explotación agrícola.
A palabra suxírenos lugares como, LOÚZARA, LOUZARELAS ou LOUCÍA, terra natal do noso querido Bautista Álvarez.
No dicionario referido, a entrada LOUÇA aparece definida así:
(1) Conjunto de tojo, silvas, fentos, etc., com que se cobre o chão das cortes para fazer estrume: um carro de louça. Molime.
(2) Bravádego, chantoeira, viveiro. Vara tenra de castanheiro com que se faz o arco da pipa.
TOUZA
(1) Mata espessa de plantas e pouca altura. Sítio abundante em ervas más e arbustos. ≃ touçal
(2) Campo composto por carvalho baixo e tojo.
(3) Devesa de carvalhos. Chouso.
Esta palabra é a base do nomeadeiro de lugares como , TOUZA, TOUZAL, TOUCEDO, TOUCEIRA ou TOUZÓN que aparecen en cuase todas as parroquias galegas e por tanto son a base de gran cantidade de apelidos galegos.
Á vista da información que a lor de estas tres palabras nos fornece o diccionario de Estravís: BOUZA, TOUZA e LOUZA, designan, dependendo das diversas bisbarras do País, conceptos bastante semellantes.
O mesmo significaba, facer A BOUZA que ir” á TOUZA” ou” á LOUZA “, pois sempre foi o traballo de rozar, rapar e acumular o estrume ou molime, utilizado sobor de todo para estrar as cortes e logo facer o esterco imprescindíbel para fertilizar as veigas, ou, como combustíbel nas lareiras.
Esas duas funcións: fertilizar a terra, e aquecer os fogares, fixo que os montes galegos fosen o elemento base do sostimento da nosa poboación rural e da superior densidade demográfica do noso País con relación a outras partes da Península.
Escrebía o P. Sarmiento no ano 1.758:
“El Reino de Galicia, según el último cálculo, tiene el doble de almas de comunión que todo el principado de Cataluña. Este tiene 413 mil almas y Galicia 848 mil.”
Esa masa vexetal que vemos arder impunemente nos veráns, e que é a dor de cabeza da Administración así como o escoadoiro de enormes sumas gastadas en medios contraincendios como helicópteros, persoal, etc…
O que hoxe, para os nosos administradores é un grave problema; era para os nosos devanceiros unha enorme riqueza de cuxo aproveitamento dependían a colleita e mais o aquecento familiares.
Onde están as alternativas dos flamantes inxeñeiros de montes, dos químicos das nosas universidades, para conseguir que o que foi riqueza en tempos pretéritos sígao sendo nos tempos de hoxe.
Claro que haberá que aplicar as tecnoloxías e as técnicas de hoxe!
Outro negócio é o da orixe destas palabras tan ricas e productivas na nosa lingua e toponímia.
Para BOUZA, polo intre, imos adoptar a etimoloxía que propón GONÇALVES VIANA, como procedente da voz latina BALTEUS, no significado de algo que “ciñe” ou “rodea”.
De TOUZA, xa o entendía así o P. Sarmiento, entendemos proceder do verbo latino TONDERE; unha terra TONDEA ou TONSA sería o equivalente a terra “rozada” ou “rapada”.
Ten tamén o mesmo significado que DEVESA, ou sexa “terra delimitada, demarcada ou defendida por un valo “.
Para LOUZA recurrimos ao verbo latino LEVIGO, que malla na mesma idea de “pelar”, alisar ou “pulir” a terra.
Terra LEVIGATIA > LEUIAÇA > LOUAÇA > LOUZA.
En fin, tres palabras que inciden no popularísimo tema da roza do monte; laboura que, dada a sua importancia económica no noso Pais, debeu ser dito con variadísimas nominacións, todas elas responsábeis da abundantísima toponimia relacionada.
As noso monte coas súas humildes xestas, toxos, carqueixas e codesos foi quen de suster unha abondosa poboación durante séculos comparativamente maior que a de outros territorios do Estado.
Hoxe, nas mans destes marulos que gobernan o noso País estamos asistindo ao desaparecemento da agricultura e da poboación.
De ser o dobre que Cataluña no 1.758 debemos estar xa na terceira parte dos habitantes do país mediterráneo.
Toda a masa forestal dos montes, que para os nosos devanceiros foi unha riqueza, é para os gobernantes de hoxe un quebradeiro de cabeza e un problema costosísimo.
O abondoso da toponimia nistes temas de rozar e rapar o monte semella como un chamadeiro que se nos fai desde o fundo do tempo, avisándonos de que, no aproveitamento dos nosos montes e mares ,estará o digno futuro da nosa Terra.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.