Barcias e Barcielas: antigos nomes dos humedais galegos
Nun libro que sempre temos de referencia; “Toponimia de Marin”, de Eligio Quintas Rivas, depois de revisar varias descripcións que inciden en que, unha BARCIA é : un terreno comunal, de gran extensión, ou que está á beira dos ríos e que se alaga nas enchentes, o autor decide que a millor definición sería :
BARCIA ou BARXA : “terreno bajo que se inunda”, sea comunal o no, grande o pequeño.
Coincidimos en que esa sexa a definición mais axeitada para o que é unha BARCIA, pois pensamos que pode ser comunal ou non, pode ser grande ou pequena e ainda cremos que non teñen que estar necesariamente á beira dos ríos, ainda que, en moitos casos, sí o están.
O que é definitorio é que sexa un terreno alagadizo.
Recolle logo, o autor, un feixe de documentos medievais onde aparecen referencias a este tipo de terreno: Ano de 885 :”subtus ecclesiam in ipsa varcena”Ano de 928: “ ipsum locum cum suas varzenas"Ano de 1107: “vaccas quantas habemus in varzena…in illa vargena” Seguindo co estudo do prof. Eligio Rivas, infórmase-nos de que a orixe da palabra é controversa:A palabra tamén aparece nos topónimos casteláns como, BÁRCENA.
“Mz.Pidal señala un substrato común no bien determinado, acaso ilirio”“Gª de Diego e Corominas, que derivan *vargina de “margina” por “margine”.“J.M. Piel, que establece un prerromano *barcena.
“H. Janner piensa en *locum virginem.“Para Hubschmid, Barxa, Varzena “veiga”, tienen origen en (i)bar (cf.vasc. ibar “orilla de rio, valle, vega”).
“Garvens sigue a Hubschmid, pero se pregunta si “ibar” no tendrá relación con el medieval “barum ”( orilla, prado de ribera).En Burgos, bárcena es “pradera, terreno bajo junto a los ríos”. Para el gallego los pasos son perfectos desde:*Bár-k-ena > bárθena > bárcea, barcia (cf. lat. fakere > facer )*Bár-k-ena > bárγena > bárzea > bárxia, bárxa (cf. lat. fakere > faguer ).
Até aquí, a escolma que fixemos da entrada “BARCIA” do citado libro da TOPONIMIA DE MARIN.Almeida Fernandes, na sua TOPONIMIA AROUQUENSE, entende “ VARZEA, lat.varcena de origen pré-romana, céltico barc, barg no sentido de depresao, concavidade, ou seja, topográfico em relevo ou forma deste.”
O que é unha BARCIA está claro na definición anterior; terra alagadiça, na que con pequenas diferencias, todo o mundo concorda.
Como vemos , a orixe da palabra, lévanos, dependendo dos autores, a moitas diferencias; os mesmos escribas medievais non coinciden no xeito de escrebela , o que indica que, tamén iles, descoñecen a orixe da verba.
Os que a entenden como unha “pradeira á beira dun rio”, ensaian o latin MARGINE, ou o vasco IBAR á hora de procurar a sua orixe.
A idea de proceder dunha MARGINE parécenos procedente para chegar á BARXA galega ou á BÁRCENA castelá, sobre todo se reparamos en escritos medievais que falan de : 970 “suas varzeas de ambas partes”.
Isto levounos a matinar se o -B- de BARCIA non procedería dun -M- latino, ainda que a norma xeral é que o -M- inicial latino, manténse ao pasar ao galego.
Nos bares de Cangas, ofertan “ovas de peixe” como un petisco do mar; nós sabíamos que os mariñeiros sempre lle chamaron BRAGADA ou MILLARADA. Pensamos o porqué desa BRAGADA ; e chegamos á conclusión que dado que son as parte moles do peixe,( as MAGAS); tal palabra debería proceder de MAGARADA;MAGARADA > BAGARADA > BAGRADA, e daí, a BRAGADA.Tamén suspeitamos doutros casos onde o - M- inicial deu en -B-, velaí, BRÉTEMA, procedendo de MARÍTIMA, como aceitan ilustrados filólogos. Nós, tragueríamos a conto a idea de BÁRCIA como, agua parada, prado alagado, independentemente se está a beira do rio ou non. Para explicar esta idea temos no latin a palabra, MARCIDA, co significado de, podre, lánguida, estancada; AQUA STAGNA. A evolución á nosa língua sería do mais natural: Un lugar de, AQUA MÁRCIDA > MÁRCIA > BÁRCIA E para o castelán poderia ser: AQUA MÁRCIDANA > MÁRCEANA > BÁRCEANA > BÁRCENA.
A sensación que temos, ao estarmos tripando unha BÁRCIA, é a de que pisamos un tipo de terra enlamada, enchoupada, dunha água medio podre, ou , como dí o diccionario, “lánguida” ou “stagna”.
Así, desde a lóxica de ser unha BARCIA un terreno de agua estancada, e de que a palabra latina axeitada a esta expresión sería, AQUA MÁRCIDA, sairía a explicación da orixe de esta verba, sen precisar de recurrir ao prelatino nen a outras teorías.
AQUA MÁRCIDANA > CA- BÁRCENA > CABÁRCENA, e velaí a orixe nome do sonado zoo en semilibertade, nas terras cántabras, onde o primeiro que vemos ao chegar son duas lagoas ou BÁRCIAS , en terras baixas e alagadas.