Até sempre Berrogüetto

Até sempre Berrogüetto

Son desas persoas que asimilo unha determinada época á música que escoitaba neses intres e por iso que a memoria resulta, quizás, produtiva. Lembro con orgullo aquela serie da televisión galega que dera un salto cualitativo e con rotundo éxito espertara nas nosas cabezas e corazóns un ánimo incalculable cunha mestura de humor, sensibilidade, paixón, lembranzas e, porque non, filosofía, chamada “Mareas Vivas”. E alí, incrustada como unha lapa na mais fermosa das virtudes estaba a música dun grupo que para moitos era a primeira vez que o escoitábamos, Berrogüetto.

E non foi froito dun día, nin marca perecedoira á que arrimarse cando os ventos sopran a favor senón que xermolou cos nosos pasos ao longo dunha existencia que aínda que agora semella escasa é a axeitada. Posteriormente tiven a ocasión de velos en directos unhas cantas veces e a emoción seguía a confundirme entre as pequenas brumas xurdidas polos pasos dos corpos. Tiven a ocasión de comprobar que utilizaban algo que a moi poucos grupos lle tiña visto, dúas gaitas a tocar xuntas e iso era un berro sublime que non podía deixar de engadir á miña existencia. Evidentemente Milladoiro e Leixaprén foran partícipes desta aventura no seu día (posiblemente máis xente, pero desculpade a miña ignorancia ) e esa amalgama de sons foi collendo sintonía até trasladarse a outros instrumentos como o violín e facer desta práctica un sinal de identidade que nunca morrerá como as postas de sol ou os areais sobre o noso vento. Navicularia, esa “memotecnia” asociada ao noso, á nosa forma de vivir e sentir debería pasar aos anais da consciencia colectiva como un xeito de asociar música coa nosa morriña (tamén temos dereito a presumir dela) e coa alegría que desborda nas súas cancións máis soltas, máis festeiras. Berrogüetto namoroume pola súa presenza, por ser quen de transmitir enriba dun escenario o ruído das ondas nos recordos e a terra baixo os pes, por ser fillos destas lúas que nos abrigan como amante eterna.

Sentir no seo da ignorancia musical que se está a facer algo distinto, algo profundo e serio, saber sen saber que tes nos teus oídos música con músicos é privilexio de poucos. Eles conseguírono e con eles permanecerei até o eterno riso destas cidades e pobos que tanto o merecen, farei presenza na memoria para retardalos canto poda e saberei que na distancia que existe entre a súa presenza e a súa ausencia non hai oco posible. Eles e elas formarán parte do importante, da mudanza imberbe das follas no outono mentres reben as luces e florecerán nas primaveras máis fértiles para non asomar nese ímpeto salvaxe de ficar na tristura. Serán cómplices de calquera gaita que se derrame na aldea máis remota ou vértice da maior ovación aínda por vir.

Berrogüetto, temos esa sorte, vivirá alén deles mesmos e por separado ou na hemeroteca dos nosos pavillóns auditivos ameceran cantas veces queiran para sorber esa alquimia nacida pola súa xenerosidade, polo seu bo facer.


Longa vida Berrogüetto