Asociacións culturais. Resistir e avanzar
Nos últimos anos da ditadura, poñamos dende 1961 ata 1975, xurdiu un movemento cultural de resistencia antifranquista que non só tiña un compoñente nidiamente democrático senón tamén e fundamentalmente de recuperación nacional galega. Fóronse creando diversas asociacións culturais que tiñan como norte a defensa da lingua e da cultura galega no contexto dunha represión constante e sistemática. Entre outras, salientamos:
- O Galo, Santiago, 1961
- O Facho, A Coruña, 1963
- Asociación Cultural O Castro (Padre Seixas) Vigo, 1965
- Asociación Cultural de Vigo, 1966
- Amigos da Cultura de Pontevedra, 1967
- Auriense, Ourense, 1967
- Abrente de Ribadavia, 1969
- Francisco Lanza de Ribadeo, 1972
- O Eixo de Santiago, 1973
- Sementeira de Viveiro, 1973
- Os Cigurros da Rúa de Valdeorras, 1973
- Os Choupos de Verín, 1975
- Lumieira de Carballo,1975
Considero que é importante historiar este amplo movemento cultural, non só pola importancia que tivo no seu momento senón tamén como lección para hoxe. A sociedade civil, á marxe dos distintos poderes públicos, ten que estar atenta, vixilante e reivindicativa na defensa da nosa columna vertebral como país que é a lingua e a cultura. Foi un erro do nacionalismo e do galeguismo, ben por falta de visión política ou por desidia, abandonar o tecido cultural que tanto custou erguer nos anos da ditadura. Logo viñeron tempos acomodaticios, pensando que dende as institucións oficiais se ían resolver moitas das cuestión básicas do noso país.
,
Un dos lugares onde iso non pasou foi Carballo de Bergantiños. No curso 1973-74 creouse dentro do legal Fogar da Xuventú (Centro parroquial de Carballo), un grupo nacionalista chamado "Nós". Este grupo en 1975 decidiu formar a propia Asociación Cultural que lle dera máis independencia, e así naceu a Agrupación Cultural Lumieira. Un lume que prendeu e non se apagou nin sequera nos anos máis difíciles en que distintas Asociacións Culturais esmorecían por inanición.
Teño diante miña algúns documentos do Goberno Civil, de 1975, onde se da conta dalgunhas prohibicións de actos culturais. Vexamos.
-28 de febreiro, conferencia de Méndez Ferrín sobre O pensamento rexional no século XX. DENEGADA
-7 marzo, conferencia de López Suevos: A crise da sociedade rural galega. DENEGADA
-18 de abril, conferencia de Manuela Fraguela Seoane e Xulio Beiras Torrado, A seguridade social agraria. DENEGADA
Tampouco se puideron celebrar mesas redondas sobre a Industrialización nun caso e sobre a Educación noutro. Tamén podo ler no mesmo documento que non se puido levar a cabo a conferencia de Lois Diéguez: O patriotismo na obra de Ramón Cabanillas.
Neste curso a penas puidemos celebrar algún recital de poesía, con certas censura, así como o recital de música a cargo de Antón Seoane, Emilio Cao e Rodrigo Romaní (20 de marzo 1975) pouco despois logo da presentación o 2 de marzo en Compostela do Movemento Popular da Canción Galega. Tamén lembro ( 25 de abril) que se autorizou unha conferencia sobre Os Irmandiños que pronunciou Pilar Rey Pousada, na que había varios sociales entre o público tomando notas (in) discretamente, incluso dos que participaban no coloquio.
A Agrupación Cultural Lumieira con xente moza e xente que proviña da II República foi capaz de ir conquistando espazos á marxe do poder. Organizou e promoveu infinidade de actos culturais, fundou unha revista
A Regueifa que dou posibilidade de expresión a moita xente con inquedanzas culturais, incorporou a un amplo tecido social ao seu redor, dende concursos de pintura para nenos ata grupos de teatro. O actual e prestixioso Outono de Teatro de Carballo no xurdiu por xeración espontánea.
Prendéronse tamén outras lumieiras que seguen ardendo cunha clara chama azul e branca.