As verbenas do país: entre o posíbel e o indesexábel (II)
Na primeira parte da que pretendeu ser unha inicial e moi persoal achega ao microcosmos das verbenas do país facíamos referencia a un eido caracterizado polo seu grao de españolización tanto na forma como no fondo do espectáculo, dunha parte, e por ser tamén representativo, en non poucas das súas expresións concretas, duns valores abertamente machistas, xenófobos, homófobos...e antagónicos ao que obxectivamente se debería entender como expresión cultural, por moita adxectivación ou matiz que queiramos apor. Falábamos tamén da grande oportunidade perdida que para a nosa cultura musical, nas máis variadas expresións e estilos, supuña que hoxe o "universo" dos festexos populares estea completamente tomado por unha única maneira de entender a "festa", a da música considerada "comercial"; e que o enorme potencial de futuro que supón termos un país de músicas e de músicos sexa, de facto, excluído do campo da festa e fique reducido á "oportunidade "de dar por pura casualidade cun concello ou unha comisión disposta a apostar por unha programación diferente. Falábamos, por último, de que no medio dun panorama moi desolador e decadente hai excepcións honrosas e, aínda que ás veces o gran público non o perciba, un moi alto nivel musical nos cadros das orquestras; mesmo unha formación académica que só ve saída nestes conxuntos.
Quixen deixar a mantenta para unha segunda reflexión a cuestión dos usos lingüísticos das orquestras, tanto no que ten a ver co repertorio musical como nas súas interaccións co público, no momento da festa, ou mesmo nos soportes escritos que poidan empregar (publicidade, materiais á venda, etc). É, sen dúbida, a parte máis visíbel e audíbel da españolización evidente na que se moven a práctica totalidade dos conxuntos musicais -de orixe e asentamento galego -que se moven nas nosas festas; da mesma maneira que en condicións de normalidad sería ao contrario: a expresión "externa" do compromiso ou, simplemente, da incardinación destas orquestras na cultura do país comezaría polo uso do galego.
Mais, hai galego ou non hai galego abaixo, entre o público, e arriba, nos escenarios? Certamente si. Sobre todo, abaixo: o fenómeno das verbenas, aínda que tamén existente no mundo urbano desgaleguizado, é característico do rural e, ademais, é doado comprobar en case calquera lugar que para un público moi maioritariamente galegofalante. As orquestras isto sábeno. Porén, como se comportan perante unha realidade lingüística que non descoñecen? As máis, nos momentos de interacción co público, o que fan é alternar harmonicamente galego e español -variando bastante en función da composición do público que perciban (xente maior/xente nova) e, sobre todo, do lugar en que actúen (comportamento lingüístico diferente -aínda que sexa parcialmente -dependendo de se a contorna é máis urbana ou máis rural). Na práctica, todas -case sen excepción que, cando menos, eu coñeza -reproducen os clásicos esquemas diglósicos ou de distribución desigual de funcións: para as cousas "importantes", para as "modernas", para dirixirse á xente máis nova, ás cativas e cativos, etc, úsase sen máis o español, no entanto para as brincadeiras co público máis vello, para os temas folclóricos...úsase máis o galego. Non é allea tampouco a algúns conxuntos dos que percorren as nosas festas, por exemplo, a distribución de uso lingüístico en función do xénero: o home fala ao público en galego, mentres a muller faino en español. Este verán, de feito sorprendeume que unha orquestra -coido que a Foliada -fixese xusto o contrario.
O uso natural ou espontáneo do galego, que nalgúns casos si se podía dar, está a recuar tanto en termos de repertorio -moitas orquestras, a diferenza de hai uns anos, xa case non incorporan temas clásicos da música festeira en galego ou dos nosos cantares populares e moi poucas son xa as que acaban, como en tempos, coa Muiñeira de Chantada -como tamén na interactuación coa xente. Poño de exemplo unha orquestra tan coñecida e en auxe como a Panorama: calquera que seguir as súas actuacións desde hai tempo pode comprobar, a pouco que reparase, como hai uns anos os dous solistas masculinos adoitaban empregar case en exclusiva o galego -ben é certo que nunha variante híbrida co español -e desde hai uns anos xa incorporan moito máis a lingua de Castela.
Aínda non sei de ningunha orquestra -das máis vellas ás máis novas que se van formando -que faga unha aposta decidida polo galego, mais si de experiencias abondo coñecidas que están a traballar, con excelentes resultados musicais e de público por certo, na fusión coa música, ímoslle chamar, verbeneira: refírome a grupos como Lamatumbá, O Sonoro Maxín, A Banda Potemkim ou os Festicultores, que che montan unha boa festa onde queira que van. E sempre ou moi maioritariamente desde o galego. Se cadra, están chamados a ser os dignos continuadores dos Pucho Boedo, Prudencio Romo, Sito Sedes ou Ana Kiro, que apostaron por cantar en galego en tempos ben difíciles, no que ao cabo foi unha aposta decidida pola normalización na súa xusta definición sociolingüística (por máis que, probabelmente, ningún deles a estudase nunca). Tamén no campo da festa, ao que se ve, na mestizaxe e na fusión pode estar o futuro.