As redes sociais e a sociedade. Mundos paralelos?

As redes sociais e a sociedade. Mundos paralelos?

Galiza, 2011, o Goberno do Partido Popular asfixia aos servizos públicos na Galiza, o goberno do PSOE, en España, segue os mandatos dos, para min, descoñecidos, mercados. Centos e miles de rapazas e rapaces (e non tan rapaces) manifestan a súa disconformidade nas redes sociais, pero se obviamos o movemento 15M (xa tratado nesta publicación por outros autores), só nas redes sociais, chega con isto?

Penso que non, as redes sociais son un grande complemento aos medios de comunicación sobre todo nun país como o noso no que estes parecen medios estranxeiros, pero como medio de protesta quedan curtos, explícome, por moito que pensemos que as redes sociais chegan a todo o mundo isto é certo a medias, xa que esquecendo que no rural galego esta universalidade queda moi en dúbida; e esquecendo tamén que a alfabetización informática dos nosos maiores, e non tan maiores, non é todo o boa que debería ser, aínda así non todo o mundo ten perfís nas redes sociais, e aínda máis, non todo o mundo ten internet.

Nestes momentos estamos vivindo moitos de nós en dous mundos paralelos que só de vez en cando se atopan, un reivindicativo, activo, participativo e outro individual e submiso e no que sempre temos algo que facer para non participar, reivindicar... Non creo que faga falla dicir cal é cada un deles.

Nestes momentos é máis necesario que nunca que a sociedade desperte, pero o despertar non pode ser só nas redes sociais, as redes sociais son un nicho, un mundo paralelo que non pode servirnos de parapeto ou desculpa para non participar nas protestas reais, na sociedade real.

Nos meus comezos en internet ao redor do ano 95 o que máis se usaba para comunicarse eran os chats de IRC e os grupos de novas (usenet), comezaban a xurdir os foros das páxinas (aínda perduran, morrendo pola forza das redes sociais).

Tamén nesa época vivíamos nun mundo paralelo, o noso era aínda peor, pensabamos que eramos pioneiros, especiais... e até nos desgustaba que todo o mundo comezase a ter acceso á rede, cantas veces lin, e seguro que algunha escribín, que os chats xa non son o que eran, que se nos grupos (de fotografía, de informática, de motor, de viaxes...) agora xa non é como antes, que calquera opina e comenta sen ter nin idea... en fin o dito sentiámonos especiais e diferentes, claro está sen selo.

Aclarado o que penso das redes sociais falarei agora un pouco deste mundo paralelo que xa ten 3 ou 4 barrios que de perdurar, farán que a información comece a estar dividida, e que cada un volva a estar só ao día do que pasa no seu barrio, descoñecendo o que pasa no veciño, aínda que durante un tempo volvamos ao barrio ou aldea onde nos criamos para ver que se conta, co paso do tempo deixaremos esta aldea ou barrio para só "vivir" na nosa aldea, que claro está, para nós, será a mellor.

As redes sociais naceron non nos enganemos co Facebook, hai outras redes anteriores, pero quen se acorda delas ou quen as usa. Despois chegou o que para min é a mellor, Twitter, pouco despois coñecín unha rede galega, Cabozo.com, e agora o último, e non sei se derradeiro, intento de Google, o Google Plus. Seguro que moitas e moitos dos que estades lendo dicides falta x ou y ou z, claro que si, como mínimo non podo deixar sen nomear a rede profesional LinkedIn ou o Ping de Apple. Ahh, e está ao caer, con filtracións incluídas unha nova rede social, a de Microsoft.

Deixo a parte unha rede social na que seguro que moitas e moitos de vos xa estabades pensando Tuenti, que é o exemplo máis claro de especialización das redes sociais, quen coñece a un adolescente sen Tuenti?

Analicemos moi por riba as 4 primeiras.

De Facebook que podo dicir, pioneira pero moi complicada, cantos somos capaces a publicar algo para só un grupo determinado, cantos estamos seguros de que información compartimos con cada quen... Agora ben ou estás en Facebook ou non estás nas redes sociais.

Para min Twitter é a mellor, pero claro, todo é cuestión de gustos, ten unha limitación que para min é o que a fai diferente, só podes escribir mensaxes de 140 caracteres. Agora ben xa admite ligazóns, imaxes (pronto desde o seu propio servidor)... Ademais haberá que ver que da de si a "asociación" co novo iOS de Apple.

Google Plus é a última en chegar e polo tanto copiou e mellorou, pero pode gustar ou non, na miña opinión é un "Facebook para tontos" (recordade a serie de manuais de informática) aínda que ultimamente estou lendo bastantes opinións que din que a quen máis dano lle vai facer é a Twitter. Repítome eu o vexo con un novo Facebook.

Deixo para o final a Cabozo.com unha rede social galega e en galego, que ten máis de tres mil caboceiros, como eles gustan chamar á xente que utilizamos esta rede. Cabozo ten un taboleiro similar en esencia ao Twitter, pero cada usuario ten o seu, e unha sala de chat para falar en directo cos Caboceiros, pero un chat á antiga usanza, todos nos poden ler. Ahh, xa o esquecía, ten desde fai moito tempo vídeo chat, ou vídeo conferencia, cousa que parece que acaba de descubrir Facebook. Tamén integra grupos de usuarios e xeolocalización.

Agora unha pregunta que recorda a primeira parte do artigo, quen vai ter tempo para estar activamente nas 4 redes (digo 4 posto que os adolescentes xa teñen claro o seu barrio, Tuenti) ou cinco cando chegue Microsoft, penso que ninguén, polo que ou se van diferenciando no uso ou se diferenciarán na xente que as usa, co cal xa non teremos dous mundos paralelos senón varios mundos paralelos, non me atrevo a dicir se será bo ou malo, pero o que é seguro que que o vai ser.

Para rematar o artigo non podo deixar de dar a miña opinión sobre o anonimato na rede, e é, para moitos seguro que politicamente incorrecta, que non debería existir nas redes sociais e foros, mentres que debería estar garantido en canto á navegación e o correo electrónico, pero este xa é tema doutro artigo... Se cadra.