As penas e as ínsuas "dos namorados"

As penas e as ínsuas "dos namorados"

Coñecemos dous lugares chamados de “PENA DOS NAMORADOS”; un no meu Carballiño natal, situada nunha íngreme gorxa por onde se despenan as augas do Arenteiro que coa súa forza moveron noutros tempos as mós do chamado Muíño das Lousas.

O outro lugar é un tremendo penedo, semellante a un dolmen natural, que sobrancea nas terras de Ponteareas cinguido dunha fermosa lenda dos amores entre unha doncela e un cabaleiro.

As ÍNSUAS DOS NAMORADOS, son una deliciosas paraxes que circunda o río Ulla ao seu paso por Ponte Lédesma, enfeitadas con fermosas referencias ao seu ilustre veciño, Neira Vilas, que reside no próximo lugar de Gres.

Estamos certos de que algún lector distas liñas aínda poderá dar conta de algún lugar mais que luza un nome semellante por outras zonas do País.

Noutros escritos aquí, mantivemos a teses de que os sentimentos psicolóxicos, por individuais,non crían topónimos; porque a toponimia require un asentimento social; en consecuencia sostivemos que nomes como MONTALEGRE ou MONTE do GOZO, nada tiñan a ver, na súa orixe, co sentimento de ledicia, do mesmo xeito que RIOBÓO e RIO MAO en nada facían referencia á “ bondosidade” ou a “maldosidade”.

Pola mesma razón, ao feito de ter estado “namorado”, por ser una situación persoal, non lle debe aquecer ter un lugar na Toponimia.

O namoro e mesmo o feito de escoller parella até o Romanticismo foi mais ben un acordo social e familiar que un acto individual e persoal.

Non nos parece que en antigos tempos,onde as relacións sociais estaba tan condicionadas pola relixión e as familias, tivesen os namorados un lugar especialmente a iles adicado.

Focalicemos pois a cuestión cientificamente, ou sexa, de xeito “materialista histórico”; e tratemos de enxergar a necesidade social que provocou que certos lugares do país lucisen o apelido de dos namorados”.

A chave xurdeo da lectura da entrada AMORADO,no antigo dicionario portugués, chamado de Viterbo. (Cito decorando): “ …e fulano de tal AMOROUSE, porque matou um juiz…”

Estannos a dicer que o tal suxeito, non é que se namorase, senón que ao “amorarse”, fuxiu da súa casa, da súa morada, da moradía, como falan aínda os portugueses.

O estatus social de “amorado” era o de un fuxido da xustiza, escapado da xurisdición onde podía ser reclamado a render contas do seu delito.

Daquela había tamén igrexas “de refuxio” onde ninguén podía ser preso mentres estaba baixo o seu amparo.

Do mesmo xeito que un delito en Oklahoma pode non selo en California, na Idade Media habería diferentes xurisdicións e poderían zafarse da xustiza cunha fuxida a tempo.

Noutra deliciosa paraxe, O Salgueiral de Leiro, nas beiras do Ávia, nun escenario ben semellante ao citado de Ponte Lédesma, augas e amieiros, hai un lugar hoxe chamado de, O MISIEIRO; que nos retrotrae a un medieval HOMICIDARIO, ou sexa o ponto onde se acollían os homicidas.

Ás veces El- Rei recollía a toda esta xente “amorada” e “fora da lei” outorgándolle una carta de povoamento en lugares deshabitados, ficando os amorados redimidos como verdadeiros súbditos acollidos a carta-póvoa ou Foral.

Esta é a orixe de varias vilas galego-portuguesas que naceron de xeito moi semellante as ciudades australianas repoboadas con convictos británicos.

Había pois, xente que se “amoraba”por cuestións legais, pero debía haber outra xente que, aínda dentro da legalidade, tiña que “ amorarse” por razóns moi diferentes.

Eran os apestados, os “gafos” ou “malatos”, xente que tiña pillado una doenza contaxiosa e tiña que ser expulsa da súa comunidade.

Na saída de Pontevedra a´çinda se chama o río dos Gafos ao que baixa ao pé da capela de San Roque, santo avogoso dos apestados.

A Malatería de Ferrol ten a mesma resonancia, era a solución que se lle daba ao problema a nivel da cidade medieval; ingresalos en Gafarías ou Malaterías. Preguntei a un alumno de Aldán por que lle chamaban a Fonte Gafa, a una fonte do lugar, e respondeume que seu pai lle dixera que antigamente levaban alí a morrer os vellos.

Veunos a mente aquela escena do filme xaponés de, A BALADA DE NARAIAMA , onde, era tanta a pobreza daquelas aldeas que, cando seus pais eran vellos, os seus fillos collíannos ao lombo e deitábannos no monte á espera do seu finamento.

Ou mesmo tema da situación dos vellos sen protección en sociedades tan pobres como aquela tribo que aparece no filme UN HOME CHAMADO CABALO, onde a tribo deixaba morrer a unha velliña india que ficara sen a protección do seu fillo, caído nunha confrontación guerreira; estaba ás expensas de Richard Harris que personificaba un guerreiro que acabou dando á muller a protección que a tribo non era quen de darlle e evitando así a súa segura morte.

Cal non sería o drama de aparecer a peste nunha casa dunha aldea galega da Idade Media?

Qué facer co doente ? Se ficar na casa, corríase o perigo de estender o andacio non só ao resto da familia, senón á aldea enteira.

Acontecía que no hospital da cidade non o admitirían pois era só para os habitantes do burgo.

A xulgar pola toponimia, o que facían era “amoralo”, ou sexa tiralo da casa e instálalo neses lugares onde habería mais marxinados sociais, vivindo nunhas modestas cabanas colmadas de palla ou mesmo covas, iso sí, sempre ao pé de lugares con águas , como ríos ou fontes.

A bebida alí estaba asegurada, faltaba o pan.

No filme BEN –HUR escenifícase moi ben onde vivían os leprosos, e como os membros sans da sociedade deixábanlle comida en lugares próximos, pero suficientemente afastados para non contaxiarse.

Velaí pois, no noso entender ,a orixe dos topónimos de PENAS E ÍNSUAS DE NAMORADOS; nada a ver coa cuestión individual do namoro e todo a ver coa solución que a sociedade rural galega daquel tempo lle deu a dous candentes problemas sociais: os fuxidos e os apestados.