As “Mezquitas” da Galiza (ll)
Cando pasamos no “ferry” desde Ceuta e pisamos terra en Alxeciras, camiñamos por unha gran avenida que se chama “Avenida de los Almohades”; ningunha referencia atopamos na cidade aos esforzados ferroláns que comandados polo trobeiro Fernando Esquío descenderon cos seus barcos desde Neda para quebrar as cadeas do porto de Alxeciras e tomala para Castela.
Ao recorrermos Sevilla, non percibimos tampouco ningún recoñecemento aos galegos que racharon coas cadeas da ponte de Triana comandados por Paio Gómez Chariño, o que tomou Sevilla sendo de mouros, e celebraron logo a vitoria construíndo a ermida de San Cremenço na illa do Santo do Mar, perto de Bueu.
Triste destino o dos galegos, estar na Historia como carne de canón, sen levar os réditos e os méritos dos seus traballos. Músculo e sangue de criados de servir e mal pagos…. aínda por cima!
Que actual segue a ser o seu papel, á vista das últimas falencias das empresas e Caixas!
Mas sigamos o traballo que prometemos de fornecer unha vía propia para explicar os nomes das MESQUITAS galegas.
É nun documento galego de antes do ano 1000, onde se atopa a primeira referencia en lingua románica do nome de MESQUITA, feito que non bastou para que a nosa Universidade, se cadra mesmerizada por liñas de investigación alleas, procurase unha vía autóctona de explicación.
A nosa teoría ten a súa base nun verbo latino, que pode estar na orixe dunha chea de topónimos galegos.
Trátase do verbo moneo ou admoneo co seu significado de “advertir” ou “avisar”.
Unha admonición era o aviso que se daba nas igrexas por se alguén coñecía algún impedimento para o casamento dunha parella.
“Déronlle as municiós!” así expresaba a fala popular o aviso da inminencia dun matrimonio.
Asevera o sabio portugués Almeida Fernandes, que desa “admonición “ procede o topónimo de MONÇAO (lugar de vixilancia), e aínda que a mesma palabra latina estaría na orixe da verba “mozo”, se cadra a traveso dun “monitio”, facendo referencia ao emprego que se lle daba aos rapaces do rural para termar do gando, facer recados, levar avisos e exercer funcións de vixilancia.
Non foi casual que fosen os ollos dun rapaz, Rodrigo, o que enxergase por vez primeira terras de América desde o mastro dunha nave chamada A GALEGA, exercendo a súa función de “mozo”, ou sexa, asexador e avisador.
MOZO, MOUZO, MONÇAO, tudo na base do verbo latino MONEO,ERE, avisar.
Nos documentos medievais aparece a referencia a “a pena moasqueira”, que nós interpretamos como unha pedra “avisadora” ou MONESCARIA de onde presupomos que saíron unha chea de topónimos como MOSQUEIRA, MOSQUEIROS, MOSCALLOS, MOSCÁN, e por aí… e que entendemos que nada teñen a ver co coñecido e efémero insecto do verán.
De aí sairían tamén os máis fidalgos apelidos do País como: PENELA, MOSQUEIRA ou MOSCOSO, este último da casa de ALTAMIRA; todos nomes que fan referencia a alturas penedosas ou a torres vixías asexando os potenciais perigos sobre o horizonte ou ao oficio de vixiante ou MOSQUEIRO, paralelo aos demais empregos daquel tempo como: Besteiros, monteiros, escudeiros ou xogadoiros.
Ao atoparse cos musulmás, os galegos ficaron surpresos polo xeito que os sarracenos tiñan de convocar aos seus fieis.
Mentres os cristiás o facían badalando os sinos de bronce ou “a campá tangida”, os mouros convocaban ouleando a viva voz empoleirados nunhas torres que os galegos entenderían como semellantes ás súas torres avisadoras ou “penas mosqueiras”.
Torre MONESQUITA > MOESQUITA > MESQUITA podería ser tido un dos posíbeis camiños evolutivos desde o latín.
Os francos, xermanos, anglos e italianos, que viñan polo Camiño a Compostela ouvirían falar aos galegos desas torres MONESCAS ou MOSCAS e de aí levarían para o seu país o chamadoiro de MOSQUE, MOSQUÉE, OU MOSCHEA para os oratorios musulmás.
E, cómo poderá ser que luzan o nome de MESQUITA lugares aínda hoxe deshabitados e sen trazas de ter existido alí oratorio ningún?
Sob o noso ponto de vista, eses lugares han estar inzados de penedos, que os populares chaman de “castelos” e que en tempos foron usados como PENELAS na súa función avisadora ou MONESQUITA.
Unha última axuda á nosa tese é que o padroeiro da MESQUITA de Celanova sexa San Pedro. Sabemos que este santo ostenta o patrocinio de antigas parroquias coa común característica de estar afincadas en lugares penedíos e empoleirados sobre o horizonte, facendo honor ao destino evanxélico do apóstolo: ”Ti es Pedro, e encol desa pedra,…..”
O nome do lugar debeu mudar pois, ao pé da ECLESSIOLA, comezaron a construír unha ousada torre para cumprir unha función de vixía; a importancia deste novo edificio caracterizou a ermida que agora non era unha calquera, senón a ermida da torre MESQUITA, nome que acabou primando sobre a primordial IGREXOA.
Velaí.